Blog

Por fin se move a Consellería de Sanidade!

Dende a sua creación o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) tivo como unha das suas principais preocupacións a cuestión do suicidio. Algúns dos feitos que motivaron o nacemento do MGSM, e que foron verdadeiros revulsivos de concencias, están relacionados coa reducción de recursos sanitarios e os seus efectos nesta causa de morte das persoas.

Periódicamente chamamos a atención pública e dos profesionais sanitarios sobre o que estabamos a observar: cifras intolerables, pasividade gubernamental, necesidade da prevención seguindo as orientacións da OMS,…, e chegamos a ser escoitados por algún medio de comunicación e a oposición política, quen ó longo da lexislatura presentou diversas iniciativas no Parlamento Galego que outras tantas veces foron rexeitadas polo Partido Popular e polo Goberno da Xunta, quen mesmo cuestionou a validez das cifras procedentes do IMELGA.

Chegamos así a primeiros deste ano 2016 en que decidimos iniciar unha campaña de sensibilización social e reivindicación do Plan Galego de Prevención, coñecida como “Badaladas pola prevención do Suicidio”. Dende o 3 de maio sostivemos tódolos dias en Praterías o recordatorio da gravidade do problema co que estamos a convivir, e foisenos engadindo xente, organizacións, institucións,…, e a chamada extendeuse ata que o dia 30 do pasado mes de xuño as badaladas resoaron por Galicia da man de SOS-Sanidade Pública e do MGSM.

Nada se logra sin esforzo. Nada que resposte ó interés de todos se logra sin xenerosidade. As badaladas sostéñense sobre un grupo humano que lles dá a constancia implacable dun reloxio. Un grupo teimudo cun amplo apoio social (a unanimidade ca que moi diversas organizacións sociais, e persoas, aceptaron a proposta de participación neste acto simbólico é a mais clara e agradecida expresión dese apoio).

É esta unha longa introducción para decirvos que dende a semana pasada está en marcha a formación pola Consellería de Sanidade dun grupo de traballo que deberá elaborar o plan de prevención do suicidio. Á primeira xuntanza dese grupo están convocadas diferentes persoas: os xefes de servizo de Psiquiatría do SERGAS e outro de Atención Primaria, o xerente de FEAFES, a directora do IMELGA, o director do 061,e dous facultativos mais das EOXI de Ourense e Santiago.

Só cabe felicitarse porque se recoñeza dende a Xunta a importancia da cuestión, e se asuma por fín pola Consellería de Sanidade que debe elaborarse o plan de prevención. Lástima de tres anos perdidos e tantas propostas rexeitadas. Foi e será un esforzo útil o das badaladas. De seguro que a convocatoria deste grupo é consecuencia do traballo da xente que as sostén, e que as sosterá ata ter un plan que siga as orientacións da OMS.

Imos ver cara onde se quere ir dende a Consellería e cal é o seu grado de xenuino compromiso mais alá das circunstancias electorais. Neso estamos.
Mentras tanto, o dito, felicitémonos, e sigamos cas badaladas.

COMISIÓN COORDINADORA DO MGSM
En Santiago a 11 de xullo de 2016

811 Comments - Leave a Comment