Blog

A POBOACIÓN INFANTIL E XUVENIL NECESITADA DE HOSPITALIZACIÓN EN SAÚDE MENTAL NA ÁREA DE VIGO CARECE DE UNIDADE ESPECÍFICA

A POBOACIÓN INFANTIL E XUVENIL NECESITADA DE HOSPITALIZACIÓN EN SAÚDE MENTAL NA ÁREA DE VIGO CARECE DE UNIDADE ESPECÍFICA

Hai agora un ano fíxose publicidade oficial da posta en marcha, cando se iniciara o funcionamento do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, dunha Unidade de Hospitalización de Saúde Mental para poboación infantil e adolescente con seis prazas, que sería referencia para a hospitalización desa poboación das provincias de Ourense e Pontevedra.

En 2012 abriuse no Hospital Clínico de Santiago a única unidade deste tipo existente ata agora en Galicia. Daquela xa fora contestada por chegar tarde, por dotacións insuficientes e por redución moi importante do proxecto inicial. Daquela tamén se abusou pola Consellería de Sanidade da publicidade, presentándose como realización inmediata durante dous anos e, ó final, naceu reducida e co seu equipo asistencial incompleto.

As Unidades específicas de saúde mental para a asistencia en réxime de hospitalización da poboación de menor idade é unha esixencia legal con valor de Lei Orgánica de obrigatorio cumprimento dende o ano 2000, e xa foi incluída como mandato para tódolos paises na Declaración Universal dos Dereitos da Infancia da Asamblea Xeral da ONU en 1989.

Galicia ten un atraso intolerable na creación destas Unidades. Mentras noutras Comunidades autónomas foron avanzando, no noso país só se creou unha en Santiago e insuficientemente dotada.

A pesar de toda a publicidade sobre esta cuestión despregada polo SERGAS nestes anos a realidade da Área de Vigo, e con ela das provincias do sur de Galicia, é que a día de hoxe carece da Unidade de Hospitalización sen que se coñezan os tempos para a súa apertura.

Pero máis grave resulta que, como consecuencia desa carencia de Unidade de Hospitalización específica, os menores son ingresados en habitacións na Unidade de Hospitalización de Adultos, na cal para evitar compartir espazo cos pacientes ingresados nesa Unidade ven restrinxida a saída do seu cuarto. Estas condicións de hospitalización infantil e xuvenil son intolerables, lesionan dereitos dos menores, comprometen a eficacia terapéutica e insultan ó sentido común.

Non é aceptable que por un día máis en Vigo se careza desta Unidade de Hospitalización: porque é obrigatoria legalmente, porque é necesaria asistencialmente e porque xa foi máis que rendibilizada publicitariamente polos responsables do SERGAS.

One Comment - Leave a Comment
  • Leave a comment

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    *