Informe da Asemblea do MGSM realizada en Santiago o pasado día 20 de xuño de 2015, no marco da Xornada do Movemento
Ás 6 da tarde do 20 de xuño realizouse en Santiago a Asemblea do MGSM, diante da cal se presentou o informe da actividade desenvolvida ó longo do ano que discorre dende a última asamblea realizada na xornada de xuño do ano pasado.
A diversidade e intensidade das actuacións desenvolvidas en relación cos problemas mais graves que estamos a vivir no eido da saúde mental sustentan a valoración de que o MGSM foi quen de colocar como motivo de preocupación institucional esta cuestión (é boa proba diso a actividade en relación con esta cuestión no Parlamento de Galicia), mantivo a sua presenza nos medios de comunicación e, a través deles, fixo chegar a información á sociedade no seu conxunto (de todo iso da conta o blog e a web do Movemento), mobilizouse na defensa dos recursos sanitarios públicos e contra os recortes neste sector, e sensibilizou e mobilizou a entidades sociais, profesionais e de usuarios a prol da protección dos recursos asistenciais e dos dereitos das persoas afectadas por enfermidade mental.
Sinalouse a necesidade de maior desenvolvemento de actividade local.
Fíxose presentación dos medios de comunicación do Movemento e dos seus desenvolvementos: web, blog, facebook e twitter.
Trazouse tamén a liña de actividade para o futuro curso, que ten citas obrigadas como é a do Dia Mundial da Saúde Mental, e tarefas xa plantexadas como é o desenvolvemento local.
Tamén se acordou que atendendo ó momento sociopolítico no que estamos, á gravidade dos problemas existentes, e á experiencia xa acumulada na relación coas institucións e os axentes políticos, o MGSM debe marcarse como tarefa e como obriga a de realizar a súa contribución específica ó cambio social e político en curso, á procura de marcos de convivencia social máis sensibles e favorables á protección da saúde e ós dereitos da cidadanía en xeral e moi en particular no referido á saúde mental. Con tal finalidade, baixo a iniciativa do MGSM, e tendo como referencia a sua declaración fundacional, deberán definirse nun tempo próximo as liñas estratéxicas para unha mellora da atención pública á saúde mental en Galicia, co fin de presentarllas ás opcións políticas que han de ser a alternativa de goberno na nosa sociedade, para que estas as incorporen como compromisos de goberno no inmediato futuro de cambio que esperamos.
Xa, por último, a Asemblea ratificou por unanimidade á Coordinadora Nacional do Movemento e á Portavocía do mesmo.