Blog

Ante unha etapa social e sanitaria decisiva para a Saúde Mental

Ante unha etapa social e sanitaria decisiva para a Saúde Mental
A situación social e sanitaria continúa o seu agravamento progresivo. O peor en enfermidade mental, pobreza e marxinación social aínda está por chegar. Mentres os gobernantes de Madrid e da Xunta felicítanse de acandaren os obxectivos de déficit, agochan que seis mil millóns de euros públicos obtéñenos da perda das prestacións por desemprego (dous de cada tres parados en Galicia non cobra a prestación). E ó mesmo tempo que as autoridades sanitarias “inventan” sistemas para manter á xente enferma ocupando cama nas súas casas, presentando como un éxito de xestión o recorte de camas de hospitalización, empeoran os datos que informan da saúde mental da poboación e do aumento das necesidades asistenciais.
A relación entre pobreza-enfermidade mental-marxinación social e desesperación está ben demostrada. A Consellería de Sanidade ten os datos de como se está a agravar a situación xeral neste eido. Pero mantenos agochados incumprindo o seu deber de información pública. Tampouco presenta ningún plan de actuación, desatendendo a súa obriga. Nada nos anuncia en saúde mental un próximo período mellor. Todo o contrario. A atención á saúde mental tamén seguirá o seu plan de privatización e recortes.
Neste contexto faise aínda máis necesaria a presenza, ampliación, actividade e reforzamento do Movemento Galego da Saúde Mental(MGSM). Dende que se presentou publicamente hai catro meses, o MGSM contribuíu de xeito importante a poñer a situación da saúde mental en lugar relevante entre as preocupacións informativas e políticas, ampliou e diversificou a súa composición, enfrontouse a intentos de redución de recursos, denunciou movementos cara a privatización de servizos, formulou análises e alternativas, e xuntou a máis de duascentas persoas na Xornada recentemente celebrada en Compostela.
Comprobamos que con traballo, razóns, argumentos, e decisión pódese facer fronte ás actuacións que están a danar o patrimonio sanitario común, e que poñen en risco a asistencia sanitaria da poboación.
Temos por diante unha etapa preocupante. Aínda non chegou a crista da onda do dano social e sanitario causado pola solución que dende os gobernos central e autonómico se está a dar á crise. Debemos prepararnos, porque veñen máis intentos de redución do patrimonio común e dos dereitos sanitarios e sociais, máis limitación ás prestacións, máis privatización. En definitiva, máis dano á asistencia á saúde mental da poboación.
Temos varias tarefas principais para o tempo vindeiro:
  • Cómpre ampliar e reforzar a unidade e diversidade do MGSM, buscando o compromiso de todos quen comparten a súa Declaración Fundacional, o seu compromiso e o seu traballo.
  • Tense que seguir con atención o desenvolvemento das reformas legais en proxecto, nomeadamente a do Código Penal.
  • Hai que xerar en cada Área Sanitaria organización e actividade para enfrontar o deterioro dos recursos e as actuacións antidemocráticas dos xestores en cada lugar onde ocorra.
  • Débese avanzar con rigor técnico na definición de propostas sanitarias e sociais concretas, para corrixir o deterioro da atención á saúde mental, e en particular aquelas que resposten ás necesidades das persoas con trastorno mental grave e as súas familias.
  • Temos que defender e denunciar calquera dano ós recursos e dereitos sanitarios, sociais ou laborais.
  • Cómpre manter a actividade sensibilizadora social e a cooperación cos medios de comunicación, así como promover nas Institucións posicionamentos de defensa da saúde mental da poboación.
  • Débese, por todos e cada un de nós, desenvolver o noso traballo cun compromiso activo ca defensa dunha atención sanitaria de calidade e do sistema sanitario público.
Nun tempo inmediato comenzamos xa a organizar as accións que han de dar ó Día Mundial da Saúde Mental, a celebrar o 10 de outubro, o seu xusto significado, aquí e agora, para que sexa protagonizado por quen padece os problemas e por quen contribúe ás solucións. Nese día deixaremos atrás, ca participación de todos, as meras accións autopropagandísticas ás que nos teñen acostumados dende a Consellería de Sanidade.,
É todo este un traballo ó que chamamos a todas as persoas sensibles e solidarias, comprometidas co ben común, convencidas de que a igualdade e a xustiza son as bases máis desexables e firmes para a convivencia.
Para todo iso o Movemento debe ser un instrumento útil, facilitador da participación e coordinador da pluralidade e a creatividade de todos quen o compoñen.