GRAVES SIGNOS DE DETERIORO NA ATENCIÓN Á SAÚDE MENTAL EN GALICIA

Hai uns días fíxose público o informe que, en exercicio das funcións do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, realizou o Defensor del Pueblo sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo.

O reflectido no documento confróntanos cun estado da atención ás persoas ingresadas nesa Institución moi grave e preocupante.

Constátase nese informe a vulneración de dereitos fundamentais dunhas persoas que, cómpre recordar, atópanse vivindo durante períodos moi prolongados nese espazo sanitario (é un Hospital) en condicións de internamento involuntario, o que incrementa a obriga de coidado e respecto por parte do sistema sanitario e dos seus profesionais.

Sinálase no documento a carencia xeral de recursos asistenciais para a sua adecuada atención, a súa insuficiente protección tutelar (en especial cando a devandita función corresponde á fundación pública), califícanse as instalacións de obsoletas, fanse patentes inadecuadas condicións residenciais, recórdase a infradotación de profesionais sanitarios básicos como son os/as psicólogos/as clínicos/as, e chámase a atención sobre o inadecuado rexistro e documentación das actuacións e funcionamento. Só obtén unha valoración positiva a actitude do persoal asistencial.

Tamén, dun xeito que debe ser salientado, faise referencia á utilización da contención mecánica (inmobilización de pacientes con sistemas de suxeición) como castigo e á probable utilización de psicofármacos como instrumentos de suxeición química (casos de sobremedicación).

Ante todo isto, os órganos competentes da Xunta de Galicia nin tan sequera responderon ao formulado polo Defensor del Pueblo. Sen embargo, á luz do informado sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo urxe revisar canto antes o estado das institucións de hospitalización psiquiátrica prolongada de Galicia (os hospitais psiquiátricos públicos que, con diferentes nomes, aínda existen no noso país) e, por suposto, é fundamental un plan con responsabilidade definida que corrixa o denunciado polo Defensor.

Coincidente no tempo, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) coñeceu que nalgunhas áreas sanitarias de Galicia o ingreso de persoas con trastornos psíquicos necesitados de asistencia en Unidades de Hospitalización Psiquiátrica para procesos agudos se estaba a producir con frecuencia fóra das Unidades existentes para tal fin nos Hospitais Xerais, derivándose o seu ingreso ás Unidades de Coidados Especiais (UCE) ubicadas nos chamados Hospitais de Rehabilitación Psiquiátrica (é así que, por exemplo, no caso de Lugo téñense producido nos meses de abril e maio deste ano, ata catorce ingresos na UCE ubicada no Hospital de Calde que, ademais, carece do equipo asistencial indicado no Plan Estratéxico de Saúde Mental suspendido polo goberno do Partido Popular dende o 2009). A causa inmediata destas actuacións é a carencia de camas por ocupación plena das Unidades de Hospitalización dos Hospitais Xerais, que é resultado á sua vez tanto da insuficiente dotación física e profesional das mesmas, como da incapacidade e infradotación dos dispositivos extrahospitalarios de saúde mental e dos recursos de apoio sociocomunitario, o que ocasiona agravamentos nos estados das persoas que acaban provocando a necesidade da súa hospitalización.

Esa actuación dos responsables asistenciais e xestores dos centros hospitalarios do SERGAS derivando a hospitalización psiquiátrica das persoas con estados/descompensacións psíquicas agudas fóra dos Hospitais Xerais discrimina inxustamente ás persoas con padecementos psíquicos, cáusalles un dano evitable, é estigmatizante, vulnera o dereito á igualdade das persoas e constitúe unha violación flagrante do ordenado na lexislación vixente (art. 20.2 da Ley General de Sanidad; art. 10.1 do Decreto polo que se regula a Saúde Mental en Galicia), ademais de ser unha utilización ineficiente dos recursos asistenciais.

Tanto o informe do Defensor del Pueblo como o que está a ocorrer coa hospitalización psiquiátrica, son signos da grave situación na que se atopa a atención á saúde mental en Galicia.

Estanse a ver os efectos da desplanificación realizada dende o 2009, do incalificable abandono no noso país dos plans de reforma iniciados en España xa hai máis de trinta anos nos que aquí se está a retroceder en compoñentes fundamentais , da infradotación persistente de recursos asistenciais en Atención Primaria e en Saúde Mental, dos recortes producidos nos eidos sanitario e social, do agravamento das condicións de vida daqueles sectores sociais que xa estaban en condicións de fraxilidade antes da crise, da pasividade responsable de xestores sanitarios e xefes asistenciais ante feitos como os aquí denunciados.

O MGSM valora esta situación como de especial gravidade, en particular para os máis vulnerables da sociedade, xa que segue un curso de deterioro progresivo, retrocede a situacións asistenciais pre-Reforma Psiquiátrica e non se adoptan decisións nin se poñen medios polo Goberno da Xunta de Galicia para cambiar esta evolución.

A cidadanía, as entidades asociativas, os partidos políticos, os Concellos, o Parlamento, a sociedade no seu conxunto debe atender a esta chamada de alarma e debe mobilizarse cos medios dos que dispoña polo ben e polo futuro de todas e todos nós.

UNHA MORTE INACEPTABLE

Hai poucos dias fíxose pública, a través da prensa, a morte dunha muller de 74 anos ingresada en Lugo no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) na planta de cirurxía vascular. Según declaracións do seu neto, el mesmo avisara 24 horas antes que a súa familiar lle comunicara a súa intención de morrer, o que finalmente se produciu por precipitación a un patio interior do Hospital. Tamén comentara cómo notaba animicamente á súa avoa, por mor da súa situación de saúde e outras circunstancias persoais.

O neto quéixase de falta de información e de explicación formal por parte dos responsables do Hospital, que non se lle deixou ver o corpo da falecida e valorando todo o ocorrido como efecto dunha neglixencia.

Na información que destaca a prensa recórdase que ocorreron anteriormente outros sucesos similares nese Hospital.

Lamentamos profundamente as circunstancias do falecemento.

Tal e como coñecemos por ocasións anteriores, cando hai unha queixa/denuncia sobre unha situación asistencial, a Institución Sanitaria mostrará as súas condolencias á familia e valorará os feitos ocorridos como inevitables (reforzando o mito da impredecibilidade xeneralizada do suicidio). Tamén realizarán unha louvanza dos profesionais, no seu enésimo intento de agochar detrás deles as insuficiencias de dotacións e funcionamento do Hospital.

E así está a ser: mal que ben, a situación asistencial e de trato aos pacientes non está peor porque os profesionais palían co seu esforzo e dispoñibilidade a carencia de recursos e a incapacidade de non poucos dos seus directivos (e, de novo, facémonos eco aquí do agradecemento expresado polo familiar da paciente falecida).

Pero debemos salientar que as plantillas profesionais son insuficientes e por debaixo dos estándares necesarios para garantir a adecuada calidade asistencial (da que a seguridade dos pacientes é unha das súas compoñentes): a atención psiquiátrica e psicolóxica especializada a pacientes hospitalizados/as no conxunto do HULA está por debaixo de mínimos, a dotación dos dispositivos de saúde mental da área é escasa e a cobertura de baixas e substitucións en diferentes servizos e especialidades non se está a realizar.

Tamén é destacable a carencia dun programa de prevención do suicidio no Hospital do que, a pesar da propaganda realizada pola Consellería de Sanidade e o SERGAS en relación a este tema, non se ten noticias nin tan sequera da súa elaboración. Non se aplican procedementos de actuación ante pacientes con risco de suicidio e os que existen só se empregan nas unidades de hospitalización psiquiátrica, cando sabemos que o suicidio non está restrinxido ás persoas diagnosticadas cunha enfermidade mental.

Pero o colmo acádase cando polos responsables xerenciais e asistenciais non se acolle aos familiares e achegados/as co coidado que necesitan, conforme ao indicado na atención en mortes por suicidio, para a posvención en superviventes (que comenza por informarlles adecuadamente e facilitarlles o contacto e coñecemento dos feitos acontecidos, recoñecéndose as insuficiencias asistenciais que poideran terse producido na prestación dun servizo público).

Todo esto explicita a falta de concreción do Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, aprobado, publicado e publicitado polo SERGAS en setembro de 2017, e que desenvolve as liñas estratéxicas en planificación, formación, detección, prevención, intervención e posvención.

Debe recoñecerse que o ocorrido constitúe en si mesmo o expoñente do fracaso na prevención do suicidio en tódalas suas fases, e cómpre xa:

  • Proporcionar a información e atención aos familiares, incluíndo as desculpas e reparacións oportunas.

  • Analizar o ocorrido, dende a súa consideración como evento centinela, para obter coñecemento que oriente as accións necesarias para evitar a súa repetición no futuro.

  • Dotar ao hospital dun programa de prevención no que se especifiquen actuacións para a humanización da institución e de coidado psicolóxico ás persoas ingresadas nos diferentes servizos, protocolos de actuación nos mesmos e accións de sensibilización, información e formación do persoal sanitario.

  • Dotar adecuadamente cos profesionais necesarios os dispositivos de atención psiquiátrica e de psicoloxía clínica do HULA para garantir as atencións especializadas ás que teñen dereito as persoas ingresadas en todos os servizos do Hospital.

  • Presentar polos servizos, e en especial polo responsable da atención á saúde mental, a estimación de dotacións adecuada para proporcionar unha atención sanitaria á súa poboación de referencia, que responda ás súas necesidades e sexa acorde cos coñecementos e capacitacións profesionais actuais.

OUTRO SUICIDIO MÁIS NUNHA UNIDADE DE HOSPITALIZACIÓN PSIQUIÁTRICA. ¿COMO É QUE AÍNDA NON EXISTE UN PROTOCOLO DE PREVENCIÓN?

Hai uns días suicidouse unha paciente estando ingresada na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica (UHP) do Hospital Gil Casares, pertencente ao Complexo Hospitalario de Santiago.

Traxicamente a hospitalización realizada para previr o seu suicidio foi o marco no que este ocorreu, polo que na súa dimensión sanitaria cómpre o seu tratamento (investigación, comprensión e propostas de medidas a adoptar para prevención futura ) dende a consideración de incidente crítico.

O risco de suicidio de persoas ingresadas en Unidades de Hospitalización Psiquiátrica é unha das problemáticas máis importantes e frecuentes nestas Unidades. A súa prevención e a modificación dos factores que sustentan ese risco é unha das actuacións máis importantes neses espazos asistenciais.

Cúmprese agora un ano dende que denunciamos o falecemento, tamén por suicidio, doutra paciente ingresada na outra UHP do Complexo Hospitalario de Santiago, no Hospital Médico Cirúrxico de Conxo.

Xa daquela se contestou por aqueles que dirixen a atención sanitaria que se estaba a elaborar un protocolo que definira e orientara as actuacións preventivas para que feitos así non se produciran.

O certo é que a día de hoxe, un ano despois, o devandito protocolo aínda non se aplica na EOXI de Santiago, polo que cando menos estamos ante unha conduta dos responsables sanitarios calificable como neglixente na xestión da atención sanitaria prestada polo SERGAS, e que se inscribe no marco xeral de “deficiente funcionamento dos servizos públicos” recentemente sinalado polo Defensor del Pueblo.

Previr as mortes por esta causa en unidades hospitalarias esixe xa a adopción inmediata das medidas adecuadas, reforzando o carácter terapéutico desas unidades, dotándoas dos medios materiais, profesionais e de funcionamento necesarios e , entre eles, definindo e implantando mediante a participación dos profesionais os protocolos de prevención adecuados.

Pero debe chamarse a atención sobre o feito de que calquera plan preventivo ten que ser moito máis que un mero plan de control das persoas hospitalizadas. Polo contrario, ten que ser un conxunto de actuacións orientadas terapeuticamente e guiadas polo escrupuloso respeto aos dereitos fundamentais de tódalas persoas.

Urxe xa a revisión e implantación do protocolo de prevención, para mellorar a protección da saúde e da vida dos/as pacientes, e tamén para proporcionar orientacións claras ás actuacións profesionais que reduzan a súa indefensión.