ORIENTACIÓNS MARCO PARA A ELABORACIÓN DO PLAN GALEGO DE SAÚDE MENTAL 2017

Galicia carece de Plan de Saúde Mental dende o ano 2009. O retorno ó goberno do Partido Popular trouxo consigo, neste eido, a suspensión sen explicación nin substitución do Plan Estratéxico de Saúde Mental Galicia 2006-2011, en aplicación polo goberno precedente.

A ausencia , dende hai oito anos, de planificación da atención á saúde mental nun período de crise económica e de recortes na sanidade pública, cando se estaba a agravar a saúde mental da poboación, supón a deixación de funcións fundamentais asignadas á Administración Sanitaria.

Neste tempo as prestacións sanitarias legalmente recoñecidas relacionadas coa atención á saúde mental víronse debilitadas ou, sen máis, negadas de feito. Os dereitos das persoas necesitadas de atención foron a miúdo vulnerados, por mor do Real Decreto 16/2012 moitas persoas en grave situación de vulnerabilidade foron excluídas da atención sanitaria, a evolución dos indicadores da saúde mental da poboación seguiu tendencias negativas e a carga ineludible sobre as familias incrementouse, en moitos casos, a niveis tan inxustos como insoportables.

E agora, despois de oito anos de opoñerse en reiteradas ocasións ás propostas de que o Goberno da Xunta elaborara o Plan Galego de Saúde Mental (realizadas dende diversos sectores da sociedade e polos grupos da oposición de xeito unánime no Parlamento Galego) anúnciase polo titular da Consellería de Sanidade que se vai elaborar ese plan.

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) ante esa intención do Goberno da Xunta de Galicia, recentemente comunicada ó Parlamento, dispuxo os medios para definir as liñas que deben enmarcar o futuro plan, de tal xeito que este supoña un progreso en continuidade coa orientación do desenvolvemento da atención á saúde mental iniciada na Lei Xeral de Sanidade (1986) e nos documentos que a fundamentaron (Informe Ministerial da Comisión para a Reforma Psiquiátrica, 1985), seguida en Galicia polo Documento de Bases para a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental (1987), o Decreto polo que se regula a saúde mental en Galicia (1994), o Plan Estratéxico de Saúde Mental Galicia 2006-2011, e a Estratexia en Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde (2006-2009, 2009-2013) xunto cos documentos nela xenerados.

Podes consultar AQUÍ o documento completo

Declaración do MGSM polo Día Mundial do Suicidio

A morte por suicidio é un dos mais graves problemas de saúde pública. Case tódolos dias do ano morre por suicidio unha persoa en Galicia. A cantidade de persoas falecidas por esta causa incrementouse dende o comenzo da crise e xá é a principal causa de morte “externa” no noso país. O ano pasado voltou a aumentar.

A maioría das veces a morte por suicidio é resultado da combinación de razóns nada misteriosas: sufrimento psíquico intenso que pode afectar á saúde mental da persoa, carencias (afectivas, económicas, de expectativa de futuro, soedade, dor, enfermidade grave, incapacidade para manexar dificultades relacionais e emocionais,…), empobrecemento, paro, débedas, perda da vivenda, violencia no seo familiar, discriminación por ser “diferentes”, acoso escolar ou laboral, marxinación, …

A Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu en 2011 ós gobernos dos países europeos que a crise económica conlevaba un aumento do risco de suicidios se non se adoptaban políticas activas de emprego para reducir o paro, de reforzamento da protección social e sanitaria, de alivio da carga da débeda sobre as persoas que a sufren, e de apoio ás familias. En Galicia a Xunta non só fixo a política oposta sinón que mesmo se opuxo no Parlamento, na pasada lexislatura, a recoñecer a gravidade do problema e a elaborar un plan de prevención para cumprir co acordo da 66ª Asamblea Mundial da Saúde realizada en 2013 e acadar o obxectivo de reducción nun 10% da taxa de mortes por esta cuasa para o ano 2020.

Teríamos que ter en execución o Plan de Prevención do Suicidio para o noso país dende hai catro anos, pero non só non o temos sinon que antonte a Consellería de Sanidade fixo publicidade dun Plan sin dotacións e recursos, sin compromisos, sin responsables, un “copia e pega” de recomendacións publicadas pola OMS e EUREGENAS hai anos, redactado na sua maior parte por unha consultoría técnica privada, e que desvía a prevención á rede aistencial de saúde mental psiquiatrizando a conducta suicida e querendo ignorar que eses servizos sanitarios están saturados.

O compromiso de toda a sociedade na prevención do suicidio é fundamental: confrontando o estigma, apoiando ós mais fráxiles, facendo visible unha cuestión tan grave, reclamando ós poderes públicos o cumplimento da sua obriga de protección da vida da poboación e de promoción e coidado da sua saúde, e promovendo unha sociedade mais xusta e solidaria.

Hoxe, día mundial pola prevención do suicidio, ó mesmo tempo que moitas mais persoas e organizacións de todo O Mundo, facemos del un día de sentimento por mortes evitables, de reivindicación urxente de medios para previlas, e de denuncia pública da insoportable pasividade dos nosos gobernantes.

VALORACIÓN DO PLAN GALEGO DE PREVENCIÓN DO SUICIDIO

Xa se coñece o Plan Galego de Prevención do Suicidio elaborado pola Consellería de Sanidade. Por fin despois de máis dun ano dáse a luz ó documento.

Cómpre recordar que a oficina rexional europea da Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu en 2011 dos riscos que a crise económica en curso creaba para a saúde mental das poboacións e de incremento de suicidios. Nun documento específico propoñía, baseándose en datos, medidas que os Estados debían implementar para previr o que se anunciaba. En Galicia as principais medidas propostas non se adoptaron.

Á vez a 66ª Asemblea Mundial da Saúde aprobou en 2013 o plan de acción en saúde mental 2013-2020, no cal se asumiu polos estados membros o obxectivo de reducir en cada país a taxa de suicidios nun 10% para o 2020. A OMS elaborou e difundiu un documento específico para orientar ós paises nas accións a desenvolver e recomendou desenvolver estratexias nacionais. Catro anos despois temos só algunha concreción neste Plan que aquí valoramos.

Tamén na pasada lexislatura do Parlamento español, o Congreso e o Senado instaron, por unanimidade, ó Goberno de España a elaborar un plan de prevención do suicidio. Non se cumpriu ese mandato.

Á vez no Parlamento Galego, tamén na anterior lexislatura, a totalidade da oposición instou en catro ocasións á Xunta de Galicia a elaborar un plan galego de prevención. Os gobernantes minimizaron o problema e acusaron á oposición de instrumentalizalo politicamente, e a Consellería de Sanidade non fixo nada.

Ademais, no ano 2012, un grupo de traballo formado por profesionais de Galicia elaborou a “Guía de Practica Clínica de Prevención y Tratamiento de la Conducta Suicida”. Esa guía é a orientación de referencia para o Sistema Nacional de Salud Español. En Galicia, as medidas que propón non se incorporaron sistematicamente á práctica asistencial, descoñecéndose o seu grado de implantación debido á carencia de iniciativa, seguimento e avaliación no SERGAS.

E xa no ano 2016, o Movemento Galego da Saúde Mental levou ó espazo público a campaña Badaladas pola Prevención do Suicidio, reclamando o plan galego de prevención. Cando levábamos un mes e medio na rúa con accións de sensibilización, a mediados de xuño, a Consellería anunciou o comenzo da elaboración do plan.

Mentres pasaba todo isto, a Xunta desentendíase desta cuestión en plena crise económica e cada día morría por suicidio unha persoa en Galicia. Mortes inaceptables cando eran evitables, que xeneraron cifras únicas, tan só comparables se acaso coas mesmas do ano anterior ou de calquera outro ano de Galicia. Elevadas

sempre, máis aínda cando non se fixo nada por quen tiña a obriga de coidar a saúde e a vida da poboación.

En 2016, volveu a aumentar o número de mortes por suicidio en Galicia: según datos do IMELGA foron 25 persoas máis respecto a 2015 alcanzando a cantidade de 345 en toda Galicia (un 7,71% de incremento, e unha taxa de 12,69). Outro ano perdido para a prevención. É xa imposible acadar o obxectivo acordado e recordado por OMS para o 2020.

O Plan que coñecemos ten un valor principal: coa súa propia existencia recoñece a gravidade do problema. E, ademais, danos unha idea do que xa se debería estar a facer. Son as súas propostas coñecidas e difundidas dende hai anos: o documento OMS de 2013 (1) xa as recolle, e o proxecto EUREGENAS (UE) (2) no que participan outras comunidades autonómicas do Estado Español xa as difundiu hai tempo.

E, como non podía ser doutro xeito, o Plan Galego recólleas. Está ben que a Consellería comence a facerse cargo desta responsabilidade e poña nos seus papeis as recomendacións xerais nas que vimos insistindo.

Pero o documento do Plan Galego que coñecemos contén cuestións moi preocupantes, que compromenten a súa fundamentación e cuestionan a súa viabilidade:

  1. Non cumpre cun requisito básico definido pola OMS na elaboración dun plan así: asignar recursos (fondos, tempo, persoal) e, polo contrario, anuncia baixo o que chama “principio de eficiencia” que se utilizarán os recursos existentes (páx.5).

  1. Non establece responsables institucionais da súa implantación, execución e avaliación; máis alá de referirse á creación dunha Comisión Interdepartamental que non sitúa no organigrama da Xunta.

  1. Non fixa un cronograma para a súa implantación e primeira avaliación.

  1. Preténdese minimizar a relación entre crise económica e suicidio ignorando que ésta é unha cuestión amplamente estudada e coñecida a nivel mundial (aínda que xa sabemos que Galicia é sitio distinto). O esforzo por ignorar esta relación chega a excluír das referencias bibliográficas documentos fundamentais de OMS-Europa, expresamente elaborados para orientar ós gobernos no afrontamento dos riscos da crise nesta materia e sobre a saúde mental en xeral (3).

  1. Presenta os datos de prevalencia do suicidio desagregados por grupos de idade, de quince, de dez e de cinco anos, sen xustificación e carecendo de calquera utilidade informativa, explicativa ou preventiva. Pero acaban valendo para transmitir a imaxe de que a posición relativa de Galicia neste grave problema non é a peor no Estado Español (páx. 24 a 27). A esta forma de utilizar os datos chámaselle “cociñalos” e constitúe unha forma inaceptable de tratar cun problema tan grave para a comunidade e tan doloroso para as persoas.

  1. Non recoñece a calidade superior dos datos do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), que ano tras ano nos recorda a infraestimación de mortes que por esta causa fai o Instituto Nacional de Estadistica (INE). Polo contrario, o texto remítese con eufemismos á discrepancia entre ámbalas dúas fontes de datos. Parecería lexítimo se non fora porque o propio INE recoñece a súa infraestimación. OMS xa sinalou que unha das primeiras tarefas de prevención é mellorar a calidade dos datos.

  1. Vencella a conducta suicida á enfermidade mental trasladando así a principal acción preventiva ó sistema asistencial da saúde mental. Psiquiatriza dese xeito condutas suicidas e estados anímicos depresivos das persoas, provocados en non poucas ocasións por unhas condicións de existencia atravesadas por desigualdades inxustas, e pasa a atribuír a súa principal causa a trastornos psíquicos e a súa prevención á actuacións dos profesionais de saúde mental, eludindo así os nosos gobernantes calquera responsabilidade sobre esta cuestión.

Desconsidérase entón a trascendencia preventiva de accións realizables dende os diferentes niveis da Administración e Goberno da sociedade, que causan efectos relevantes sobre a vida e o benestar das persoas e as comunidades. Así debe destacarse a importancia na prevención do suicidio da existencia de adecuadas dotacións sanitarias e de accesibilidade ás mesmas (en particular na Atención Primaria de Saúde), da dispoñibilidade de emprego, de condicións laborais menos precarias e ameazantes, de acceso de todos/as á dispoñibilidade de vivenda, de protección da poboación frente ó endebedamento enganoso e de cargas económicas insoportables, da mellora da xustiza social e das condicións de cumprimento de penas, da acción contra a violencia de xénero, da protección da liberdade sexual, da educación menos competitiva e máis centrada na convivencia e nas necesidades de desenvolvemento afectivo-social da infancia e da adolescencia, de incremento da protección e integración social dos sectores empobrecidos e/ou marxinados, da potenciación do apoio e integración comunitaria, do acceso á cultura e potenciamento da creación cultural.

Cómpre atender na prevención ó potenciamento dos factores de protección coñecidos.

  1. Insiste na estigmatización do suicidio ó utilizar no documento o termo “comete” (páx.43) para referirse á realización do acto suicida. Débese insistir en que se cometen delitos ou pecados e que ese termo é un dos reflexos máis claros do estigma que persigue a este comportamento humano.

  1. Supón tamén un maior risco de estigmatización a creación dun código de identificación específico no sistema sanitario para as persoas en risco de realizar condutas suicidas. Ese código, orientado á identificación, control e seguimento da persoa á que está asociado (páx.45) é unha das escasas propostas “novedosas” do Plan Galego e vai máis alá da codificación de enfermidade por necesidades sanitarias.

  1. Toma partido por un modelo explicativo da conduta suicida que carece de consenso profesional, reducindo artificiosamente a complexidade e significado individual e único que en cada persoa ten esa conduta. Ese posicionamento é innecesario para a actuación preventiva, introduce dogmatismo no documento, alonxa a sectores profesionais da saúde mental da identificación co mesmo e sustenta a uniformización asistencial da resposta ás necesidades de atención, apoio e comprensión da persoa en risco de realización de suicidio(páx. 18).

  1. Propón unha resposta asistencial da rede de saúde mental (en tempos e priorizacións) que parece descoñecer que os dispositivos asistenciais están saturados, que nin sequera se están a garantir no día a día as prestacións sanitarias obrigatorias. Ese estado de cousas constitúe, en si mesmo, un dos factores de risco de suicidio en persoas que están a ser atendidas nese nivel . A mesma valoración merece a implicación que no texto se lle propón á Atención Primaria de Saúde que, se ben é correcta formalmente, é imposible pola súa limitación de recursos (carencia de profesionais e tempo dispoñible para a asistencia) (páx. 45).

  1. Non fai unha soa referencia á participación de persoas que tiveron experiencia de suicidio en primeira persoa na formación de profesionais para a prevención e intervención, e na realización de actividades de educación comunitaria.

  1. Utiliza unha linguaxe inaceptable para unha sociedade respectuosa coa autonomía e dereitos das persoas. Así propón “…instaurar programas de prevención sobre os propios pacientes..”(páx. 43), en vez de “cos pacientes”, ou “…as persoas con ideación, intención ou plans suicidas requiren ser sometidos a vixilancia…” (páx. 47), cando ás persoas non é lexítimo nin legal sometelas excepto cando se quere aplicar sobre elas un castigo ou pena.

  1. Propón, nun arrebato de furor intervencionista, a farmacoterapia e psicoterapia preventivas a aplicar con persoas “… que mostran alto risco de problemas de saúde mental…” (páx. 50). Sobra recordar que os tratamentos terapéuticos só están indicados para cando están realizados os diagnósticos de enfermidade ou trastorno. A psicoterapia é un ben escaso na atención que presta o SERGAS por falla de profesionais capacitados e de tempo para atender adecuadamente ás persoas, a pesar de constituír ese tratamento unha prestación básica do Sistema Nacional de Saúde e, polo tanto, un dereito asistencial dos/as usuarios/as. A psicofarmacoterapia non está prevista para a prevención do suicidio e o seu uso fóra de indicación só redundará en máis gasto farmacéutico, máis intoxicación da poboación, probablemente máis incremento do risco, máis invalidación da persoa e máis negocio para as multinacionais do fármaco.

  1. Sorprendentemente establece que o 061 “…supón a porta de entrada ó sistema,…” (páx. 39). Imaxinamos que, aínda que grave, é un descuido de redacción, porque é sabido que só merece esa consideración a Atención Primaria de Saúde, aínda que nunca se sabe en que poden acabar e ter detrás estes aparentes deslices. Como tamén debe ser outro descuido tratar como unha “media” o que é unha “taxa”: a de 7,76 suicidios cada 100.000 habitantes en España en 2015 (páx.5).

En síntese, reduce o suicidio á sua dimensión asistencial sanitaria e psiquiatriza a súa comprensión e atención ó mesmo, evita compromisos de dotación de medios e de asignación de responsabilidades, non prevé accións para mellorar as condicións de existencia das persoas, desconsidera o valor que o suicidio ten como indicador de malestar social e propón recomendacións que deberan estar en aplicación na actividade ordinaria da Xunta dende hai máis de catro anos.

Pero, a pesar de todo isto, congratulámonos de que a Xunta asuma por fin que algo se debera estar facendo ante un dos máis graves problemas de saúde pública que padece Galicia. É este un fito histórico.

Notas:

(1) http://www.who.int/mental_health/suicide-prevention/es/

(2)http://www.juntadeandalucia.es/servicioandaluzdesalud/principal/documentosacc.asp?pagina=gr_smental_23_prevencionsuicidio_2

(3) http://www.euro.who.int/__data/assets/pdf_file/0008/134999/e94837.pdf

O DOLOROSO DANO DOS RECORTES NA HOSPITALIZACIÓN PSIQUIÁTRICA EN SANTIAGO

Hai tres anos que dende o Movemento Galego da Saúde Mental, na nosa primeira declaración, chamamos a atención sobre o deterioro progresivo no que se atopaba a atención á saúde mental en Galicia.

Sinalamos como causas máis destacadas dese deterioro os recortes sanitarios e as formas de xestión sen planificación e obstaculizadoras da participación dos profesionais da Sanidade Pública no facer cotián dos servizos e unidades asistenciais.

Tamén salientamos que como consecuencia diso se estaba a comprometer a calidade asistencial e a seguridade dos pacientes.

Recentes acontecementos na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo materializaron desgraciadamente estes pronósticos. O falecemento dunha paciente por suicidio e a denuncia, uns días antes, dunha agresión sexual por parte doutra paciente (ámbalas dúas ingresadas nesa Unidade) son cuestións de indudable gravidade que han de entenderse no marco do deterioro antes salientado.

Cómpre recordar que hai tempo que se vén denunciando publicamente dende diferentes instancias a escasa dotación desa Unidade, a frecuente retirada do persoal de Enfermería da mesma para cubrir necesidades doutros servizos do mesmo hospital (tamén debilitados polos recortes de persoal), a escasa actividade dos pacientes ingresados, a carencia de Terapeuta Ocupacional no equipo, a falta de medios para a coordinación e elaboración de plans terapéuticos nos que participen e se coordinen todos os profesionais, e a repetición de agresións ó persoal. Sen embargo, por quen ten a obriga de dirección e xestión, nada se fixo ante estas carencias e advertencias para corrixir o arriscado rumbo que se estaba a seguir.

Os acontecementos que hoxe motivan este comunicado público teñen unha dolorosa dimensión humana. Se se poden previr, non poden aceptarse silenciándoos ou permanecendo pasivos ante os mesmos, e menos aínda por profesionais da saúde mental. A sociedade ten dereito a saber o que ocorre nos servizos públicos que sustenta co seu esforzo. Feitos así deben ser coñecidos publicamente, e tamén han de ser tratados polos responsables do SERGAS como graves indicadores de que algo vai moi mal na atención á saúde mental.

A sua prevención futura esixe a adopción de inmediato das medidas oportunas, recollendo as aportacións dos profesionais, en particular de Enfermería, para a mellora da calidade da hospitalización psiquiátrica. E iso non se logrará con meras medidas de reforzamento do control dos pacientes ou de aumento da coerción sobre os mesmos. Polo contrario, esa prevención debe realizarse reforzando a finalidade terapéutica da hospitalización e o respecto aos dereitos fundamentais das persoas, dotando de profesionais suficientes e coa cualificación adecuada a esas Unidades (con especial urxencia debe dotarse a terapia ocupacional e profesionais de enfermería), implantando nelas formas de traballo participativas e coordinadas entre tódolos profesionais, definindo protocolos e instrucións de traballo claras ante os potenciais riscos, e rexistrando documentalmente de xeito sistemático a actividade desenvolvida por tódolos profesionais que prestan asistencia.

Diversos compoñentes da calidade asistencial na sanidade se viron afectados pola xestión que se fixo da crise económica. En concreto, nos casos que aquí denunciamos destacan as intolerables carencias na garantía de seguridade das persoas cando reciben atención sanitaria, a vulneración do seu dereito a tratamentos e coidados sanitarios acordes cos coñecementos actuais e en igualdade cos demais pacientes e usuarios, e o escaso respecto aos seus dereitos fundamentais e sanitarios.