A contestación da Valedora do pobo

O pasado 25 de marzo, a partir da difusión dunha información na Voz de Galicia na que se recollía a denuncia duns familiares que facían dese xeito pública a morte por atragoamento dunha enferma psiquiátrica nunha residencia de Mondoñedo para anciáns e discapacitados intelectuais, o MGSM fixo unha valoración pública e chamou a través da mesma a diferentes instancias a exercer accións no seu marco de competencias para esclarecer ese feito e evitar a sua repetición.

Estabamos de novo ante unha cuestión fundamental de vulneración de dereitos, de desprotección básica dos mesmos en persoas con enfermidade mental grave, frecuentemente tuteladas, e institucionalizadas en espazos residenciais inadecuados nos que, con non pouca frecuencia, reprodúcese o manicomio que queríamos e críamos xa superado. A “externalización” de residentes dos hospitais psiquiátricos derivou a miúdo en mera “transinstitucionalización” coa sua reubicación en novos espazos residenciais (inadecuados, mal dotados, mal supervisados, e sen a bagaxe formativa e de experiencia necesarias), coa participación (pasiva e activa) da Administración e de profesionais da rede asistencial de saúde mental.

Das institucións ás que recurrimos (Xunta, Parlamento, Valedora do Pobo) a Xunta non fixo constancia nin siquera de que recibira o escrito; no Parlamento a diputada do PSdeG-PSOE Carmen Acuña presentou diversas iniciativas orientadas tanto a coñecer a situación na que se atopan as persoas trasladadas ás residencias dende os Hospitais Psiquiátricos que se viñeron pechando nos últimos anos como a millorar a sua situación asistencial (foron apoiadas por tódolos grupos a excepción do grupo parlamentario do Partido Popular que as rexeitou coa sua maioría absoluta); e a Valedora do Pobo aceptou a trámite a denuncia recoñecendo que era un sector da sua preocupación prioritaria.

A valedora iniciou accións o 5 de abril ca seguinte comunicación:

valedora

Nese escrito solicita determiñada información á Xunta, pero non exerce a sua capacidade de investigación propia. As Consellerías aludidas non contestaron ata agora, e iso despois dun segundo requerimento da Valedora realizado o 12 de maio.

A contestación das Consellerías, que nos foi enviada o pasado dia 3, é satisfactoria para a Valedora (invitamos a comparar a contestación cas cuestións que lle requeriu ela mesma) e pon fin na sua opinión ao cumprimento da sua obriga institucional.
É a seguinte: RESPOSTA DAS CONSELLERÍAS Á VALEDORA

Nunha primeira valoración non podemos deixar de sinalar a tolerancia da Valedora coa abstracta resposta recibida e cos tempos que se tomaron as Consellerías para contestar ; nin tampouco deixar de ver a sua actuación diferente dependendo da Administración á que se dirixe (véxase a conducta agresiva e apremiante, mesmo con trascendencia nos medios de comunicación, que mantivo cos Gobernos dos Concellos de Santiago e A Coruña); nin podemos ignorar que non fai uso das suas competencias de investigación ante un caso que consideramos grave tanto en si mesmo, como porque é expoñente dunha realidade oculta que compre desvelar e que, por afectar a dereitos fundamentais de persoas que non os poden defender, implícanos a todos, dende á FUNGA, ata á fiscalía pasando polos profesionais da rede de saúde mental.

Vulneración de dereitos no Hospital de Calde

Nestes dias vén de facerse público que no Hospital de Calde (Lugo) prohibiuse a saída ó exterior de tódolos pacientes psiquiátricos ingresados debido a que apareceron con danos importantes coches aparcados nas proximidades, por causa de accións intencionais.

Os responsables sanitarios, sen identificar a quen causou os danos, estableceron que o culpable debía ser algún paciente residente no Hospital, e para evitar que se continuasen repetindo os feitos, adoptouse por quen ten poder para facelo (xestores e profesionais) a medida de prohibir a saída ó exterior de tódolos ingresados.

Se miramos o que se protexe (a propiedade dos coches) e o que se dana ca acción restritiva (a liberdade e a dignidade das persoas ingresadas), veremos que non hai comparación posible. Poderían e deberían terse adoptado outras medidas para protexer a propiedade, pero foi a restrición da actividade e da escasa libertade dos residentes a que se implantou. É unha decisión fácil e barata e, ademais, a capacidade de protesta dos afectados pola restrición dos seus dereitos é escasa ou casi nula.

Non consta que se abriran interrogantes nos responsables sanitarios sobre os motivos deses actos, o cal é sorprendente si é que foran protagonizados por pacientes psiquiátricos institucionalizados, xa que nese caso poderían ser signos de protesta contra algo ou alguén, de malestar, mesmo de descompensación ou agravamento do/s autor/es, ou de moi mal funcionamento da institución.

Aplicouse unha medida que só é, mire como se mire, un castigo colectivo, prohibido ata nos cárceres.

É así que a medida adoptada pasa a ser un síntoma da situación de abandono asistencial e marxinación na que se atopan os pacientes psiquiátricos residenciais, diante dos cales están incrementadas as obrigas públicas de coidado sanitario e de respecto aos seus dereitos (por xestores e profesionais) debido á sua indefensión. Sen embargo, os recursos para atendelos, coidalos e facilitar a sua recuperación en todo o posible, son moi escasos ou inadecuados; e a pesar da sua gravidade non son unha prioridade sanitaria senón todo o contrario.

Debe levantarse ese castigo colectivo de inmediato e non ha de repetirse. Urxentemente os responsables sanitarios de Lugo (Xerente e Xefe de Servizo de Psiquiatría) xunto cos representantes sindicais, e as asociacións de familiares e de profesionais, deben revisar dende unha perspectiva de dereitos humanos a situación na que se atopan os pacientes no Hospital de Calde, as dotacións profesionais do mesmo (cantidade, cualificación e formación),o seu réxime de funcionamento, e a existencia de plans terapeuticos e de coidado individualizados, xunto coas medidas para protexer da mellor forma os bens materiais.

Institucións coma o Hospital de Calde que, no seu funcionamento son capaces de adoptar medidas como a aquí denunciada e aplicalas como se foran normais, son institucións dañinas tanto para quen nelas residen como para quen nelas traballan.

Crónica dos actos do MGSM na semana da Saúde Mental

 Nos días previos ao 10 de Outubro, Día Mundial da Saúde Mental, o MGSM veu realizando diversos actos en distintas localidades. Queremos compartir con vós o que alí compartimos.
  • 1 de Outubro. A Coruña.
Xornadas de Arte e Saúde. Teatro para a trasformación social. Proxección dun vídeo sobre a figura e a obra de J.L. Moreno, o psicodrama e o teatro de improvisación. Colaboraron a Compañía de Teatro Playback Chuhcan de México D.F. e a Compañía de Teatro Espontáneo Entrespejos de Salamanca. Presentouse tamén unha panorámica da traxectoria do Grupo Lusco Fusco de teatro social e algúns dos seus traballos. Por último, suscitouse un debate aberto co público que culminou nunha intervención con base no psicodrama.
 
  • 4 de Outubro. A Coruña. 

I Xornada de Clínica Psiquiátrica:  Atención ao Doente con Trastorno Mental Grave (Xornadas APEM). Aínda que esta actividade non está incluída dentro do programa de actos organizados polo MGSM, e estivo dirixida só a profesionais, o MGSM estivo presente e achegou a súa visión do TMG.

Constou de dúas mesas, a primeira delas organizada polo SERGAS, onde se deu conta do desenvolvemento do programa de Trastorno Mental Grave do Hospital de Día de Oza, baseado no enfoque do Tratamento Asertivo Comunitario,seguido pola proxección dun vídeo do Colectivo Lusco Fusco.

Na segunda mesa, organizada pola APEM, fíxose un percorrido histórico polo Modelo de Rehabilitación Integral, orientado a la recuperación, e presentouse o programa de atención integral a persoas con enfermidade mental en réxime penitenciario. Por último, durante a tarde realizouse unha visita guiada ao taller de cerámica e ao centro de día.

  • 8 de Outubro. A Coruña. 

Mesa Redonda “Día Mundial da Saúde Mental: Contra o Estigma”. Expuxéronse experiencias dos relatores arredor do estigma e a discriminación, e compartiuse información sobre colectivos e movementos de defensa dos dereitos das persoas con enfermidade mental. Por outra banda, expúxose un percorrido polos 35 anos de historia da APEM, e suscitouse un debate sobre os diferentes enfoques e modalidades de tratamento.

  • 8 de Outubro. Compostela.

Mesa Redonda: Vivir con trastorno mental grave, aquí e agora. Nesta mesa, integrada por profesionais da saúde mental, usuarios e familiares, abordouse o problema do TMG dende as diferentes perspectivas, con énfase na problemática económica, social e sanitaria que estamos a vivir.

 

  • 8 de Outubro. A Coruña. 

Entrega do Premio “José Luis Muruzábal” a Experiencias Innovadoras no Ámbito Sociolaboral e/ou Socioeducativo en Persoas con Enfermidade Mental. Neste primeira convocatoria presentáronse 5 experiencias innovadoras, resultando gañadoras dúas delas ex aequo: “Facemos equipo pola saúde Mental?”, da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, e Centro especial de emprego sen ánimo de lucro, con actividades de limpeza viaria e de edificos, xardinería, mantemento de granxa avícola, viveiro… presentado por EMPREGO SOCIAL SL.”

  • 9 de Outubro. Pontevedra

Mesa Redonda MGSM e Asociación Alba. Na Galería Sargadelos de Pontevedra, tamén estivemos en colaboración co colectivo Alba,  onde se debateu sobre a rehabilitación e integración, o traballo realizado pola asociación e a necesidade de manter o logrado e avanzar na recuperación. Tamén se presentou o traballo do MGSM ata o momento, e convidouse aos presentes a participar na xornada reinividicativa do día 10.

 

Se queres ler unha crónica máis extensa do desenvolvemento destas actividades, clica AQUÍ.

Non vos perdades as reivindicacións do día 10 nos centros de traballo, e en calquera lugar onde hax soci@s do MGSM. A vosa participación é fundamental!