A XERENCIA DO SERGAS EN LUGO ELUDE RESPONSABILIDADES EN SAÚDE MENTAL

A Xerencia do SERGAS en Lugo vén de acusar ao Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) de mentir e causar malestar nos profesionais por ter denunciado nunha declaración pública, no mes de novembro pasado a situación residencial na que se atopaban as persoas ingresadas no Centro Hospitalario de Rehabilitación Psiquiátrica de Calde.

En dúas ocasións, ata agora, o MGSM fixo denuncias públicas de cuestións importantes relacionadas con ese Centro do que é responsable esa Xerencia: nun caso por impedir a saída ao exterior da totalidade das persoas ingresadas para así evitar danos en coches aparcados diante do Centro (setembro de 2016) e noutro polos motivos citados máis arriba e que agora nos ocupan.

Nas dúas ocasións o MGSM recolleu o que xa eran denuncias públicas e publicadas, nun caso procedente de familiares de persoas ingresadas nese Centro e no outro de organizacións sindicais.

O MGSM valorou que os feitos dados a coñecer eran unha expresión intolerable da desconsideración que se sigue a producir nos dereitos das persoas con doenzas psiquiátricas e nos servizos sanitarios públicos que as atenden. En ámbolos dous casos a Xerencia acabou adoptando algunhas medidas para corrixir as situacións denunciadas dando así, de facto, a razón a quen fixera públicos eses feitos, e quedando demostrado unha vez máis a utilidade da acción de denuncia pública e de resistencia ante o dano que os actuais xestores están a producir á sanidade pública, aos seus usuarios e aos traballadores.

Se hoxe esa Xerencia di que eses feitos denunciados son falsos deberá explicar por qué adoptou algunhas medidas para corrixilos despois de ser denunciados, e tamén por qué non o fixo antes.

Di agora publicamente a Xerencia que o MGSM causa malestar nos profesionais “…ao cuestionar a súa profesionalidade” (sic) e louva a calidade do seu traballo. O que causa malestar nas/os profesionais é a desidia das equipas directivas. De novo usa o sucio truco do Conselleiro de descentrar o tema respondendo ao que non se lle plantexou, escondéndose así detrás dos profesionais para agochar a sua responsabilidade, cando estes non foron motivo da denuncia realizada polo MGSM, nin polas organizacións sindicais nin polos afectados. Intenta encirrar e así escapar do centro da crítica. Só busca salvar o seu interese aínda a costa de danar o clima laboral.

Pero non todo é negativo. Debemos felicitar á Xerencia pola autorización á avaliación externa dos servizos sanitarios baixo a súa responsabilidade por unha comisión profesional da Asociación Galega de Saúde Mental-Asociación Española de Neuropsiquiatría. Esperamos que

esta actuación se estenda ás demais áreas sanitarias e Xerencias nas que o MGSM ten realizado denuncias de feitos, cando menos, de gravidade comparable aos que aquí se consideran: contención mecánica na UHP de A Coruña, reingreso de pacientes “externalizados” en Conxo, suicidios en Unidades de Hospitalización Psiquiátrica sen protocolos vixentes de prevención.

Sen embargo o máis importante agora é que aquelas persoas coas que o SERGAS ten a obriga da atención sanitaria, e de defensa e promoción do exercicio dos seus dereitos (fundamentais e asistenciais), teñan mellorado as súas condicións de existencia grazas á vixilancia, compromiso e traballo das/os profesionais do sistema público e de quen defendemos a Sanidade Pública.

Vulneración de dereitos no Hospital de Calde

Nestes dias vén de facerse público que no Hospital de Calde (Lugo) prohibiuse a saída ó exterior de tódolos pacientes psiquiátricos ingresados debido a que apareceron con danos importantes coches aparcados nas proximidades, por causa de accións intencionais.

Os responsables sanitarios, sen identificar a quen causou os danos, estableceron que o culpable debía ser algún paciente residente no Hospital, e para evitar que se continuasen repetindo os feitos, adoptouse por quen ten poder para facelo (xestores e profesionais) a medida de prohibir a saída ó exterior de tódolos ingresados.

Se miramos o que se protexe (a propiedade dos coches) e o que se dana ca acción restritiva (a liberdade e a dignidade das persoas ingresadas), veremos que non hai comparación posible. Poderían e deberían terse adoptado outras medidas para protexer a propiedade, pero foi a restrición da actividade e da escasa libertade dos residentes a que se implantou. É unha decisión fácil e barata e, ademais, a capacidade de protesta dos afectados pola restrición dos seus dereitos é escasa ou casi nula.

Non consta que se abriran interrogantes nos responsables sanitarios sobre os motivos deses actos, o cal é sorprendente si é que foran protagonizados por pacientes psiquiátricos institucionalizados, xa que nese caso poderían ser signos de protesta contra algo ou alguén, de malestar, mesmo de descompensación ou agravamento do/s autor/es, ou de moi mal funcionamento da institución.

Aplicouse unha medida que só é, mire como se mire, un castigo colectivo, prohibido ata nos cárceres.

É así que a medida adoptada pasa a ser un síntoma da situación de abandono asistencial e marxinación na que se atopan os pacientes psiquiátricos residenciais, diante dos cales están incrementadas as obrigas públicas de coidado sanitario e de respecto aos seus dereitos (por xestores e profesionais) debido á sua indefensión. Sen embargo, os recursos para atendelos, coidalos e facilitar a sua recuperación en todo o posible, son moi escasos ou inadecuados; e a pesar da sua gravidade non son unha prioridade sanitaria senón todo o contrario.

Debe levantarse ese castigo colectivo de inmediato e non ha de repetirse. Urxentemente os responsables sanitarios de Lugo (Xerente e Xefe de Servizo de Psiquiatría) xunto cos representantes sindicais, e as asociacións de familiares e de profesionais, deben revisar dende unha perspectiva de dereitos humanos a situación na que se atopan os pacientes no Hospital de Calde, as dotacións profesionais do mesmo (cantidade, cualificación e formación),o seu réxime de funcionamento, e a existencia de plans terapeuticos e de coidado individualizados, xunto coas medidas para protexer da mellor forma os bens materiais.

Institucións coma o Hospital de Calde que, no seu funcionamento son capaces de adoptar medidas como a aquí denunciada e aplicalas como se foran normais, son institucións dañinas tanto para quen nelas residen como para quen nelas traballan.