A XERENCIA DO SERGAS EN LUGO ELUDE RESPONSABILIDADES EN SAÚDE MENTAL

A Xerencia do SERGAS en Lugo vén de acusar ao Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) de mentir e causar malestar nos profesionais por ter denunciado nunha declaración pública, no mes de novembro pasado a situación residencial na que se atopaban as persoas ingresadas no Centro Hospitalario de Rehabilitación Psiquiátrica de Calde.

En dúas ocasións, ata agora, o MGSM fixo denuncias públicas de cuestións importantes relacionadas con ese Centro do que é responsable esa Xerencia: nun caso por impedir a saída ao exterior da totalidade das persoas ingresadas para así evitar danos en coches aparcados diante do Centro (setembro de 2016) e noutro polos motivos citados máis arriba e que agora nos ocupan.

Nas dúas ocasións o MGSM recolleu o que xa eran denuncias públicas e publicadas, nun caso procedente de familiares de persoas ingresadas nese Centro e no outro de organizacións sindicais.

O MGSM valorou que os feitos dados a coñecer eran unha expresión intolerable da desconsideración que se sigue a producir nos dereitos das persoas con doenzas psiquiátricas e nos servizos sanitarios públicos que as atenden. En ámbolos dous casos a Xerencia acabou adoptando algunhas medidas para corrixir as situacións denunciadas dando así, de facto, a razón a quen fixera públicos eses feitos, e quedando demostrado unha vez máis a utilidade da acción de denuncia pública e de resistencia ante o dano que os actuais xestores están a producir á sanidade pública, aos seus usuarios e aos traballadores.

Se hoxe esa Xerencia di que eses feitos denunciados son falsos deberá explicar por qué adoptou algunhas medidas para corrixilos despois de ser denunciados, e tamén por qué non o fixo antes.

Di agora publicamente a Xerencia que o MGSM causa malestar nos profesionais “…ao cuestionar a súa profesionalidade” (sic) e louva a calidade do seu traballo. O que causa malestar nas/os profesionais é a desidia das equipas directivas. De novo usa o sucio truco do Conselleiro de descentrar o tema respondendo ao que non se lle plantexou, escondéndose así detrás dos profesionais para agochar a sua responsabilidade, cando estes non foron motivo da denuncia realizada polo MGSM, nin polas organizacións sindicais nin polos afectados. Intenta encirrar e así escapar do centro da crítica. Só busca salvar o seu interese aínda a costa de danar o clima laboral.

Pero non todo é negativo. Debemos felicitar á Xerencia pola autorización á avaliación externa dos servizos sanitarios baixo a súa responsabilidade por unha comisión profesional da Asociación Galega de Saúde Mental-Asociación Española de Neuropsiquiatría. Esperamos que

esta actuación se estenda ás demais áreas sanitarias e Xerencias nas que o MGSM ten realizado denuncias de feitos, cando menos, de gravidade comparable aos que aquí se consideran: contención mecánica na UHP de A Coruña, reingreso de pacientes “externalizados” en Conxo, suicidios en Unidades de Hospitalización Psiquiátrica sen protocolos vixentes de prevención.

Sen embargo o máis importante agora é que aquelas persoas coas que o SERGAS ten a obriga da atención sanitaria, e de defensa e promoción do exercicio dos seus dereitos (fundamentais e asistenciais), teñan mellorado as súas condicións de existencia grazas á vixilancia, compromiso e traballo das/os profesionais do sistema público e de quen defendemos a Sanidade Pública.

A PESAR DO DENUNCIADO NON HAI NINGUNHA MELLORA NA UNIDADE DE HOSPITALIZACIÓN PSIQUIÁTRICA DA CORUÑA

Hai dez meses o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) denunciou publicamente o estado no que se atopaba a Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Complexo Hospitalario da Coruña.

Salientamos, naquel momento, as inaceptables e discriminatorias condicións físicas das habitacións (a metade dos pacientes debían usar baños colectivos), os déficits severos de funcionamento e de organización da actividade asistencial (carecíase de instrumentos para a participación e coordinación dos diferentes profesionais), a infradotación profesional según os estándares dos documentos planificadores da propia Consellería de Sanidade, os déficits de transparencia na xestión, e a incalificable aplicación da contención mecánica a pacientes (inmobilización das persoas mediante suxeición ás súas camas) que se estaba a realizar nunha habitación colectiva de tres camas, violentándose deste xeito os seus dereitos máis básicos.

En datas recentes o MGSM tivo coñecemento de que na devandita Unidade se sostivo no mesmo tempo en condicións de contención mecánica a seis persoas ingresadas, con ocupación plena do cuarto que dispón de tres camas para a suxeición sendo contidas nel simultaneamente tres persoas, e que un deses pacientes permaneceu nesa situación varios días (máis información AQUÍ)

Sóubose tamén que, a pesar da sua gravedade, ningunha das carencias denunciadas foi resolta neste tempo pola Xerencia da Área da Coruña.

O feito de que ata seis persoas se atoparan suxeitas en contención mecánica nunha Unidade de Hospitalización Psiquiátrica de 32 plazas, e que tres foran no mesmo cuarto, é incalificable. Constitúe un indicador moi preocupante do funcionamento desa Unidade, do grao de vulneración dos dereitos humanos que sofren os pacientes tratados dese xeito, e das penosas condicións nas que o persoal ten que desenvolver o seu traballo. Ponse así de manifesto a reiterada incapacidade dos xestores dese Hospital para cumprir coas obrigas propias do seu cargo.

Sempre se afirma, por quen dirixe os centros sanitarios e polos profesionais que neles traballan, que a contención mecánica é un medio indesexable, que só se xustifica como último recurso ante aqueles estados non previbles de alteración condutual das persoas ingresadas que poden crear riscos graves e cando esas alteracións non poideran modificarse por outros medios. Para seren cribles esas afirmacións, debera disporse dos medios (dotacións materiais e profesionais suficientes, espazos adecuados, actividades terapéuticas, formación dos profesionais e organización asistencial apropiada) para que a contención mecánica non chegue a ter lugar. O termo “último recurso” só ten sentido se antes os recursos necesarios están implantados e, neste caso, esa xustificación só son palabras baleiras.

A contención mecánica é unha actuación sobre a persoa que reduce a súa autonomía ao mínimo imaxinable (en rigor só ao espazo que fisicamente ocupa o seu corpo), que ten efectos daniños que potencialmente poden ser moi graves, que conmove, incomoda e dana con moita frecuencia a quen se lle encomenda realizala (persoal de enfermería), que está cuestionada por amplos sectores de pacientes e profesionais da saúde mental ao longo do mundo e dos tempos e ante a cal, explicitamente, se reclama dende diferentes instancias a súa abolición.

Debe impedirse que nesa Unidade se sosteña por máis tempo a situación denunciada. Cómpre definir polos profesionais os plans e os recursos necesarios para a prevención e superación da práctica da contención mecánica en tódolos espazos asistenciais psiquiátricos. A Consellería de Sanidade debe prever no futuro Plan Galego de Saúde Mental as accións necesarias para a súa erradicación e poñer os medios necesarios para que non chegue a ser xustificable o argumento de “último recurso”.

A sociedade e os seus representantes deben tomar esta cuestión nas súas mans definindo explicitamente que o obxectivo é a súa abolición, e vencellando o mesmo á mellora na atención á saúde mental da poboación e ao progreso na defensa da dignidade humana. Cómpre facelo porque afecta ós dereitos fundamentais das persoas, porque estamos moi atrasados nesta cuestión respecto a outros lugares do mundo, porque moitos dos afectados/as directamente por ela e amplos sectores profesionais véñeno reclamando hai tempo, porque a acumulación de información sobre os seus efectos debuxa unha realidade temible, porque existen experiencias exitosas de redución e superación da mesma, e porque é o mais antigo e máximo expoñente da violencia que aínda pervive na atención psiquiátrica, e que a pesar dos progresos, aínda hoxe en pleno século XXI, se resiste a desaparecer.

IV Xornadas do Movemento Galego da Saúde Mental

Dereitos: piares irrenunciables da asistencia á saúde mental

En Santiago o 17 de xuño

no Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca da USC

(Campus Vida, Santiago de Compostela)

 

Horario:

09.30-Recepción de asistentes

10.00-Presentación e apertura da actividade da Xornada.

Rosa Cerqueiro Landín. Psicóloga Clínica. Area Sanitaria de Ferrol.

10.15- Conferencia: A hospitalización como instrumento terapéutico: requisitos estructurais e funcionais das Unidades de Hospitalización Psiquiátrica de Procesos Agudos

Victor Pedreira Crespo. Ex-Xefe do Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra.

11.15- Descanso.

11.30- Mesa: Cuestións sobre dereitos

Moderador: Miguel Vieito Villar. Membro do Comité de Ética Asistencial da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela.

  • Dereitos e realidades. A Psicoterapia no SERGAS.

José Eduardo Rodríguez Otero. Psicólogo Clínico. Unidade de Saúde Mental de Cangas. EOXI Vigo.

 

  • O sufrimento pola contención nos pacientes e na enfermería.

Ana Rodriguez López. Enfermeira especialista en saúde mental. EOXI Santiago.

 

  • Sufrimento psíquico: Dereitos en contención.

Paula Tomé Espiñeira. Activista polos dereitos das persoas diagnosticadas. Redactora en Radio Prometea.

  • A protección xudicial dos dereitos asistenciais.

Luis Villares Naveira. Maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (en excedencia).

13.15- Asamblea do MGSM.

  • Informe de actividade.
  • Presentación do documento Orientacións marco para a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental 2017.
  • Elección da Coordinadora e Portavoz.

14.15- Peche e despedida.

_____________________________________________________________________

  • A inscripción é gratuita. O número de inscripcións só se verá limitado pola capacidade de aforo do salón de actos, e darase prioridade por orden de inscripción.

DIGNIDADE E DEREITOS DANADOS NA HOSPITALIZACIÓN PSIQUIÁTRICA NO COMPLEXO HOSPITALARIO DA CORUÑA

O Movemento Galego da Saúde Mental foi coñecedor da denuncia presentada ante a Xustiza pola morte dun paciente psiquiátrico que, cando faleceu, se atopaba en contención mecánica ingresado na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica (UHP) do Complexo Hospitalario da Coruña.

Este feito ocorreu no marco dunha Unidade de Hospitalización con importantes carencias, sostidas no tempo, e que conlevan danos importantes para os dereitos asistenciais dos pacientes da Área da Coruña, para os seus dereitos fundamentais e para a calidade asistencial esixible a un servizo sanitario público.

Esta UHP dispón de 32 camas ás que se lle poden sumar dúas máis, e mantén un nivel de ocupación total durante períodos longos.

Son identificables déficits graves de dotación profesional, de infraestructuras residenciais e de funcionamento.

Algunhas das deficiencias que se sinalan máis abaixo mesmo comprometerían a posibilidade de apertura desa Unidade , por incumprir as esixencias mínimas que a propia Consellería de Sanidade dispón para autorizar centros sanitarios, alonxándose tamén gravemente dos estándares básicos de acreditación propostos polo Ministerio de Sanidade.

A saber:

  • Está ubicada fóra dun hospital xeral situándose no Hospital Marítimo de Oza. Carece de suficiente espazo para actividades comúns dos pacientes e para a relación destes coas súas familias cando reciben visita.

  • A metade das habitacións desta Unidade son de 3 camas e non dispoñen de baño na habitación, co cal 16 pacientes deben usar baños colectivos.

  • Existe unha habitación para a contención mecánica, dotada con 3 camas separadas por cortinas, e poden coincidir nela en estado de contención homes e mulleres. Non se coñece protocolo específico sobre a indicación, uso, responsabilidade e garantía do procedemento de contención.

  • Non existen sistemas organizativos que posibiliten e potencien a participación colectiva de todo o equipo asistencial na elaboración e desenvolvemento dos plans individuais de avaliación, tratamento e seguimento do paciente.

  • Está infradotada de profesionais se se toman como referencia os documentos de planificación en saúde mental da propia Consellería de Sanidade, e se se pretende que o obxectivo sexa terapéutico e non só o control e a redución sintomática do paciente.

Un só psiquiatra, xunto cun MIR, debe cubrir a garda dos hospitais do Complexo xunto coa da UHP. A UHP tería que dotarse de 1 psiquiatra e 2 psicólogos clínicos, carece de celadores (nos plans sinálanse 6 como os indicados para esa Unidade) e tamén serían necesarios 11 profesionais máis de enfermería.

  • A selección de facultativos de psiquiatría para a cobertura de prazas temporais ten importantes déficits de transparencia. A tan necesaria confianza da cidadanía na garantía de que a Administración da un trato igualitario a tódalas persoas nos procesos de acceso ó emprego público é posta a proba polo o feito de que dúas fillas do propio Xefe de Servizo chegaran a ser contratadas para ocupar praza de psiquiatras nese mesmo Servizo.

O cadro que debuxan as deficiencias sinaladas pode que sexa só o marco do tráxico suceso que chamou a atención sobre esa Unidade. Pero, aínda que así fora, son patentes as discriminacións que sofren os pacientes psiquiátricos ingresados nesa UHP cando se os compara con pacientes afectados por outras enfermidades (a carencia de baño nas habitacións é un exemplo evidente). É espeluznante a existencia dunha habitación colectiva para a contención mecánica e, ademais, para ambos sexos simultaneamente. É deducible o empobrecemento da calidade asistencial cando no funcionamento da Unidade non participan e se coordinan os profesionais, e cando unha parte destes (os facultativos psiquiatras) non dispoñen de sistemas que garanticen que o seu acceso ó emprego público é só por razón de mérito (sistemas que os protexerían de discriminacións ilexítimas e liberaríaos de potenciais débedas e servidumes persoais).

Dánase nesta situación o dereito das persoas alí ingresadas a un tratamento en condicións de igualdade cos demais usuarios do SERGAS, e o de acceso das mesmas á prestación de asistencia sanitaria á sua saúde mental, adecuada ós coñecementos e medios terapéuticos actuais (farmacolóxicos, físicos, psicolóxicos, sociais e de coidados), proporcionada en espazos que protexan a súa intimidade e dignidade, e máis aínda cando poideran atoparse en grave condición de vulnerabilidade por ver limitada a súa capacidade de decisión autónoma.

Urxe a corrección destas deficiencias, por dereito dos pacientes e usuarios dese servizo, por respeto á dignidade das persoas e pola consideración debida dos xestores á cualificación dos profesionais e ó seu dereito a exercer a súa profesión en condicións que posibiliten a máxima utilidade sanitaria do seu saber.

A contestación da Valedora do pobo

O pasado 25 de marzo, a partir da difusión dunha información na Voz de Galicia na que se recollía a denuncia duns familiares que facían dese xeito pública a morte por atragoamento dunha enferma psiquiátrica nunha residencia de Mondoñedo para anciáns e discapacitados intelectuais, o MGSM fixo unha valoración pública e chamou a través da mesma a diferentes instancias a exercer accións no seu marco de competencias para esclarecer ese feito e evitar a sua repetición.

Estabamos de novo ante unha cuestión fundamental de vulneración de dereitos, de desprotección básica dos mesmos en persoas con enfermidade mental grave, frecuentemente tuteladas, e institucionalizadas en espazos residenciais inadecuados nos que, con non pouca frecuencia, reprodúcese o manicomio que queríamos e críamos xa superado. A “externalización” de residentes dos hospitais psiquiátricos derivou a miúdo en mera “transinstitucionalización” coa sua reubicación en novos espazos residenciais (inadecuados, mal dotados, mal supervisados, e sen a bagaxe formativa e de experiencia necesarias), coa participación (pasiva e activa) da Administración e de profesionais da rede asistencial de saúde mental.

Das institucións ás que recurrimos (Xunta, Parlamento, Valedora do Pobo) a Xunta non fixo constancia nin siquera de que recibira o escrito; no Parlamento a diputada do PSdeG-PSOE Carmen Acuña presentou diversas iniciativas orientadas tanto a coñecer a situación na que se atopan as persoas trasladadas ás residencias dende os Hospitais Psiquiátricos que se viñeron pechando nos últimos anos como a millorar a sua situación asistencial (foron apoiadas por tódolos grupos a excepción do grupo parlamentario do Partido Popular que as rexeitou coa sua maioría absoluta); e a Valedora do Pobo aceptou a trámite a denuncia recoñecendo que era un sector da sua preocupación prioritaria.

A valedora iniciou accións o 5 de abril ca seguinte comunicación:

valedora

Nese escrito solicita determiñada información á Xunta, pero non exerce a sua capacidade de investigación propia. As Consellerías aludidas non contestaron ata agora, e iso despois dun segundo requerimento da Valedora realizado o 12 de maio.

A contestación das Consellerías, que nos foi enviada o pasado dia 3, é satisfactoria para a Valedora (invitamos a comparar a contestación cas cuestións que lle requeriu ela mesma) e pon fin na sua opinión ao cumprimento da sua obriga institucional.
É a seguinte: RESPOSTA DAS CONSELLERÍAS Á VALEDORA

Nunha primeira valoración non podemos deixar de sinalar a tolerancia da Valedora coa abstracta resposta recibida e cos tempos que se tomaron as Consellerías para contestar ; nin tampouco deixar de ver a sua actuación diferente dependendo da Administración á que se dirixe (véxase a conducta agresiva e apremiante, mesmo con trascendencia nos medios de comunicación, que mantivo cos Gobernos dos Concellos de Santiago e A Coruña); nin podemos ignorar que non fai uso das suas competencias de investigación ante un caso que consideramos grave tanto en si mesmo, como porque é expoñente dunha realidade oculta que compre desvelar e que, por afectar a dereitos fundamentais de persoas que non os poden defender, implícanos a todos, dende á FUNGA, ata á fiscalía pasando polos profesionais da rede de saúde mental.

Resposta da Valedora do Pobo

En relación ao caso da paciente psiquiátrica falecida nunha residencia de Mondoñedo por atragoamento, o MGSM presentou unha petición ante a Valedora do Pobo para que sexan investigados este tipo de feitos e as circunstancias nas que se producen.

Recibimos a súa contestación, que vos deixamos aquí para que podades consultala.

mondoñedo Valedora do Pobo

Comunicado do MGSM sobre o falecemento da enferma psiquiátrica en Mondoñedo

Ante o caso da enferma psiquiátrica morta en Mondoñedo por atragoamento na residencia para anciáns e discapacitados intelectuais, do que veñen de informar algúns medios de comunicación -despois da denuncia dos seus familiares contra o Centro e a Xunta por suposta neglixencia no seu coidado-, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) fai públicas as seguintes consideracións:

1. Persoas como a falecida, afectadas por trastornos mentais graves, que sofren severas discapacidades e que reciben tratamentos psicofarmacolóxicos con frecuentes efectos secundarios -como comprometer o nivel de conciencia e a motricidade-, atópanse ingresadas en residencias pensadas para o coidado de persoas da terceira idade ou afectadas por discapacidade intelectual. As súas dotacións profesionais, espazos, recursos e organización eran, se acaso, apropiadas para ese fin.
Mais moitas persoas ingresadas nos hospitais psiquiátricos que se foron clausurando en Galicia nos últimos anos -co obxectivo declarado de poñer fin á marxinación social, á discriminación asistencial e á vulneración dos dereitos humanos dos pacientes psiquiátricos-, foron “externalizadas”, sendo realoxadas nesas residencias pensadas e orientadas para outros fins. Os responsabeis sanitarios de Galicia, en lugar de reforzar a deficiente rede de Saúde
Mental e os recursos sociais, que permitiría a reintegración destas persoas á sociedade de xeito acorde ás súas necesidades e potencialidades, ou no seu caso unha atención residencial especializada, tan só as reubicaron noutro lugar residencial, a miúdo en institucións inaxeitadas que non están dotadas e cualificadas para o seu coidado e tratamento. Como resultado do anterior, cidadáns que requiren unha atención sanitaria e social específica -á que teñen pleno dereito- non a están a recibir, convertíndose en poboación de risco respecto á súa saúde, seguridade e vulneración de dereitos.

2. Os plans de reubicación de pacientes psiquiátricos en réxime residencial siguen vixentes, transferindo as responsabilidades de atención e coidado dos mesmos dende o SERGAS a centros públicos ou concertados non especializados da Consellería de Política Social. Descoñécese a día de hoxe cantos son os pacientes que se viron afectados por estes plans, as alternativas que foron consideradas na súa “externalización”, o alonxamento espacial respecto ó seu lugar de residencia inicial, o carácter dos centros e residencias aos que foron enviados, as condicións de aloxamento, as dotacións e cualificación do persoal deses centros, os programas de coidados e seguimento pola rede de Saúde Mental, e os plans periódicos de inspección dos mesmos -cos seus informes correspondentes, para poder garantir o cumprimento dos criterios de acreditación para a función de coidado de enfermos mentais crónicos-.

3. Estas persoas, como consecuencia do efecto causado pola enfermidade e a institucionalización sufrida, atópanse nunha especial condición de vulnerabilidade, e polo mesmo, cunha necesidade incrementada de atención e coidado polo Servizo Galego de Saúde. Mais a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, na execución do plan de peche dos hospitais psiquiátricos (aínda incompleto) non puxo os medios para mellorar a atención ás persoas neles ingresados. Reubicounas noutro lugar, trasladando a súa institucionalización a outros espazos. Así, transferíu pacientes e
recursos económicos dos hospitais psiquiátricos a centros privados, concertados e algúns públicos, incumprindo as súas obrigas a costa dos dereitos e necesidades destas persoas, sen reinvertir nelas os recursos liberados co peche dos hospitais psiquiátricos.

4. O MGSM considera que calquera valoración sobre esta cuestión, e as medidas axeitadas ante a mesma, ten que partir de que estas persoas (os pacientes psiquiátricos en coidado residencial) son as máis abandonadas historicamente, as máis graves, e as máis desprotexidas, daquelas atendidas no eido da saúde mental. A súa
capacidade de defensa dos seus dereitos é moi reducida, cando non nula. O risco que sofren de abandono asistencial, maltrato, abuso e vulneración nos seus dereitos é moi alto. Ante elas, a sociedade e as súas institucións teñen unha responsabilidade incrementada.

5. Por todo o anterior, cómpre esixir aos responsabeis políticos unha revisión e rectificación dos plans asistenciais que afectan a estas persoas, que deben ter unha atención prioritaria. E así, dirixímonos ao Parlamento de Galicia para que no exercicio da súa función controle o cumprimento da obriga da Xunta nesta cuestión; á Xunta de Galicia para que cumpra coas súas obrigas e funcións de coidado e asistencia sanitaria; á Valedora do Pobo para que asuma a protección destas persoas tan vulnerables; e aos profesionais da Saúde Mental e Servizos Sociais para que prioricen as súas accións a favor de quen máis os precisa.

En Santiago de Compostela, a 25 de marzo de 2016