UNHA RESPOSTA VERGONZOSA

Hai uns días fíxose público o informe sobre o estado da atención ás persoas ingresadas no Hospital Psiquiátrico de Conxo, elaborado por unha Comisión Multidisciplinar do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura (MNP), exercido en España polo Defensor del Pueblo en cumprimento do previsto na Convención contra a tortura e outros tratos ou penas crueis, inhumanos ou degradantes, ratificada por España en 1987, e do Protocolo Facultativo dela derivado que tamén foi ratificado por España en 2006.

Nese informe deuse conta da grave situación na atención ás persoas atendidas nesa Institución dependente do Servizo Galego de Saúde, poñendo de manifesto cuestións como a insuficiencia xeral de recursos, a inexistencia de mecanismos de seguimento de pacientes, unha elevada taxa de incapacitacións e tutelas, a obsolescencia das instalacións, e casos de sobremedicación e uso de contención mecánica como castigo.

As resolucións e suxerencias reflectidas nel non foron respondidas ao MNP-Defensor del Pueblo según consta no citado informe.

Como consecuencia da súa difusión pública, a Xerencia (responsable directa do Hospital Psiquiátrico de Conxo) dirixiuse aos medios de comunicación que deron a noticia e cualificou de “incompleta” a información que sustenta o documento do Defensor del Pueblo.

O Movemento Galego da Saúde Mental, coñecedor da contestación por parte da Administración, valora e fai público o seguinte:

1- É inconcebible que a resposta a ese informe se produza por un órgano do nivel administrativo dunha Xerencia de área sanitaria ante os medios de comunicación e como reacción á súa difusión pública.

O MNP-Defensor del Pueblo dá conta da súa actividade ante as Cortes Xerais e ante o Subcomité da ONU para a Prevención da Tortura, e a súa misión inscríbese en obrigas legais contraídas polo Estado Español mediante unha Convención internacional.

A inexistencia dunha resposta dende o máximo nivel da Xunta de Galicia (a Presidencia ou , no seu defecto e no seu nome, a Consellería de Sanidade) é unha desconsideración inaceptable de compromisos de nivel internacional do Estado Español que supón un desprezo da cuestión que regulan eses compromisos (a prevención da tortura e dos tratos inhumanos e degradantes a persoas que se atopan internadas en institucións co conseguinte risco para o respecto aos seus dereitos).

2- Na constestación dada destacan vaguidades e respostas inconcretas que, máis que informar, parecen feitas para protexerse dunha posible esixencia de responsabilidades.

Así, resulta chamativo que se diga que o protocolo de contención se atopa en revisión, igual que o de prevención do suicidio, ou os sistemas de vixilancia, ou que as obras no centro son constantes. Desa maneira evítase calquera tipo de valoración pública ou información á cidadanía sobre a garantía para os dereitos dos pacientes en materia de gran relevancia. Tamén se evita responder á situación da tutela de dependencia pública que, se fose eficaz, sería un instrumento protector fundamental dos dereitos das persoas ingresadas.

3- Respóndense obviedades, como a de que as indicacións das medicacións dependen dos/as facultativos/as médicos/as cando non podería ser doutro xeito. Pero o que debe salientarse é que se recoñece a existencia da suxeición química e non se nega a inxustificable utilización (como castigo, según o informe), sen os controis e rexistros esixibles, da suxeición mecánica.

4- Fáltase á verdade cando se di que os recursos profesionais existentes son os adecuados e se corresponden co indicado en “estándares consensuados” (sic). Neste senso, nin sequera se fai explícito de que estándares consensuados se está a falar. Polo contrario, se tomamos como referencia os documentos producidos na Consellería de Sanidade ao longo da súa historia nos que se planifican os dispositivos asistenciais públicos para a atención á saúde mental en Galicia (*) constátase a chamativa carencia nas dotacións.

Para que o Hospital Psiquiátrico de Conxo poida cumprir na actualidade a súa misión rehabilitadora e non a predominantemente asilar que realiza e que é propia de épocas moi lonxanas (tempos sociais, políticos e sanitarios pre-reforma psiquiátrica) necesitaría, según as indicacións técnicas, aumentar as súas plantillas coas seguintes dotacións profesionais: 3 psiquiatras, 7 psicólogos/as clínicos/as, 23 enfermeiras/os , 8 TCAE, 4 terapeutas ocupacionais, e 2 traballadoras/es sociais.

A carencia de profesionais é manifesta. O Hospital Psiquiátrico de Conxo necesita ser reforzado profesionalmente e orientado con decisión cara á rehabilitación das persoas que atende, xunto cun firme compromiso nese sentido dos responsables da Consellería de Sanidade e da Xerencia de Xestión Integrada da área, e tendo como centro e guía dese proceso o respecto e defensa dos dereitos das persoas.

En síntese: os responsables do goberno autonómico desconsideraron á Institución interpelante e non trataron coa importancia que merece a cuestión que motivou a súa inspección. Deuse unha resposta aos medios de comunicación elusiva de responsabilidade, enmascaradora dos feitos máis graves, e falseando datos obxectivables. E, por se fora pouco, non se reflicte nesa contestación a intención de corrixir a grave situación dada a coñecer.

(*)

– Bases para a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental (1987). Consellería de Sanidade. Paxs. 19-20.

Plan Estratéxico de Saúde Mental Galicia 2006-2011. Consellería de Sanidade.Paxs. 60-64.

GRAVES SIGNOS DE DETERIORO NA ATENCIÓN Á SAÚDE MENTAL EN GALICIA

Hai uns días fíxose público o informe que, en exercicio das funcións do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, realizou o Defensor del Pueblo sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo.

O reflectido no documento confróntanos cun estado da atención ás persoas ingresadas nesa Institución moi grave e preocupante.

Constátase nese informe a vulneración de dereitos fundamentais dunhas persoas que, cómpre recordar, atópanse vivindo durante períodos moi prolongados nese espazo sanitario (é un Hospital) en condicións de internamento involuntario, o que incrementa a obriga de coidado e respecto por parte do sistema sanitario e dos seus profesionais.

Sinálase no documento a carencia xeral de recursos asistenciais para a sua adecuada atención, a súa insuficiente protección tutelar (en especial cando a devandita función corresponde á fundación pública), califícanse as instalacións de obsoletas, fanse patentes inadecuadas condicións residenciais, recórdase a infradotación de profesionais sanitarios básicos como son os/as psicólogos/as clínicos/as, e chámase a atención sobre o inadecuado rexistro e documentación das actuacións e funcionamento. Só obtén unha valoración positiva a actitude do persoal asistencial.

Tamén, dun xeito que debe ser salientado, faise referencia á utilización da contención mecánica (inmobilización de pacientes con sistemas de suxeición) como castigo e á probable utilización de psicofármacos como instrumentos de suxeición química (casos de sobremedicación).

Ante todo isto, os órganos competentes da Xunta de Galicia nin tan sequera responderon ao formulado polo Defensor del Pueblo. Sen embargo, á luz do informado sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo urxe revisar canto antes o estado das institucións de hospitalización psiquiátrica prolongada de Galicia (os hospitais psiquiátricos públicos que, con diferentes nomes, aínda existen no noso país) e, por suposto, é fundamental un plan con responsabilidade definida que corrixa o denunciado polo Defensor.

Coincidente no tempo, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) coñeceu que nalgunhas áreas sanitarias de Galicia o ingreso de persoas con trastornos psíquicos necesitados de asistencia en Unidades de Hospitalización Psiquiátrica para procesos agudos se estaba a producir con frecuencia fóra das Unidades existentes para tal fin nos Hospitais Xerais, derivándose o seu ingreso ás Unidades de Coidados Especiais (UCE) ubicadas nos chamados Hospitais de Rehabilitación Psiquiátrica (é así que, por exemplo, no caso de Lugo téñense producido nos meses de abril e maio deste ano, ata catorce ingresos na UCE ubicada no Hospital de Calde que, ademais, carece do equipo asistencial indicado no Plan Estratéxico de Saúde Mental suspendido polo goberno do Partido Popular dende o 2009). A causa inmediata destas actuacións é a carencia de camas por ocupación plena das Unidades de Hospitalización dos Hospitais Xerais, que é resultado á sua vez tanto da insuficiente dotación física e profesional das mesmas, como da incapacidade e infradotación dos dispositivos extrahospitalarios de saúde mental e dos recursos de apoio sociocomunitario, o que ocasiona agravamentos nos estados das persoas que acaban provocando a necesidade da súa hospitalización.

Esa actuación dos responsables asistenciais e xestores dos centros hospitalarios do SERGAS derivando a hospitalización psiquiátrica das persoas con estados/descompensacións psíquicas agudas fóra dos Hospitais Xerais discrimina inxustamente ás persoas con padecementos psíquicos, cáusalles un dano evitable, é estigmatizante, vulnera o dereito á igualdade das persoas e constitúe unha violación flagrante do ordenado na lexislación vixente (art. 20.2 da Ley General de Sanidad; art. 10.1 do Decreto polo que se regula a Saúde Mental en Galicia), ademais de ser unha utilización ineficiente dos recursos asistenciais.

Tanto o informe do Defensor del Pueblo como o que está a ocorrer coa hospitalización psiquiátrica, son signos da grave situación na que se atopa a atención á saúde mental en Galicia.

Estanse a ver os efectos da desplanificación realizada dende o 2009, do incalificable abandono no noso país dos plans de reforma iniciados en España xa hai máis de trinta anos nos que aquí se está a retroceder en compoñentes fundamentais , da infradotación persistente de recursos asistenciais en Atención Primaria e en Saúde Mental, dos recortes producidos nos eidos sanitario e social, do agravamento das condicións de vida daqueles sectores sociais que xa estaban en condicións de fraxilidade antes da crise, da pasividade responsable de xestores sanitarios e xefes asistenciais ante feitos como os aquí denunciados.

O MGSM valora esta situación como de especial gravidade, en particular para os máis vulnerables da sociedade, xa que segue un curso de deterioro progresivo, retrocede a situacións asistenciais pre-Reforma Psiquiátrica e non se adoptan decisións nin se poñen medios polo Goberno da Xunta de Galicia para cambiar esta evolución.

A cidadanía, as entidades asociativas, os partidos políticos, os Concellos, o Parlamento, a sociedade no seu conxunto debe atender a esta chamada de alarma e debe mobilizarse cos medios dos que dispoña polo ben e polo futuro de todas e todos nós.

A PESAR DO DENUNCIADO NON HAI NINGUNHA MELLORA NA UNIDADE DE HOSPITALIZACIÓN PSIQUIÁTRICA DA CORUÑA

Hai dez meses o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) denunciou publicamente o estado no que se atopaba a Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Complexo Hospitalario da Coruña.

Salientamos, naquel momento, as inaceptables e discriminatorias condicións físicas das habitacións (a metade dos pacientes debían usar baños colectivos), os déficits severos de funcionamento e de organización da actividade asistencial (carecíase de instrumentos para a participación e coordinación dos diferentes profesionais), a infradotación profesional según os estándares dos documentos planificadores da propia Consellería de Sanidade, os déficits de transparencia na xestión, e a incalificable aplicación da contención mecánica a pacientes (inmobilización das persoas mediante suxeición ás súas camas) que se estaba a realizar nunha habitación colectiva de tres camas, violentándose deste xeito os seus dereitos máis básicos.

En datas recentes o MGSM tivo coñecemento de que na devandita Unidade se sostivo no mesmo tempo en condicións de contención mecánica a seis persoas ingresadas, con ocupación plena do cuarto que dispón de tres camas para a suxeición sendo contidas nel simultaneamente tres persoas, e que un deses pacientes permaneceu nesa situación varios días (máis información AQUÍ)

Sóubose tamén que, a pesar da sua gravedade, ningunha das carencias denunciadas foi resolta neste tempo pola Xerencia da Área da Coruña.

O feito de que ata seis persoas se atoparan suxeitas en contención mecánica nunha Unidade de Hospitalización Psiquiátrica de 32 plazas, e que tres foran no mesmo cuarto, é incalificable. Constitúe un indicador moi preocupante do funcionamento desa Unidade, do grao de vulneración dos dereitos humanos que sofren os pacientes tratados dese xeito, e das penosas condicións nas que o persoal ten que desenvolver o seu traballo. Ponse así de manifesto a reiterada incapacidade dos xestores dese Hospital para cumprir coas obrigas propias do seu cargo.

Sempre se afirma, por quen dirixe os centros sanitarios e polos profesionais que neles traballan, que a contención mecánica é un medio indesexable, que só se xustifica como último recurso ante aqueles estados non previbles de alteración condutual das persoas ingresadas que poden crear riscos graves e cando esas alteracións non poideran modificarse por outros medios. Para seren cribles esas afirmacións, debera disporse dos medios (dotacións materiais e profesionais suficientes, espazos adecuados, actividades terapéuticas, formación dos profesionais e organización asistencial apropiada) para que a contención mecánica non chegue a ter lugar. O termo “último recurso” só ten sentido se antes os recursos necesarios están implantados e, neste caso, esa xustificación só son palabras baleiras.

A contención mecánica é unha actuación sobre a persoa que reduce a súa autonomía ao mínimo imaxinable (en rigor só ao espazo que fisicamente ocupa o seu corpo), que ten efectos daniños que potencialmente poden ser moi graves, que conmove, incomoda e dana con moita frecuencia a quen se lle encomenda realizala (persoal de enfermería), que está cuestionada por amplos sectores de pacientes e profesionais da saúde mental ao longo do mundo e dos tempos e ante a cal, explicitamente, se reclama dende diferentes instancias a súa abolición.

Debe impedirse que nesa Unidade se sosteña por máis tempo a situación denunciada. Cómpre definir polos profesionais os plans e os recursos necesarios para a prevención e superación da práctica da contención mecánica en tódolos espazos asistenciais psiquiátricos. A Consellería de Sanidade debe prever no futuro Plan Galego de Saúde Mental as accións necesarias para a súa erradicación e poñer os medios necesarios para que non chegue a ser xustificable o argumento de “último recurso”.

A sociedade e os seus representantes deben tomar esta cuestión nas súas mans definindo explicitamente que o obxectivo é a súa abolición, e vencellando o mesmo á mellora na atención á saúde mental da poboación e ao progreso na defensa da dignidade humana. Cómpre facelo porque afecta ós dereitos fundamentais das persoas, porque estamos moi atrasados nesta cuestión respecto a outros lugares do mundo, porque moitos dos afectados/as directamente por ela e amplos sectores profesionais véñeno reclamando hai tempo, porque a acumulación de información sobre os seus efectos debuxa unha realidade temible, porque existen experiencias exitosas de redución e superación da mesma, e porque é o mais antigo e máximo expoñente da violencia que aínda pervive na atención psiquiátrica, e que a pesar dos progresos, aínda hoxe en pleno século XXI, se resiste a desaparecer.