MENOR DOTACIÓN IMPOSIBLE

O pasado mes de abril profesionais asistenciais adscritos ás unidades psiquiátricas de hospitalización, situadas no Hospital Nicolás Peña do Complexo Hospitalario de Vigo (SERGAS), dirixíronse á Xerencia da Área platenxándolle a insuficiente dotación da Unidade Residencial, argumentando que ter unha soa profesional no turno de noite para atender as necesidades que poideran presentar as dazaste persoas ingresadas na mesma era claramente insuficiente, e reclamaban maior dotación profesional.

A sua solicitude foi contestada negativamente con argumentos que remitían ó funcionamento do antiguo Hospital Psiquiátrico Rebullón, á existencia dunha base do 061 próxima, e á presencia pola noite de mais persoal sanitario no conxunto dese hospital. E así se zanxou a cuestión polos responsables xerenciais de Vigo. Nin tan siquera unha entrevista, ata o dia de hoxe, cos once profesionais que fixeron a solicitude.

En ningunha unidade dun hospital cunha cantidade de pacientes como a citada asume un único profesional a atención dos mesmos durante todo o turno de noite.

Calqueira pode imaxinar circunstancias que poden requerir da atención total dese profesional a un único paciente da Unidade durante o turno, e con elo ter que desatender ós/ás demais ingresados/as. Calqueira se pode dar conta tamén da imposibilidade de que unha única profesional poida desempeñar o seu cometido sanitario nesa Unidade Residencial cas adecuadas esixencias de seguridade (unha das compoñentes da calidade asistencial) para os pacientes e para os profesionais.

Esa Unidade está dotada con mínimos inaceptables. É de sentido común que cando menos debe contar no turno de noite con duas Técnicas en Coidados Auxiliares de Enfermería, e dispoñer si fora necesario do apoio médico e de enfermería con rapidez.

Pasaron as eleccións pero a realidade asistencial en saúde mental en Galicia, da que este caso é un exemplo, sigue a ser a mesma que hai dous meses: deterioro, escasez de recursos, carencia de diálogo e de participación na xestión pública, ausencia de planificación, peor asistencia ós mais fráxiles. Esa realidade que viñemos denunciando reiteradamente nestes anos de recortes nos servizos públicos e nos dereitos das persoas, xa volveu a ser motivo de análisis, lamentablemente, en ámbitos profesionais internacionais, tal como se reflexou no recente Congreso Internacional de Psiquiatría Basada no Paciente (Madrid) no que se salientou que Galicia xunto con Ceuta son os territorios con peor saúde mental de España.

Pero eso non debe extrañar a ninguén cando as dotacións profesionais son como as que aquí se denuncian: mínimas. Literalmente.

Vulneración de dereitos no Hospital de Calde

Nestes dias vén de facerse público que no Hospital de Calde (Lugo) prohibiuse a saída ó exterior de tódolos pacientes psiquiátricos ingresados debido a que apareceron con danos importantes coches aparcados nas proximidades, por causa de accións intencionais.

Os responsables sanitarios, sen identificar a quen causou os danos, estableceron que o culpable debía ser algún paciente residente no Hospital, e para evitar que se continuasen repetindo os feitos, adoptouse por quen ten poder para facelo (xestores e profesionais) a medida de prohibir a saída ó exterior de tódolos ingresados.

Se miramos o que se protexe (a propiedade dos coches) e o que se dana ca acción restritiva (a liberdade e a dignidade das persoas ingresadas), veremos que non hai comparación posible. Poderían e deberían terse adoptado outras medidas para protexer a propiedade, pero foi a restrición da actividade e da escasa libertade dos residentes a que se implantou. É unha decisión fácil e barata e, ademais, a capacidade de protesta dos afectados pola restrición dos seus dereitos é escasa ou casi nula.

Non consta que se abriran interrogantes nos responsables sanitarios sobre os motivos deses actos, o cal é sorprendente si é que foran protagonizados por pacientes psiquiátricos institucionalizados, xa que nese caso poderían ser signos de protesta contra algo ou alguén, de malestar, mesmo de descompensación ou agravamento do/s autor/es, ou de moi mal funcionamento da institución.

Aplicouse unha medida que só é, mire como se mire, un castigo colectivo, prohibido ata nos cárceres.

É así que a medida adoptada pasa a ser un síntoma da situación de abandono asistencial e marxinación na que se atopan os pacientes psiquiátricos residenciais, diante dos cales están incrementadas as obrigas públicas de coidado sanitario e de respecto aos seus dereitos (por xestores e profesionais) debido á sua indefensión. Sen embargo, os recursos para atendelos, coidalos e facilitar a sua recuperación en todo o posible, son moi escasos ou inadecuados; e a pesar da sua gravidade non son unha prioridade sanitaria senón todo o contrario.

Debe levantarse ese castigo colectivo de inmediato e non ha de repetirse. Urxentemente os responsables sanitarios de Lugo (Xerente e Xefe de Servizo de Psiquiatría) xunto cos representantes sindicais, e as asociacións de familiares e de profesionais, deben revisar dende unha perspectiva de dereitos humanos a situación na que se atopan os pacientes no Hospital de Calde, as dotacións profesionais do mesmo (cantidade, cualificación e formación),o seu réxime de funcionamento, e a existencia de plans terapeuticos e de coidado individualizados, xunto coas medidas para protexer da mellor forma os bens materiais.

Institucións coma o Hospital de Calde que, no seu funcionamento son capaces de adoptar medidas como a aquí denunciada e aplicalas como se foran normais, son institucións dañinas tanto para quen nelas residen como para quen nelas traballan.

Comunicado do MGSM sobre a situación dos profesionais de Terapia Ocupacional no Hospital Psiquiátrico de Conxo

O Movemento Galego da Saúde Mental recibiu información sobre o estado no que se atopa a atención rehabilitadora que se está a  proporcionar polos profesionais de Terapia Ocupacional no Hospital Psiquiátrico de Conxo.

Valorada a mesma, realiza as seguintes consideracións:

1- A Terapia Ocupacional é unha das disciplinas rehabilitadoras fundamentais na atención sanitaria no eido da saúde mental. Os seus profesionais forman parte dunha profesión sanitaria diferenciada e como tal autónoma e responsable no exercicio das súas funcións, que fundamenta a súa identidade e actividade nun corpo específico de coñecementos, técnicas e prácticas desenvolvidas nunha longa historia de implicación no tratamento das persoas enfermas. O exercicio desta profesión para lograr a súa mellor contribución á recuperación da saúde das persoas require de dotacións profesionais, e recursos organizativos e materiais específicos. Á súa vez, a súa práctica profesional debe aterse ó establecido na lexislación común a tódalas profesións sanitarias, e en especial no regulado na Lei de Ordenación das Profesións Sanitarias (LOPS).

2- A Área de Saúde Mental da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago atópase infradotada destes profesionais, o que impide o deseño e execución de programas terapéuticos e rehabilitadores dos pacientes psiquiátricos conforme ás indicacións recomendadas para a boa práctica, véndose así lesionados dereitos asistenciais dos pacientes por serlle negadas de facto prestacións sanitarias recoñecidas legalmente.

3- Á infradotación destes profesionais súmase a deficiente organización da actividade asistencial no Hospital Psiquiátrico de Conxo, e en particular nas súas áreas residenciais, o que impide o cumprimento de obrigas concretas destes sanitarios conforme ó establecido na LOPS (especialmente no referido ó rexistro documental da súa actividade na historia clínica dos pacientes e ó traballo en equipo).

4- A atención especializada de Terapeutas Ocupacionais é aínda máis necesaria canto mais grave é o defecto funcional dos pacientes psiquiátricos, como é no caso de moitas persoas ingresadas no Hospital Psiquiátrico de Conxo. A carencia de recursos (profesionais, organización adecuada e medios materiais para o desempeño da sua actividade) para a cobertura da atención de Terapia Ocupacional no Hospital Psiquiátrico é unha mostra do
abandono no que se mantén ese hospital, para o que aínda non se ten definido un Plan Director que oriente o seu futuro.

5- O abandono polas autoridades sanitarias do SERGAS do Hospital Psiquiátrico de Conxo estano a sufrir tanto as persoas ingresadas nel, ás que se sostén na marxinación social e asistencial vulnerándoselle tódolos días os seus dereitos, como os profesionais que nel traballan que ven gravemente limitadas as súas capacidades de exercicio profesional e as súas potencialidades terapéuticas ante as persoas coas que teñen contraída a obriga asistencial.

En Santiago a 25 de marzo de 2016

Comunicado do MGSM sobre o falecemento da enferma psiquiátrica en Mondoñedo

Ante o caso da enferma psiquiátrica morta en Mondoñedo por atragoamento na residencia para anciáns e discapacitados intelectuais, do que veñen de informar algúns medios de comunicación -despois da denuncia dos seus familiares contra o Centro e a Xunta por suposta neglixencia no seu coidado-, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) fai públicas as seguintes consideracións:

1. Persoas como a falecida, afectadas por trastornos mentais graves, que sofren severas discapacidades e que reciben tratamentos psicofarmacolóxicos con frecuentes efectos secundarios -como comprometer o nivel de conciencia e a motricidade-, atópanse ingresadas en residencias pensadas para o coidado de persoas da terceira idade ou afectadas por discapacidade intelectual. As súas dotacións profesionais, espazos, recursos e organización eran, se acaso, apropiadas para ese fin.
Mais moitas persoas ingresadas nos hospitais psiquiátricos que se foron clausurando en Galicia nos últimos anos -co obxectivo declarado de poñer fin á marxinación social, á discriminación asistencial e á vulneración dos dereitos humanos dos pacientes psiquiátricos-, foron “externalizadas”, sendo realoxadas nesas residencias pensadas e orientadas para outros fins. Os responsabeis sanitarios de Galicia, en lugar de reforzar a deficiente rede de Saúde
Mental e os recursos sociais, que permitiría a reintegración destas persoas á sociedade de xeito acorde ás súas necesidades e potencialidades, ou no seu caso unha atención residencial especializada, tan só as reubicaron noutro lugar residencial, a miúdo en institucións inaxeitadas que non están dotadas e cualificadas para o seu coidado e tratamento. Como resultado do anterior, cidadáns que requiren unha atención sanitaria e social específica -á que teñen pleno dereito- non a están a recibir, convertíndose en poboación de risco respecto á súa saúde, seguridade e vulneración de dereitos.

2. Os plans de reubicación de pacientes psiquiátricos en réxime residencial siguen vixentes, transferindo as responsabilidades de atención e coidado dos mesmos dende o SERGAS a centros públicos ou concertados non especializados da Consellería de Política Social. Descoñécese a día de hoxe cantos son os pacientes que se viron afectados por estes plans, as alternativas que foron consideradas na súa “externalización”, o alonxamento espacial respecto ó seu lugar de residencia inicial, o carácter dos centros e residencias aos que foron enviados, as condicións de aloxamento, as dotacións e cualificación do persoal deses centros, os programas de coidados e seguimento pola rede de Saúde Mental, e os plans periódicos de inspección dos mesmos -cos seus informes correspondentes, para poder garantir o cumprimento dos criterios de acreditación para a función de coidado de enfermos mentais crónicos-.

3. Estas persoas, como consecuencia do efecto causado pola enfermidade e a institucionalización sufrida, atópanse nunha especial condición de vulnerabilidade, e polo mesmo, cunha necesidade incrementada de atención e coidado polo Servizo Galego de Saúde. Mais a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, na execución do plan de peche dos hospitais psiquiátricos (aínda incompleto) non puxo os medios para mellorar a atención ás persoas neles ingresados. Reubicounas noutro lugar, trasladando a súa institucionalización a outros espazos. Así, transferíu pacientes e
recursos económicos dos hospitais psiquiátricos a centros privados, concertados e algúns públicos, incumprindo as súas obrigas a costa dos dereitos e necesidades destas persoas, sen reinvertir nelas os recursos liberados co peche dos hospitais psiquiátricos.

4. O MGSM considera que calquera valoración sobre esta cuestión, e as medidas axeitadas ante a mesma, ten que partir de que estas persoas (os pacientes psiquiátricos en coidado residencial) son as máis abandonadas historicamente, as máis graves, e as máis desprotexidas, daquelas atendidas no eido da saúde mental. A súa
capacidade de defensa dos seus dereitos é moi reducida, cando non nula. O risco que sofren de abandono asistencial, maltrato, abuso e vulneración nos seus dereitos é moi alto. Ante elas, a sociedade e as súas institucións teñen unha responsabilidade incrementada.

5. Por todo o anterior, cómpre esixir aos responsabeis políticos unha revisión e rectificación dos plans asistenciais que afectan a estas persoas, que deben ter unha atención prioritaria. E así, dirixímonos ao Parlamento de Galicia para que no exercicio da súa función controle o cumprimento da obriga da Xunta nesta cuestión; á Xunta de Galicia para que cumpra coas súas obrigas e funcións de coidado e asistencia sanitaria; á Valedora do Pobo para que asuma a protección destas persoas tan vulnerables; e aos profesionais da Saúde Mental e Servizos Sociais para que prioricen as súas accións a favor de quen máis os precisa.

En Santiago de Compostela, a 25 de marzo de 2016