Manifesto Fundacional

POLA PROTECCIÓN DA SAÚDE MENTAL E CONTRA O DETERIORO DA SÚA ASISTENCIA PÚBLICA

 O estado da atención sanitaria e social á saúde mental en Galicia está nun proceso de franco deterioro. Os escasos datos que se dan a coñecer sobre indicadores de saúde da poboación informan dunha evolución negativa, e os informes que proporcionan os profesionais e usuarios dos servizos públicos de saúde mental, debuxan unha realidade asistencial na que se salientan feitos inaceptables.
Deles conclúese que:
  • Están a ser danados os dereitos asistenciais e son restrinxidas de feito as prestacións sanitarias recoñecidas como dereito por lei á cidadanía. CONCÚLCANSE DEREITOS ASISTENCIAIS .
  • Estase a proporcionar unha asistencia por debaixo das condicións de calidade e seguridade esixibles, e do nivel que a cualificación dos profesionais da saúde pode garantir. Iso é así tanto pola dificultade para acceder á mesma como para recibila ca intensidade, extensión e diversidade de recursos e accións profesionais recoñecidas como necesarias (esperas, distancia temporal entre consultas sucesivas, redución de tempos de atención, limitacións para acceso á hospitalización e acurtamento temerario da mesma, impedimentos para acceso á rehabilitación, inexistencia de plans específicos para situacións de alta morbi-mortalidade). DETERIÓRASE A CALIDADE E COMPROMÉTESE A SEGURIDADE.
  • Estanse a deteriorar gravemente as condicións para o exercicio da actividade dos profesionais da saúde mental como consecuencia da dinámica de funcionamento dos servizos e institucións sanitarias, da incertidume laboral e o incremento de carga asistencial, do incumprimento das indicacións de de doentes por profesional, e do establecemento nos acordos de xestión de obxectivos economicistas e non os orientados á mellora da calidade asistencial. DETERIÓRASE O EXERCICIO PROFESIONAL.
  • Estase a constatar que o maior deterioro da situación recae sobre aqueles sectores sociais que menos recursos posúen, máis necesidades teñen, e en pior situación de saúde se atopan. QUÉBRASE A EQUIDADE: OS DOENTES CON TRASTORNO MENTAL GRAVE E SEN RECURSOS, PEOR.
  • Os responsables da dirección do SERGAS non están a desenvolver os medios de planificación, avaliación, desenvolvemento de recursos, coordinación e información necesarios para que a actividade dos profesionais permita obter os mellores resultados posibles na atención aos usuarios de Saúde Mental. Na toma de decisións marxínase aos profesionais, aos usuarios, e aos doentes e ás súas familias.CARÉCESE DE PLANIFICACIÓN, OCÚLTASE INFORMACIÓN E IMPÍDESE A PARTICIPACIÓN.
Este estado de cousas enmárcase nun contexto de funcionamento antidemocrático dos servizos e institucións do SERGAS, responsables da atención pública á saúde mental, de redución progresiva de recursos profesionais e materiais, e de carencia dun proxecto público cara o futuro de acción social e sanitaria en saúde mental. Galicia está de novo sen plan específico de saúde mental.
O deterioro na atención á saúde mental é parte do deterioro sanitario xeral, e ámbolos dous son unha consecuencia do tipo de xestión que se está a facer desta crise económica, e do recorte de dereitos que estamos a sufrir. Pero ademais, ese deterioro en Galicia incide sobre unha situación que xa era fráxil e pior en termos relativos respecto á media do Estado Español, xa fora en dotacións profesionais e recursos asistenciais, xa en indicadores de saúde ou en desenvolvemento da organización da rede de atención á saúde mental. Cómpre lembrar que para corrixir esa situación puxérase en execución o Plan Estratéxico de Saúde Mental Galicia 2006-2011, que se viu interrompido polo goberno autonómico xa na pasada lexislatura, sen que dende aquela se definira ningunha alternativa coñecida.
Esta preocupante situación agudízase nos últimos anos como consecuencia do deterioro das condicións de vida e de traballo, o incremento do sufrimento intolerable producido pola ameaza que sobre as vidas proxecta a crise económica e as políticas que os nosos gobernos dispoñen fronte a ela, e a diminución dos recursos de protección social e sanitaria.
OMS-Europa xa advertiu hai tres anos nun informe específico, que se durante a crise se desenvolvían políticas que reduciran a protección social, incrementaríanse os riscos e danos na saúde mental das poboacións afectadas. Os nosos gobernantes estaban avisados. O resultado que estamos a sufrir prediciuse e cúmprese rigorosamente.
Pódense facer outras políticas sanitarias en saúde mental: só é unha cuestión de opcións a tomar, intereses a defender e prioridades a atender. Mais a saúde mental non parece ser unha preocupación dos nosos gobernantes. A ausencia de proxecto ó respecto, e o desleixo no que se a está a deixar caer, así o confirma.
Ante esta situación, na nosa condición de usuarios, doentes, familiares e profesionais sanitarios, PROMOVEMOS ESTA DECLARACIÓN compartindo a valoración e a preocupación sobre a gravidade da mesma, movidos pola defensa da calidade e dos dereitos asistenciais, e sentíndonos obrigados polo deber que crea o coñecemento do que está a ocorrer.
COMPROMETÉMONOS A ACTUAR para mudar esta realidade inaceptable, sabedores de que a crise económica estase a usar como argumento para facer políticas que son presentadas como inevitables, cando só son algunhas das posibles, e convencidos de que hai outras opcións sanitarias e sociais máis respectuosas cos dereitos das persoas e máis útiles ás súas necesidades de saúde.
E por iso decidimos iniciar, desenvolver e fortalecer un MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL para:
  • Deter o deterioro na atención á saúde mental, e acadar os recursos sanitarios e sociais que compran.
  • Comprometer a todos os sectores e axentes implicados, na defensa da mellor atención sanitaria e social aos doentes e ás súas familias.
  • Ofrecer alternativas á situación, elaboradas ca participación de todos os afectados e integrando ás diferentes experiencias e visións (enfermos, familias, profesionais) sobre os problemas de saúde mental.
E para iso formulámonos
  • Describir para cada área sanitaria, e para cada bisbarra, a evolución do estado das necesidades de saúde mental, e da resposta sanitaria e social ás mesmas, e moi en particular referido a aqueles sectores de poboación mais vulnerables e en condición máis grave. ANALIZAR A SITUACIÓN DE CADA ÁREA SANITARIA
  • Avanzar na elaboración de propostas comúns para presentar ás institucións de goberno da nosa Comunidade cara a mellorar e resolver as carencias e insuficiencias identificadas.ELABORAR PROPOSTAS DE MELLORA.
  • Difundir a nivel social o coñecemento da situación, procurando a maior implicación das súas diversas institucións, organizacións sociais e cidadáns, nas accións a prol da súa modificación. INFORMAR Á POBOACIÓN.
  • Organizar as accións individuais e colectivas que compran para impedir que siga a empeorar a situación, e para mudala.PROMOVER O COMPROMISO, A PARTICIPACIÓN E A MOBILIZACIÓN.
Esta é a alternativa. Potenciar o desenvolvemento da sanidade pública, dos servizos sociais públicos, das políticas activas de emprego, e das medidas de protección social, dende a súa consideración como medios básicos para reducir o dano á saúde mental e o sufrimento, empeorado no actual contexto de crise económica. DEFENDER O PÚBLICO.
Defender os dereitos democráticos, sociais e sanitarios conquistados pola nosa sociedade, hoxe en risco de limitación ou abolición. Eles son a base da convivencia social e do respecto aos dereitos dos máis febles, nomeadamente dos enfermos mentais. ESIXIR O RESPECTO ÓS DEREITOS DEMOCRÁTICOS, SOCIAIS E SANITARIOS.
MÁIS DEMOCRACIA CON MÁIS XUSTIZA = MÁIS SAÚDE
Con eses obxectivos no día de hoxe comezamos esta andaina, até onde compra, para reclamar o respecto ó noso dereito á saúde, para defender a nosa sanidade, e para protexer a saúde mental da comunidade da que somos parte.
En Santiago de Compostela, a 13 de febreiro de 2014

3 Comments

  1. Buenas tardes,

    Querían confirmar si tengo firmado el manifiesto. Y en caso poder firmar la declaración fundacional.
    María de las Mercedes Seoane Bouzas DNI 47358928L
    Terapeuta Ocupacional do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela.

  2. Boas noites,
    O novo Colexio de Terapeutas Ocupacionais de Galicia (COTOGA) que está en trámites de constitución desexa formar parte do Movemento Galego . Queremos mostrar todo o noso apoio e conformidade cos valores e actividades que realiza o Movemento e facelo constar na asamblea do próximo día 17 de xuño. Esperamos que unha vez esté máis constituido o noso colexio, poder colaborar activamente co Movemento; promovendo os dereitos das persoas con enfermidade mental e ofertar unha sanidade de calidade. A nosa páxina web está en construcción polo que podedes encontrarnos no seguinte correo electrónico : cotoga@cotoga.es.
    Quedamos a vosa disposición para todo o que estimedes oportuno.
    Un cordial saludo,
    O Colexio de Terapeutas Ocupacionales de Galicia
    (COTOGA)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*