A POBOACIÓN INFANTIL E XUVENIL NECESITADA DE HOSPITALIZACIÓN EN SAÚDE MENTAL NA ÁREA DE VIGO CARECE DE UNIDADE ESPECÍFICA

Hai agora un ano fíxose publicidade oficial da posta en marcha, cando se iniciara o funcionamento do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, dunha Unidade de Hospitalización de Saúde Mental para poboación infantil e adolescente con seis prazas, que sería referencia para a hospitalización desa poboación das provincias de Ourense e Pontevedra.

En 2012 abriuse no Hospital Clínico de Santiago a única unidade deste tipo existente ata agora en Galicia. Daquela xa fora contestada por chegar tarde, por dotacións insuficientes e por redución moi importante do proxecto inicial. Daquela tamén se abusou pola Consellería de Sanidade da publicidade, presentándose como realización inmediata durante dous anos e, ó final, naceu reducida e co seu equipo asistencial incompleto.

As Unidades específicas de saúde mental para a asistencia en réxime de hospitalización da poboación de menor idade é unha esixencia legal con valor de Lei Orgánica de obrigatorio cumprimento dende o ano 2000, e xa foi incluída como mandato para tódolos paises na Declaración Universal dos Dereitos da Infancia da Asamblea Xeral da ONU en 1989.

Galicia ten un atraso intolerable na creación destas Unidades. Mentras noutras Comunidades autónomas foron avanzando, no noso país só se creou unha en Santiago e insuficientemente dotada.

A pesar de toda a publicidade sobre esta cuestión despregada polo SERGAS nestes anos a realidade da Área de Vigo, e con ela das provincias do sur de Galicia, é que a día de hoxe carece da Unidade de Hospitalización sen que se coñezan os tempos para a súa apertura.

Pero máis grave resulta que, como consecuencia desa carencia de Unidade de Hospitalización específica, os menores son ingresados en habitacións na Unidade de Hospitalización de Adultos, na cal para evitar compartir espazo cos pacientes ingresados nesa Unidade ven restrinxida a saída do seu cuarto. Estas condicións de hospitalización infantil e xuvenil son intolerables, lesionan dereitos dos menores, comprometen a eficacia terapéutica e insultan ó sentido común.

Non é aceptable que por un día máis en Vigo se careza desta Unidade de Hospitalización: porque é obrigatoria legalmente, porque é necesaria asistencialmente e porque xa foi máis que rendibilizada publicitariamente polos responsables do SERGAS.

III Xornadas do MGSM

III Xornada do Movemento Galego da Saúde Mental

En Santiago o 28 de maio

Sede Afundación. Obra Social ABANCA. Rúa do Vilar, 19.

Horario:
11.00-Recepción de asistentes
11.30-Presentación e apertura da actividade da Xornada.
Rosa Cerqueiro Landín. Psicóloga Clínica. Area Sanitaria de Ferrol.
Imaxes dunha breve historia.
11.45- Propostas para o cambio en saúde mental.
Moderador: Alberte Aráuxo Vilar. Psiquiatra. Area Sanitaria de Santiago.
· Carmen Acuña Docampo. Voceira de Sanidade do Grupo Parlamentar PSdeG-PSOE.
· Montse Prado Cores. Voceira de Sanidade do Grupo Parlamentar BNG.
· Eva Solla Fernández. Voceira de Sanidade do Grupo Parlamentar AGE.
13.15- Asamblea do MGSM.
Informe de actividade.
Elección Coordinadora Nacional e Voceiro/a.
14.00- Descanso. Xantar.
17.30- Lecturas do sufrimento, palabras para a crise.
Coordinadora : Ana Riveiro Currais. CCOO Sanidade.
– Sabela Hermida. Actriz.
– Antón Riveiro Coello. Escritor.
– Marilar Aleixandre. Escritora.
– Inma López Silva. Escritora.
– Manuel Portas. Escritor.
19.30- Peche e asistencia ó acto de Praterías. Badaladas pola prevención do suicidio.
________________________________________________

Para participar só debes inscribirte enviando correo a esta dirección:
mgsaudemental@gmail.com

A inscripción é gratuita. O número de inscripcións só se verá limitado pola capacidade de aforo do salón de actos, e darase prioridade por orden de inscripción.

https://www.facebook.com/movementogalegodasaudemental
https://twitter.com/MGSaudeMental/media
http://movementogalegosaudemental.gal/

PLAN GALEGO DE PREVENCION DO SUICIDIO XA!

A morte por suicidio é un dos mais graves problemas de saúde pública. Case tódolos dias do ano morre por suicidio unha persoa en Galicia.

A cantidade de persoas falecidas por esta causa aumentou dende o comenzo da crise, tanto en España como en Galicia, chegando a ser a principal causa de morte “externa” no noso país segundo o Instituto Nacional de Estatística. A maioría das veces a morte por suicidio é resultado da combinación de razóns nada misteriosas: sufrimento psíquico intenso que con frecuencia afecta á saúde mental da persoa, carencias (afectivas, económicas, de expectativa de algo mellor por diante, soedade, dor, enfermidade grave, incapacidade para manexar dificultades relacionais e emocionais,…), empobrecemento, paro, débedas, perda da vivenda,…

A Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu en 2011 ós gobernos dos países europeos que a crise conlevaba un aumento do risco de suicidios se non se adoptaban políticas activas de emprego para reducir o paro, de reforzamento da protección social e sanitaria, de alivio da carga da débeda sobre as persoas que a sufren, e de apoio ás familias. No noso país fíxose a política oposta e, desgraciadamente, esa predicción cumpriuse: os suicidios aumentaron relacionados coa crise e coas políticas desenvolvidas ante a mesma. Hoxe as investigacións desenvolvidas en Galicia así o confirman.

En 2013 a OMS fixo un chamamento mundial a tódolos gobernos para que desenvolveran estratexias de prevención de tal xeito que en cada país se reducira a cantidade de mortes por suicidio nun 10% para o ano 2020, e urxiu a actuar xa. Hai tres anos que tiñamos que ter en marcha o Plan de Prevención do Suicidio para o noso país. O goberno da Xunta de Galicia non fixo nada ó respecto.

O compromiso de toda a sociedade na prevención é fundamental. A obriga do Goberno da Xunta de Galicia é ineludible. Urxe o Plan Galego de Prevención do Suicidio.

Resposta da Valedora do Pobo

En relación ao caso da paciente psiquiátrica falecida nunha residencia de Mondoñedo por atragoamento, o MGSM presentou unha petición ante a Valedora do Pobo para que sexan investigados este tipo de feitos e as circunstancias nas que se producen.

Recibimos a súa contestación, que vos deixamos aquí para que podades consultala.

mondoñedo Valedora do Pobo

Comunicado do MGSM sobre a situación dos profesionais de Terapia Ocupacional no Hospital Psiquiátrico de Conxo

O Movemento Galego da Saúde Mental recibiu información sobre o estado no que se atopa a atención rehabilitadora que se está a  proporcionar polos profesionais de Terapia Ocupacional no Hospital Psiquiátrico de Conxo.

Valorada a mesma, realiza as seguintes consideracións:

1- A Terapia Ocupacional é unha das disciplinas rehabilitadoras fundamentais na atención sanitaria no eido da saúde mental. Os seus profesionais forman parte dunha profesión sanitaria diferenciada e como tal autónoma e responsable no exercicio das súas funcións, que fundamenta a súa identidade e actividade nun corpo específico de coñecementos, técnicas e prácticas desenvolvidas nunha longa historia de implicación no tratamento das persoas enfermas. O exercicio desta profesión para lograr a súa mellor contribución á recuperación da saúde das persoas require de dotacións profesionais, e recursos organizativos e materiais específicos. Á súa vez, a súa práctica profesional debe aterse ó establecido na lexislación común a tódalas profesións sanitarias, e en especial no regulado na Lei de Ordenación das Profesións Sanitarias (LOPS).

2- A Área de Saúde Mental da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago atópase infradotada destes profesionais, o que impide o deseño e execución de programas terapéuticos e rehabilitadores dos pacientes psiquiátricos conforme ás indicacións recomendadas para a boa práctica, véndose así lesionados dereitos asistenciais dos pacientes por serlle negadas de facto prestacións sanitarias recoñecidas legalmente.

3- Á infradotación destes profesionais súmase a deficiente organización da actividade asistencial no Hospital Psiquiátrico de Conxo, e en particular nas súas áreas residenciais, o que impide o cumprimento de obrigas concretas destes sanitarios conforme ó establecido na LOPS (especialmente no referido ó rexistro documental da súa actividade na historia clínica dos pacientes e ó traballo en equipo).

4- A atención especializada de Terapeutas Ocupacionais é aínda máis necesaria canto mais grave é o defecto funcional dos pacientes psiquiátricos, como é no caso de moitas persoas ingresadas no Hospital Psiquiátrico de Conxo. A carencia de recursos (profesionais, organización adecuada e medios materiais para o desempeño da sua actividade) para a cobertura da atención de Terapia Ocupacional no Hospital Psiquiátrico é unha mostra do
abandono no que se mantén ese hospital, para o que aínda non se ten definido un Plan Director que oriente o seu futuro.

5- O abandono polas autoridades sanitarias do SERGAS do Hospital Psiquiátrico de Conxo estano a sufrir tanto as persoas ingresadas nel, ás que se sostén na marxinación social e asistencial vulnerándoselle tódolos días os seus dereitos, como os profesionais que nel traballan que ven gravemente limitadas as súas capacidades de exercicio profesional e as súas potencialidades terapéuticas ante as persoas coas que teñen contraída a obriga asistencial.

En Santiago a 25 de marzo de 2016

Comunicado do MGSM sobre o falecemento da enferma psiquiátrica en Mondoñedo

Ante o caso da enferma psiquiátrica morta en Mondoñedo por atragoamento na residencia para anciáns e discapacitados intelectuais, do que veñen de informar algúns medios de comunicación -despois da denuncia dos seus familiares contra o Centro e a Xunta por suposta neglixencia no seu coidado-, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) fai públicas as seguintes consideracións:

1. Persoas como a falecida, afectadas por trastornos mentais graves, que sofren severas discapacidades e que reciben tratamentos psicofarmacolóxicos con frecuentes efectos secundarios -como comprometer o nivel de conciencia e a motricidade-, atópanse ingresadas en residencias pensadas para o coidado de persoas da terceira idade ou afectadas por discapacidade intelectual. As súas dotacións profesionais, espazos, recursos e organización eran, se acaso, apropiadas para ese fin.
Mais moitas persoas ingresadas nos hospitais psiquiátricos que se foron clausurando en Galicia nos últimos anos -co obxectivo declarado de poñer fin á marxinación social, á discriminación asistencial e á vulneración dos dereitos humanos dos pacientes psiquiátricos-, foron “externalizadas”, sendo realoxadas nesas residencias pensadas e orientadas para outros fins. Os responsabeis sanitarios de Galicia, en lugar de reforzar a deficiente rede de Saúde
Mental e os recursos sociais, que permitiría a reintegración destas persoas á sociedade de xeito acorde ás súas necesidades e potencialidades, ou no seu caso unha atención residencial especializada, tan só as reubicaron noutro lugar residencial, a miúdo en institucións inaxeitadas que non están dotadas e cualificadas para o seu coidado e tratamento. Como resultado do anterior, cidadáns que requiren unha atención sanitaria e social específica -á que teñen pleno dereito- non a están a recibir, convertíndose en poboación de risco respecto á súa saúde, seguridade e vulneración de dereitos.

2. Os plans de reubicación de pacientes psiquiátricos en réxime residencial siguen vixentes, transferindo as responsabilidades de atención e coidado dos mesmos dende o SERGAS a centros públicos ou concertados non especializados da Consellería de Política Social. Descoñécese a día de hoxe cantos son os pacientes que se viron afectados por estes plans, as alternativas que foron consideradas na súa “externalización”, o alonxamento espacial respecto ó seu lugar de residencia inicial, o carácter dos centros e residencias aos que foron enviados, as condicións de aloxamento, as dotacións e cualificación do persoal deses centros, os programas de coidados e seguimento pola rede de Saúde Mental, e os plans periódicos de inspección dos mesmos -cos seus informes correspondentes, para poder garantir o cumprimento dos criterios de acreditación para a función de coidado de enfermos mentais crónicos-.

3. Estas persoas, como consecuencia do efecto causado pola enfermidade e a institucionalización sufrida, atópanse nunha especial condición de vulnerabilidade, e polo mesmo, cunha necesidade incrementada de atención e coidado polo Servizo Galego de Saúde. Mais a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, na execución do plan de peche dos hospitais psiquiátricos (aínda incompleto) non puxo os medios para mellorar a atención ás persoas neles ingresados. Reubicounas noutro lugar, trasladando a súa institucionalización a outros espazos. Así, transferíu pacientes e
recursos económicos dos hospitais psiquiátricos a centros privados, concertados e algúns públicos, incumprindo as súas obrigas a costa dos dereitos e necesidades destas persoas, sen reinvertir nelas os recursos liberados co peche dos hospitais psiquiátricos.

4. O MGSM considera que calquera valoración sobre esta cuestión, e as medidas axeitadas ante a mesma, ten que partir de que estas persoas (os pacientes psiquiátricos en coidado residencial) son as máis abandonadas historicamente, as máis graves, e as máis desprotexidas, daquelas atendidas no eido da saúde mental. A súa
capacidade de defensa dos seus dereitos é moi reducida, cando non nula. O risco que sofren de abandono asistencial, maltrato, abuso e vulneración nos seus dereitos é moi alto. Ante elas, a sociedade e as súas institucións teñen unha responsabilidade incrementada.

5. Por todo o anterior, cómpre esixir aos responsabeis políticos unha revisión e rectificación dos plans asistenciais que afectan a estas persoas, que deben ter unha atención prioritaria. E así, dirixímonos ao Parlamento de Galicia para que no exercicio da súa función controle o cumprimento da obriga da Xunta nesta cuestión; á Xunta de Galicia para que cumpra coas súas obrigas e funcións de coidado e asistencia sanitaria; á Valedora do Pobo para que asuma a protección destas persoas tan vulnerables; e aos profesionais da Saúde Mental e Servizos Sociais para que prioricen as súas accións a favor de quen máis os precisa.

En Santiago de Compostela, a 25 de marzo de 2016

ANTE A SITUACIÓN ACTUAL DA CATEGORÍA DE ENFERMEIRO/A ESPECIALISTA EN SAÚDE MENTAL EN GALICIA

O MGSM manifesta o seu apoio para que se realice a reclasificación das prazas de enfermería nos dispositivos de atención especializada á saúde mental, de tal xeito que as súas funcións sexan desempeñadas por profesionais de enfermería especialistas en saúde mental.

A creación desta categoría profesional, sustentada nunha cualificación profesional especializada, é unha garantía de calidade das prestacións sanitarias.

A inversión pública na formación destes especialistas require xa o seu aproveitamento na atención diaria ós usuarios dos servizos.

Ante esta situación o MGSM reclama ó SERGAS para que proceda á reclasificación das prazas citadas.

En Santiago a 28 de xaneiro de 2016

VALORACIÓN DO ESTADO DAS UNIDADES DE HOSPITALIZACIÓN PSIQUIÁTRICA NO HOSPITAL ALVARO CUNQUEIRO (VIGO)

A creación das dúas Unidades de Hospitalización Psiquiátrica (UHP), integradas no hospital xeral, supón o cumprimento das indicacións que pretendían normalizar a ubicación da atención hospitalaria ás persoas con necesidades de atención psiquiátrica no mesmo lugar que tódolos demais pacientes afectados por outras enfermidades ou trastornos. Ese é o aspecto positivo. Como tamén o é o incremento de prazas de hospitalización.

Pero á parte disto pouco máis podemos dicir positivo da reubicación das dúas unidades preexistentes no hospital Meixoeiro e no Nicolás Peña.

Así:

PROCESO SEGUIDO

– no proceso de deseño e organización desas Unidades non se tivo en conta a participación dos profesionais desperdiciando deste xeito o caudal de coñecementos dos mesmos. Pero tampouco os servizos de planificación específicos da Consellería cumpriron coa súa obriga de organizar o desenvolvemento dos recursos (non hai constancia da participación da Consellería na definición das Unidades do Servizo de Saúde Mental , á que debería supoñérselle unha cualificación superior para propoñer unha estrutura das Unidades acorde coa sua función específica e ás características diferenciais dos pacientes ós que van dirixidas).

– a falla de participación impediu que o mesmo proceso de reubicación constituíra un avance no proceso de integración dos colectivos profesionais que han de traballar nas Unidades. Esa é unha perda maior nun proceso de creación dun novo hospital.

ESTRUTURA

A valoración da estrutura debe facerse atendendo á finalidade do espazo e ós medios materiais que dotan unha Unidade de Hospitalización Psiquiátrica (UHP).

A hospitalización é un episodio asistencial con finalidade terapéutica no curso da evolución de moitas persoas con trastornos mentais. A primeira característica física dunha UHP debe ser a de favorecer a creación dun clima terapéutico. O espazo, a súa organización, os medios materiais disponibles e o seu funcionsmento deben estar ó servizo do proxecto terapéutico.

As Unidades citadas teñen as seguintes caracterísitcas indesexables:

– carecen de acceso a espazos exteriores

– non protexen a privacidade e intimidade das persoas ingresadas

– carecen de espazos diferenciados e necesarios: sala de estar, sala de visita, sala de usos múltiples (conta cun comedor reducido e cunha sala mínima non utilizable para actividades grupais das persoas ingresadas na Unidade). A ausencia de espazo para actividades grupais dirixidas terapeuticamente e de recursos para o ocio provoca a deambulación polo pasillo (interior) da Unidade. O espazo de comedor tan limitado fai que se produza o amoreamento e quendas para comer.

– non prevén que os usuarios poidan regular a iluminación das habitacións restándolle un control mínimo innecesariamente, e as cortinas (estores) non son adecuadas porque transparentan cando a iluminación interior é superior á exterior (pola noite, por exemplo).

– afondan na estigmatización ó dotar os cuartos de baño de pezas sanitarias “antivandálicas” , que tamén presentan deficiencias en duchas e dispoñen de espellos distorsionadores da imaxe corporal.

-non garanten adecuadamente a seguridade dos pacientes: espazos non visibles, camas inapropiadas, materiais con potencial lesivo, porta de evacuación de seguridade clausurada, sistemas de apertura de portas que dificulta o seu control.

DOTACIÓN

– se ben cada Unidade é de trinta prazas e se presentan diferenciadas, esa diferenciación é só formal xa que están interconectadas fisicamente e comparten o persoal directivo, e polas mesmas rota periodicamente o colectivo profesional de enfermería. De facto atopámonos cunha Unidade de sesenta prazas que se alonxa radicalmente das orientacións planificadoras.

– as habitacións individuais conservan a posibilidade de duplicación de camas que anuncia incremento de usuarios no mesmo espazo (xa producido nalgunha ocasión).

– as dotacións de facultativos (psiquiatras e psicólogos clínicos) atópase por debaixo dos mínimos das recomendacións planificadoras (según criterios de planificación tanto do Documento de Bases para a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental como do Plan Estratéxico de Saúde Mental, fan falla 2-3 Psiquiatras mais e 3-4 Psicólogos Clínicos, 1 Terapeuta Ocupacional e 1 Traballadora Social).

– carecen de Terapeuta Ocupacional, o que compromete a actividade cotiá dos pacientes e limita as posibilidades terapéuticas das Unidades.

PROXECTO ASISTENCIAL

Condicionado pola estrutura e o proceso seguido ata agora. Sufrirá as limitacións de dotación profesional e espacial.

Debe destacarse tamén que ás xuntanzas para programación asistencial diaria (estadillos) non se contempla que asistan os profesionais de enfermería, impedindo a aportación de coñecemento dos que manteñen unha relación máis directa e prolongada cos pacientes. Comenza a expresarse un modelo de funcionamento que xa estaba en superación hai tempo.

A insistencia na redución da estadía media anuncia unha preocupante orientación cara a mera redución sintomática, a esa finalidade contribuirán uns espazos físicos como os valorados aquí.

Os obxectivos terapéuticos das UHP dependen dos equipos asistenciais, das dinámicas de funcionamento e dos ambientes e climas relacionais adecuados. No Hospital Álvaro Cunqueiro están claramente comprometidos.

¿QUE PASOU?

A perda de oportunidade faise evidente. O proceso de deseño desas unidades, dende a consideración das caracterísitcas específicas dos seus usuarios e das suas finalidades e a orientación dos profesionais da Área, era tanto un instrumento como un fin en si mesmo.

Tal parece que estas UHP estiveran determinadas pola ignorancia sobre os seus usuarios e sobre as características específicas desas Unidades, e tamén motivos estraños á sua finalidade sanitaria. Ese é o precio de non ter promovido a participación dos profesionais que traballan nelas, e a iso non é allea a privatización do proceso seguido (dende o proxecto arquitectónico ata a toma de decisión sobre os materiais a utilizar).

VALORACIÓN

– perda de oportunidade de mellora nos recursos sanitarios da Área

– perda de oportunidade para a maior implicación dos profesionais

– resultado que desconsidera as recomendacións da propia Consellería en planificación de recursos en saúde mental

– comprométese a posiblidade terapéutica futura desas Unidades

– persiste o estigma no lugar onde menos debera operar

– vulnéranse dereitos dos usuarios e pacientes

– creanse condicións insalubres para os profesionais

O QUE É MALO PARA O PACIENTE É MALO PARA O PROFESIONAL

10 de Outubro, Día Mundial da Saúde Mental

O Día Mundial da Saúde Mental foi establecido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para chamar a atención das sociedades e os gobernos sobre a situación na que se atopan as persoas afectadas por trastornos e enfermidades mentais, para potenciar o desenvolvemento de políticas acordes coa importancia desta dimensión da saúde e para mobilizar a todos os cidadáns e cidadás contra a estigmatización e a prol da integración e o apoio a todo aquel que se atope, por esta causa, en situación de exclusión ou en risco dela.

Neste día o Movemento Galego da Saúde Mental diríxese á sociedade para trasladarlle a valoración da situación que neste eido estamos a vivir en Galicia.

Non é alarmismo afirmar que, comparado con como estabamos hai un ano, nada vai mellor na atención á saúde mental, na prevención dos trastornos psíquicos ou na integración sociolaboral daquelas persoas máis gravemente afectadas. Despois de sete anos deste goberno da Xunta, a situación é moi preocupante: os indicadores de saúde evolucionan indiscutiblemente a peor (incremento da incidencia de trastornos psíquicos, grave elevación da taxa de sucidios, aumento do consumo de psicofármacos), os recursos asistenciais específicos atópanse deteriorados e seguen a sufrir recortes, continúase sen planificación e sen coñecemento de cara onde quere ir o SERGAS na atención á saúde mental, prívase ós doentes do acceso a prestacións básicas do sistema nacional de saúde -sinaladamente á psicoterapia que segue a ser un tratamento inaccesible para moitos usuari@s que a teñen indicada e que se beneficiarían dela-. Tampouco se desenrolan programas ante patoloxías prevalentes e de alto custo humano e económico (trastorno mental grave), desconsidéranse as indicacións da OMS en prevención do suicidio, eludindo a Xunta de Galicia o compromiso mundial da súa redución nun 10% antes do 2020, e desorganízanse os servizos para impedir a participación dos profesionais.

A crise, tan socorrida polos nosos gobernantes para agochar as súas responsabilidades, xa non é un argumento críble para xustificar o que está a pasar. Non é a crise, é a forma de gobernar da Xunta: a xestión torpe no día a día, a incompetencia gobernante, o favoritismo na selección dos mandos intermedios, os intereses compartidos coas industrias que fan negocio coa saúde e que, a miúdo, son opostos ós da poboación, e tamén o plan de privatización progresiva da atención á saúde mental.

Esa forma de facer as cousas: incompetente, autoritaria, despectiva cos que non son da corda política-ideolóxica dos gobernantes actuais, sen proxecto de futuro nin esperanza en nada mellor, ten o seu reflexo nunha acción de goberno predominantemente propagandística (da que é un exemplo o publicitado proxecto mastermind de tratamento da depresión por teleasistencia que cubriu, no seu día, un par de páxinas de xornal e do que non se volveu saber), ou de franco falseamento da realidade (como se reflexou nas recentes respostas parlamentarias dadas polo grupo gobernante no Parlamento de Galicia ante o incremento de suicidios en Galicia, nas que mesmo negaron os seus datos oficiais).

Deterioro, incompetencia, utilización inxusta dos recursos públicos, falseamento da realidade e abuso da propaganda. Ese é o resumo da xestión en saúde mental do goberno do Partido Popular en Galicia. Estamos moi mal na atención á saúde mental en Galicia: fai falla outra política sanitaria.

Urxe un plan guiado por obxectivos de saúde e que potencie a atención a quen se atopa en condición de maior fraxilidade. É imperioso o establecemento de prioridades que superen a mera xestión administrativa actual dos servizos e recursos, fai falla un futuro ó que dirixirse para reducir o efecto tan daniño que ten a crise e a súa xestión gubernamental nas persoas con trastorno mental severo, hai que comprometerse cos obxectivos da OMS neste eido, debe apoiarse o movemento asociativo e facilitar a sua participación, e fan falla outros gobernantes que poidan dirixir a sanidade cara un futuro mellor.

O Movemento Galego da Saúde Mental contribuirá tamén á definición dese futuro aportando o seu coñecemento e esforzo ó programa de goberno que necesita este país.