Fotos das IV Xornadas do MGSM

EXPOSICIÓN PÚBLICA DO BORRADOR DAS LIÑAS MESTRAS PARA O PLAN GALEGO DE SAÚDE MENTAL

O pasado mes de febreiro anunciouse polo Conselleiro de Sanidade, ante o Pleno do Parlamento de Galicia, que en breve prazo se comenzaría na Consellería a elaborar o Plan Galego de Saúde Mental.

Na pasada lexislatura os tres grupos da oposición no Parlamento Galego reclamaron, en diversas ocasións, o devandito Plan. O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) alentou e aconsellou esas e outras propostas de acción necesarias (entre outras o Plan Galego de Prevención do Suicidio).

A elaboración do Plan Galego de Saúde Mental, tantas veces proposta como tantas veces rexeitada por quen hoxe asume a súa necesidade, precisa da presenza activa de quen viñemos reclamando a súa existencia. Debe ser ocasión para definir un proxecto planificador en continuidade cos progresos acadados e para impedir retrocesos en concepcións, recursos e organización asistencial.

A Coordinadora do MGSM para responder a esta necesidade formou un grupo de persoas (profesionais e non profesionais do sector, e plural como o propio MGSM) , que dende diversas ópticas e experiencias puideran definir as liñas mestras que deberan orientar o futuro Plan Galego de Saúde Mental. Esas liñas deron orixe a un documento que posteriormente foi enviado para o seu coñecemento e consulta ós colectivos asinantes da Declaración Fundacional do MGSM.

O proceso de definición desas liñas mestras continúa agora coa súa exposición pública previa á súa presentación ante a Asamblea do MGSM que se celebrará na Xornada Anual o día 17 de xuño en Santiago. O posterior desenvolvemento das mesmas en propostas mais concretas, si así o aprobara a Asamblea, necesitará da participación de todas/os quen forman o MGSM.

Podes consultar AQUÍ o documento de Orientacións Marco para a elaboración dun Plan Galego de Saúde Mental 2017.

IV Xornadas do Movemento Galego da Saúde Mental

Dereitos: piares irrenunciables da asistencia á saúde mental

En Santiago o 17 de xuño

no Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca da USC

(Campus Vida, Santiago de Compostela)

 

Horario:

09.30-Recepción de asistentes

10.00-Presentación e apertura da actividade da Xornada.

Rosa Cerqueiro Landín. Psicóloga Clínica. Area Sanitaria de Ferrol.

10.15- Conferencia: A hospitalización como instrumento terapéutico: requisitos estructurais e funcionais das Unidades de Hospitalización Psiquiátrica de Procesos Agudos

Victor Pedreira Crespo. Ex-Xefe do Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra.

11.15- Descanso.

11.30- Mesa: Cuestións sobre dereitos

Moderador: Miguel Vieito Villar. Membro do Comité de Ética Asistencial da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela.

  • Dereitos e realidades. A Psicoterapia no SERGAS.

José Eduardo Rodríguez Otero. Psicólogo Clínico. Unidade de Saúde Mental de Cangas. EOXI Vigo.

 

  • O sufrimento pola contención nos pacientes e na enfermería.

Ana Rodriguez López. Enfermeira especialista en saúde mental. EOXI Santiago.

 

  • Sufrimento psíquico: Dereitos en contención.

Paula Tomé Espiñeira. Activista polos dereitos das persoas diagnosticadas. Redactora en Radio Prometea.

  • A protección xudicial dos dereitos asistenciais.

Luis Villares Naveira. Maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (en excedencia).

13.15- Asamblea do MGSM.

  • Informe de actividade.
  • Presentación do documento Orientacións marco para a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental 2017.
  • Elección da Coordinadora e Portavoz.

14.15- Peche e despedida.

_____________________________________________________________________

  • A inscripción é gratuita. O número de inscripcións só se verá limitado pola capacidade de aforo do salón de actos, e darase prioridade por orden de inscripción.

O CONSELLEIRO, CONXO, E O PLAN DE SAÚDE MENTAL

Hai menos de dous meses o Conselleiro compareceu no Parlamento para dar explicacións sobre o acontecido na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Médico Cirúrxico de Conxo.

Recollemos aquí unha selección de duas partes da sua intervención.

A resposta enmarcouna nunha lectura do plan de traballo da Consellería. Nese plan tamén fala de saúde mental.

Este é o audio referido ó ocurrido na Unidade citada:

Nel repite moito do que xa dixera a Consellería: dotacións ao 100%, secreto das actuacións, etc. E despois, sen motivo que o xustifique, desvía a cuestión cara aos profesionais sinalando que parecera que se lles cuestiona, para deseguido desfacerse en loubanzas a aqueles.

Pero… o que se lle interpelaba era sobre o deterioro da asistencia e a insuficiente dotación de profesionais por mor dos recortes realizados na sanidade galega polo Goberno do seu partido

Respecto ao que pensa facer a Consellería na atención á saúde mental anunciou accións que a propia Xunta e o grupo parlamentario do PP rexeitaron reiteradas veces na anterior lexislatura.

Foi así que absolutamente todas as propostas feitas ata agora pola oposición no Parlamento Galego, fora en Pleno fora en Comisión, demandando a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental e do Plan Galego de Prevención do Suicidio atopáronse sempre cunha negativa pechada e defendida polos mesmos que hoxe din que van facer o contrario.

Por iso as xustificacións do Conselleiro sobre o motivo de porque non temos un Plan de Saúde Mental son falsas, xa que o seu propio grupo parlamentario o impediu, e ademais foi o goberno do seu partido quen en 2009 suspendeu sin explicación o Plan Estratéxico de Saúde Mental Galicia 2006-2011.

Pero ademais cando fala de algo que “foi tumbado” no Consello Interterritorial parecera que fala do plan galego, e non foi así xa que o que foi rexeitado polas Comunidades Autónomas alí representadas foi o proxecto de estratexia estatal nesta cuestión, que lle foi presentada polo Ministerio a un inesperado Consello Interterritorial políticamente máis plural que o anterior debido aos resultados das últimas eleccións autonómicas. Esas Comunidades non aprobaron nese órgano esa estratexia polo seu contido e pola sua elaboración (con formas características da época da maioría absoluta do PP tanto nas autonomías como a nivel central, cando se despreciaba o diálogo e os gobernantes gostaban do monocolor).

Por outra banda, sen estratexia estatal podería terse en execución un Plan Galego de Saúde Mental . Por que o tiñan, por exemplo, Extremadura, Asturias ou Navarra?.

Non parecera que o Conselleiro soubera moito do que está a falar, ou pode que o seu asesoramento sexa confuso.

E, por certo, un alto cargo da Administración non debera dicir no Parlamento que unha proposta do Ministerio de Sanidade “foi tumbada” polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, xa que é o órgano que ten a competencia administrativa de aprobala ou rexeitala.

Do que di de Infantil non imos decir mais: a Unidade de Hospitalización en Saúde Mental para Infancia e Adolescencia no Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, publicitada unha morea de veces, sigue sin existir. Mentres, todo o demais son palabras.

 

DIGNIDADE E DEREITOS DANADOS NA HOSPITALIZACIÓN PSIQUIÁTRICA NO COMPLEXO HOSPITALARIO DA CORUÑA

O Movemento Galego da Saúde Mental foi coñecedor da denuncia presentada ante a Xustiza pola morte dun paciente psiquiátrico que, cando faleceu, se atopaba en contención mecánica ingresado na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica (UHP) do Complexo Hospitalario da Coruña.

Este feito ocorreu no marco dunha Unidade de Hospitalización con importantes carencias, sostidas no tempo, e que conlevan danos importantes para os dereitos asistenciais dos pacientes da Área da Coruña, para os seus dereitos fundamentais e para a calidade asistencial esixible a un servizo sanitario público.

Esta UHP dispón de 32 camas ás que se lle poden sumar dúas máis, e mantén un nivel de ocupación total durante períodos longos.

Son identificables déficits graves de dotación profesional, de infraestructuras residenciais e de funcionamento.

Algunhas das deficiencias que se sinalan máis abaixo mesmo comprometerían a posibilidade de apertura desa Unidade , por incumprir as esixencias mínimas que a propia Consellería de Sanidade dispón para autorizar centros sanitarios, alonxándose tamén gravemente dos estándares básicos de acreditación propostos polo Ministerio de Sanidade.

A saber:

  • Está ubicada fóra dun hospital xeral situándose no Hospital Marítimo de Oza. Carece de suficiente espazo para actividades comúns dos pacientes e para a relación destes coas súas familias cando reciben visita.

  • A metade das habitacións desta Unidade son de 3 camas e non dispoñen de baño na habitación, co cal 16 pacientes deben usar baños colectivos.

  • Existe unha habitación para a contención mecánica, dotada con 3 camas separadas por cortinas, e poden coincidir nela en estado de contención homes e mulleres. Non se coñece protocolo específico sobre a indicación, uso, responsabilidade e garantía do procedemento de contención.

  • Non existen sistemas organizativos que posibiliten e potencien a participación colectiva de todo o equipo asistencial na elaboración e desenvolvemento dos plans individuais de avaliación, tratamento e seguimento do paciente.

  • Está infradotada de profesionais se se toman como referencia os documentos de planificación en saúde mental da propia Consellería de Sanidade, e se se pretende que o obxectivo sexa terapéutico e non só o control e a redución sintomática do paciente.

Un só psiquiatra, xunto cun MIR, debe cubrir a garda dos hospitais do Complexo xunto coa da UHP. A UHP tería que dotarse de 1 psiquiatra e 2 psicólogos clínicos, carece de celadores (nos plans sinálanse 6 como os indicados para esa Unidade) e tamén serían necesarios 11 profesionais máis de enfermería.

  • A selección de facultativos de psiquiatría para a cobertura de prazas temporais ten importantes déficits de transparencia. A tan necesaria confianza da cidadanía na garantía de que a Administración da un trato igualitario a tódalas persoas nos procesos de acceso ó emprego público é posta a proba polo o feito de que dúas fillas do propio Xefe de Servizo chegaran a ser contratadas para ocupar praza de psiquiatras nese mesmo Servizo.

O cadro que debuxan as deficiencias sinaladas pode que sexa só o marco do tráxico suceso que chamou a atención sobre esa Unidade. Pero, aínda que así fora, son patentes as discriminacións que sofren os pacientes psiquiátricos ingresados nesa UHP cando se os compara con pacientes afectados por outras enfermidades (a carencia de baño nas habitacións é un exemplo evidente). É espeluznante a existencia dunha habitación colectiva para a contención mecánica e, ademais, para ambos sexos simultaneamente. É deducible o empobrecemento da calidade asistencial cando no funcionamento da Unidade non participan e se coordinan os profesionais, e cando unha parte destes (os facultativos psiquiatras) non dispoñen de sistemas que garanticen que o seu acceso ó emprego público é só por razón de mérito (sistemas que os protexerían de discriminacións ilexítimas e liberaríaos de potenciais débedas e servidumes persoais).

Dánase nesta situación o dereito das persoas alí ingresadas a un tratamento en condicións de igualdade cos demais usuarios do SERGAS, e o de acceso das mesmas á prestación de asistencia sanitaria á sua saúde mental, adecuada ós coñecementos e medios terapéuticos actuais (farmacolóxicos, físicos, psicolóxicos, sociais e de coidados), proporcionada en espazos que protexan a súa intimidade e dignidade, e máis aínda cando poideran atoparse en grave condición de vulnerabilidade por ver limitada a súa capacidade de decisión autónoma.

Urxe a corrección destas deficiencias, por dereito dos pacientes e usuarios dese servizo, por respeto á dignidade das persoas e pola consideración debida dos xestores á cualificación dos profesionais e ó seu dereito a exercer a súa profesión en condicións que posibiliten a máxima utilidade sanitaria do seu saber.

O DOLOROSO DANO DOS RECORTES NA HOSPITALIZACIÓN PSIQUIÁTRICA EN SANTIAGO

Hai tres anos que dende o Movemento Galego da Saúde Mental, na nosa primeira declaración, chamamos a atención sobre o deterioro progresivo no que se atopaba a atención á saúde mental en Galicia.

Sinalamos como causas máis destacadas dese deterioro os recortes sanitarios e as formas de xestión sen planificación e obstaculizadoras da participación dos profesionais da Sanidade Pública no facer cotián dos servizos e unidades asistenciais.

Tamén salientamos que como consecuencia diso se estaba a comprometer a calidade asistencial e a seguridade dos pacientes.

Recentes acontecementos na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo materializaron desgraciadamente estes pronósticos. O falecemento dunha paciente por suicidio e a denuncia, uns días antes, dunha agresión sexual por parte doutra paciente (ámbalas dúas ingresadas nesa Unidade) son cuestións de indudable gravidade que han de entenderse no marco do deterioro antes salientado.

Cómpre recordar que hai tempo que se vén denunciando publicamente dende diferentes instancias a escasa dotación desa Unidade, a frecuente retirada do persoal de Enfermería da mesma para cubrir necesidades doutros servizos do mesmo hospital (tamén debilitados polos recortes de persoal), a escasa actividade dos pacientes ingresados, a carencia de Terapeuta Ocupacional no equipo, a falta de medios para a coordinación e elaboración de plans terapéuticos nos que participen e se coordinen todos os profesionais, e a repetición de agresións ó persoal. Sen embargo, por quen ten a obriga de dirección e xestión, nada se fixo ante estas carencias e advertencias para corrixir o arriscado rumbo que se estaba a seguir.

Os acontecementos que hoxe motivan este comunicado público teñen unha dolorosa dimensión humana. Se se poden previr, non poden aceptarse silenciándoos ou permanecendo pasivos ante os mesmos, e menos aínda por profesionais da saúde mental. A sociedade ten dereito a saber o que ocorre nos servizos públicos que sustenta co seu esforzo. Feitos así deben ser coñecidos publicamente, e tamén han de ser tratados polos responsables do SERGAS como graves indicadores de que algo vai moi mal na atención á saúde mental.

A sua prevención futura esixe a adopción de inmediato das medidas oportunas, recollendo as aportacións dos profesionais, en particular de Enfermería, para a mellora da calidade da hospitalización psiquiátrica. E iso non se logrará con meras medidas de reforzamento do control dos pacientes ou de aumento da coerción sobre os mesmos. Polo contrario, esa prevención debe realizarse reforzando a finalidade terapéutica da hospitalización e o respecto aos dereitos fundamentais das persoas, dotando de profesionais suficientes e coa cualificación adecuada a esas Unidades (con especial urxencia debe dotarse a terapia ocupacional e profesionais de enfermería), implantando nelas formas de traballo participativas e coordinadas entre tódolos profesionais, definindo protocolos e instrucións de traballo claras ante os potenciais riscos, e rexistrando documentalmente de xeito sistemático a actividade desenvolvida por tódolos profesionais que prestan asistencia.

Diversos compoñentes da calidade asistencial na sanidade se viron afectados pola xestión que se fixo da crise económica. En concreto, nos casos que aquí denunciamos destacan as intolerables carencias na garantía de seguridade das persoas cando reciben atención sanitaria, a vulneración do seu dereito a tratamentos e coidados sanitarios acordes cos coñecementos actuais e en igualdade cos demais pacientes e usuarios, e o escaso respecto aos seus dereitos fundamentais e sanitarios.

Actividades de ASDAN

Aquí vos deixamos información sobre as actividades desenvolvidas pola Agrupación Sociodeportiva Alter-Nativa (Asdan), que forma parte do MGSM.

Podedes ver a nova de prensa facendo clic AQUÍ

Podedes descargar o tríptico coas súas actividades AQUÍ

Podedes ler a nota informativa sobre a Agrupación AQUÍ

Podedes ver os seus carteis AQUÍ  e AQUÍ

 

 

Á Valedora do Pobo

Á VALEDORA DO POBO

Estimada Señora:

O pasado dia 5 a persoa responsable de comunicación da Institución, da que Vd. é a actual titular, comunicounos ó Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) o seu interés en “…realizar encontros de traballo con entidades de diferente natureza e do tecido asociativo, en cuxo traballo confiamos firmemente. É por iso que, por encargo da Valedora, nos diriximos a vostedes coa idea de convidalos a manter unha xuntanza nesta sede en data próxima.”. Propoñía a data do vindeiro luns  dia 12 para esa entrevista.

Estimamos moito a súa proposta. Vostede xa é coñecedora dunha das nosas máis importantes preocupacións: o inquietante descoñecemento da situación na que se atopan persoas que foron “externalizadas” dos hospitáis psiquiátricos públicos, que se nos fixo tráxicamente patente cando coñecimos a morte por atragoamento dunha paciente con enfermidade mental ingresada nunha residencia de Mondoñedo  (a todas luces un lugar inapropiado para o seu estado, como xa denunciaran traballadores/as da mesma residencia). Nós solicitámoslle que investigara, non só ese feito senón tamén o que o mesmo parecía indicar dunha realidade que nos tememos é moito maior: a da reubicación de pacientes residenciais con longa estadía nos hospitais psiquiátricos públicos (previo ó peche dalgúns deses hospitais), baixo o loable e formal propósito da sua “normalización e integración social”, en residencias inadecuadas tanto nas súas dotacións, como en espazos e funcionamentos, e con efectos de desubicación e abandono da continuidade e responsabilidade asistencial polos profesionáis que informaron favorablemente esas “externalizacións”.

A realidade é que, a partir destes comportamentos do sistema sanitario na “xestión de pacientes psiquiátricos asilares” un novo termo veu engadirse ó abundante vocabulario eufemístico das institucións da loucura: “transinstitucionalización” (que nunha das suas dimensións alude á acción de trasladar á persoa con trastorno mental dun espazo sanitario no que se atopa institucionalizada a outro non sanitario no que continua institucionalizada pero que produce a apariencia de cambio na súa situación clínica, civil, e persoal, sendo que no novo espacio pasa a carecer das atencións sanitarias profesionalizadas que necesitaría). Esa“transinstitucionalización”  é consecuencia tanto dun plan de transferencia das obrigas cas persoas dende unha Administración (a sanitaria) a outra (a de política social), como da actuación profesional que redefine técnicamente a situación desas persoas en termos que permiten concluir administrativamente que nonnecesita coidados psiquiátricos continuados, o que aboca entón a unha reubicación daquelas nos espazos residenciais dispoñibles dependentes da Administración (a de política social) que acepta a transferencia. A consecuencia é a de atoparnos, por exemplo, con pacientes de Ourense en residencias da área de Santiago, desvelándose así ata que punto a “externalización” foi máis un procesamento administrativo de persoas que un proxecto de coidado responsable guiado pola atención ás necesidades específicas das mesmas.

Xa ve o alcance das nosas preocupacións, e todo eso comunicámosllo. Vostede sabe o que lle contestaron das Consellerías. Nós sabemos o que Vostede nos contestou dando por pechado o tema.

Agradecémoslle moito a sua invitación. Tamén sabe cánto nos preocuparon as súas recentes declaracións sobre a incapacitación dos “sen teito” e a súa idea de “someter a tratamento” a persoas con problemas de saúde mental ou adiccións. Preocupáronnos, enfadáronnos e doéronnos, porque nos fixo sentir que aqueles que se atopan desprotexidos ou en grave risco de marxinación carecían do amparo da Institución que debería mirar por eles.

Dende o dia das súas declaracións e mentras éstas se sosteñan sen rectificar non podemos confiar en Vostede para cumplir a alta misión institucional que ten encomendada. Vostede ten dereito a equivocarse, e sabemos que canto máis alta é a responsabilidade mais grande é o erro, pero tamén que máis valor adquire a rectificación do mesmo, convertíndose esta así en acto de pedagoxía social.

Temos cousas que falar ca Institución que representa. Creemos que son importantes porque afectan a problemas de persoas necesitadas da máxima atención dos poderes públicos.  Estaríamos encantados de traballlar con vostede animándoa a que siga a estela de outros valedores que no seu dia fixeron estudos e informes sobre o estado da atención á saúde mental nas súas comunidades, e que mesmo na nosa Institución do Valedor se quixeron iniciar no pasado sin chegar a alcanzar un resultado tanxible. Fai falla unha verdadeira Valedora do Pobo, e máis ainda agora, cando a crise deixou trás de sí o doroso rastro do aumento da pobreza e a desigoaldade. Fai falla alguén que dende a alta, e independente, posición institucional na que se atopa a figura da Valedora asuma como acción prioritaria a defensa ante os poderes públicos dos dereitos dos mais débiles.

Nese traballo, nese apoio á Institución mediante a nosa cooperación, estamos dispostos a comprometernos. Como debe ser.

Pero necesitamos que a súa titular teña un compromiso incuestionable ca defensa sen limitacións dos dereitos dos máis vulnerables. Hoxe creemos que ese compromiso non pode ser creíble mentras non se produza a rectificación pública das tan temibles declaracións antes citadas.

Sentimos non asistir á entrevista con Vostede. Esperamos que poida producirse cando sexa reparada a credibilidade dañada da Institución.

Saiba que entón contará co noso esforzo e cooperación.

Reciba un saúdo

Miguel Anxo García Alvarez

Portavoz do MGSM

A Valedora do Pobo e os “sen teito” de Santiago

Cando parecía que a cuestión dos denominados “sen teito” (persoas sen fogar, algunhas das cales viven na rúa) estaba a solucionarse en Santiago, a Valedora do Pobo vén de despacharse cunhas declaración públicas radicais e agresivas, tanto contra as persoas que se atopan nese estado como contra o Goberno do Concello de Santiago.

A acción desenvolvida polo Concello, facilitar vivenda e acollemento e dispoñer de equipos de rúa para as persoas aludidas (suplindo así a carencia de equipos asistenciais do SERGAS) , non logrou modificar unha actitude da titular da Institución que se resume na frase posta na súa boca que reza “la solución a los sin techo será incapacitarlos y someterlos a un tratamiento”. Así. E xa estaría todo resolto según ela pensa.

Equipara a Valedora a unha persoa sen fogar cunha persoa sen capacidade de obrar e que polo tanto debe ser tutelada e ademais, según ela, debe ser tratada anque sexa contra a súa vontade. Someter é a palabra que se lle veu á boca. Como si ainda estivéramos no século XVIII.

Non se sabe que é mais chocante, se a simpleza e intolerancia da solución que se lle ocurriu ou que esta sexa defendida por quen ten entre os seus cometidos o de protexer os dereitos fundamentais das persoas que a ela acudan en amparo.

Sustenta esta tremenda proposta na valoración que fai dunhas condutas que, ou ben parecen problemas de convivencia no espazo público, ou mesmo quizais delitos menores. En ámbolos dous casos a incapacitación non acostuma a ser a solución, agás que a titular da Institución da Valedora do Pobo sexa coñecedora de motivos que aconsellen, para mellor protexer os dereitos desas persoas, proceder á súa incapacitación (xa que esa é a razón principal para esa actuación xudicial, e non outra). Isto situaríaa ante o deber de iniciar, no mellor cumprimento da súa misión institucional, a acción de incapacitación poñendo en coñecemento do Ministerio Fiscal a existencia desa persoa necesitada de protección. ¿Por qué reclamar ó Concello aquelo que mellor pode facer ela mesma e que nun certo sentido, se fora coñecedora dos motivos que di coñecer, estaría obligada a facer?.

Noutros lugares, por outras figuras institucionais (algunha presidenta autonómica, por exemplo), xa se fixeron propostas como esta, tan elementais e desconsideradas cos dereitos das persoas. Pronto se retractaron e recoñeceron que na sociedade temos que caber todos, afortunados e desafortunados, ricos e pobres, sans e enfermos,…

Non deixa de chamarnos a atención que mentres se fan estas propostas se nos teña contestado pola Valedora á queixa formulada o pasado mes de abril , en relación coa tráxica morte dunha paciente psiquiátrica nunha residencia en Mondoñedo, na que chamábamos á súa actuación ante a situación de enfermos psiquiátricos en réximen residencial en lugares inapropiados para o seu estado, cun escrito no que se deron por boas as explicacións xenéricas dos plans de actuación das Consellerías de Política Social e Sanidade respecto á “externalización” de pacientes psiquiátricos (explicacións remitidas previa insistencia e seis meses despois de exposta a queixa).

Actitudes como as que subxacen ás opinións da Valedora son compoñentes esenciais da estigmatización que sufren as persoas afectadas por trastornos mentais. Vencellar prexuizosamente condutas (xa sexan incívicas xa sexan dun gusto que non se corresponde co noso) con incapacidade para rexerse, só contribúe á maior marxinación dos xa mais débiles, á insolidariedade social, á rixidez na convivencia, á uniformización e ó agochamento daqueles que ca sua presenza nos recordan a sociedade imperfecta e inxusta na que vivimos.

Son esas unhas actitudes opostas ás que debe ostentar alguén que ten como deber protexernos a todos e, sobre todo, ós mais fráxiles.