A Valedora do Pobo e os “sen teito” de Santiago

Cando parecía que a cuestión dos denominados “sen teito” (persoas sen fogar, algunhas das cales viven na rúa) estaba a solucionarse en Santiago, a Valedora do Pobo vén de despacharse cunhas declaración públicas radicais e agresivas, tanto contra as persoas que se atopan nese estado como contra o Goberno do Concello de Santiago.

A acción desenvolvida polo Concello, facilitar vivenda e acollemento e dispoñer de equipos de rúa para as persoas aludidas (suplindo así a carencia de equipos asistenciais do SERGAS) , non logrou modificar unha actitude da titular da Institución que se resume na frase posta na súa boca que reza “la solución a los sin techo será incapacitarlos y someterlos a un tratamiento”. Así. E xa estaría todo resolto según ela pensa.

Equipara a Valedora a unha persoa sen fogar cunha persoa sen capacidade de obrar e que polo tanto debe ser tutelada e ademais, según ela, debe ser tratada anque sexa contra a súa vontade. Someter é a palabra que se lle veu á boca. Como si ainda estivéramos no século XVIII.

Non se sabe que é mais chocante, se a simpleza e intolerancia da solución que se lle ocurriu ou que esta sexa defendida por quen ten entre os seus cometidos o de protexer os dereitos fundamentais das persoas que a ela acudan en amparo.

Sustenta esta tremenda proposta na valoración que fai dunhas condutas que, ou ben parecen problemas de convivencia no espazo público, ou mesmo quizais delitos menores. En ámbolos dous casos a incapacitación non acostuma a ser a solución, agás que a titular da Institución da Valedora do Pobo sexa coñecedora de motivos que aconsellen, para mellor protexer os dereitos desas persoas, proceder á súa incapacitación (xa que esa é a razón principal para esa actuación xudicial, e non outra). Isto situaríaa ante o deber de iniciar, no mellor cumprimento da súa misión institucional, a acción de incapacitación poñendo en coñecemento do Ministerio Fiscal a existencia desa persoa necesitada de protección. ¿Por qué reclamar ó Concello aquelo que mellor pode facer ela mesma e que nun certo sentido, se fora coñecedora dos motivos que di coñecer, estaría obligada a facer?.

Noutros lugares, por outras figuras institucionais (algunha presidenta autonómica, por exemplo), xa se fixeron propostas como esta, tan elementais e desconsideradas cos dereitos das persoas. Pronto se retractaron e recoñeceron que na sociedade temos que caber todos, afortunados e desafortunados, ricos e pobres, sans e enfermos,…

Non deixa de chamarnos a atención que mentres se fan estas propostas se nos teña contestado pola Valedora á queixa formulada o pasado mes de abril , en relación coa tráxica morte dunha paciente psiquiátrica nunha residencia en Mondoñedo, na que chamábamos á súa actuación ante a situación de enfermos psiquiátricos en réximen residencial en lugares inapropiados para o seu estado, cun escrito no que se deron por boas as explicacións xenéricas dos plans de actuación das Consellerías de Política Social e Sanidade respecto á “externalización” de pacientes psiquiátricos (explicacións remitidas previa insistencia e seis meses despois de exposta a queixa).

Actitudes como as que subxacen ás opinións da Valedora son compoñentes esenciais da estigmatización que sufren as persoas afectadas por trastornos mentais. Vencellar prexuizosamente condutas (xa sexan incívicas xa sexan dun gusto que non se corresponde co noso) con incapacidade para rexerse, só contribúe á maior marxinación dos xa mais débiles, á insolidariedade social, á rixidez na convivencia, á uniformización e ó agochamento daqueles que ca sua presenza nos recordan a sociedade imperfecta e inxusta na que vivimos.

Son esas unhas actitudes opostas ás que debe ostentar alguén que ten como deber protexernos a todos e, sobre todo, ós mais fráxiles.

MENOR DOTACIÓN IMPOSIBLE

O pasado mes de abril profesionais asistenciais adscritos ás unidades psiquiátricas de hospitalización, situadas no Hospital Nicolás Peña do Complexo Hospitalario de Vigo (SERGAS), dirixíronse á Xerencia da Área platenxándolle a insuficiente dotación da Unidade Residencial, argumentando que ter unha soa profesional no turno de noite para atender as necesidades que poideran presentar as dazaste persoas ingresadas na mesma era claramente insuficiente, e reclamaban maior dotación profesional.

A sua solicitude foi contestada negativamente con argumentos que remitían ó funcionamento do antiguo Hospital Psiquiátrico Rebullón, á existencia dunha base do 061 próxima, e á presencia pola noite de mais persoal sanitario no conxunto dese hospital. E así se zanxou a cuestión polos responsables xerenciais de Vigo. Nin tan siquera unha entrevista, ata o dia de hoxe, cos once profesionais que fixeron a solicitude.

En ningunha unidade dun hospital cunha cantidade de pacientes como a citada asume un único profesional a atención dos mesmos durante todo o turno de noite.

Calqueira pode imaxinar circunstancias que poden requerir da atención total dese profesional a un único paciente da Unidade durante o turno, e con elo ter que desatender ós/ás demais ingresados/as. Calqueira se pode dar conta tamén da imposibilidade de que unha única profesional poida desempeñar o seu cometido sanitario nesa Unidade Residencial cas adecuadas esixencias de seguridade (unha das compoñentes da calidade asistencial) para os pacientes e para os profesionais.

Esa Unidade está dotada con mínimos inaceptables. É de sentido común que cando menos debe contar no turno de noite con duas Técnicas en Coidados Auxiliares de Enfermería, e dispoñer si fora necesario do apoio médico e de enfermería con rapidez.

Pasaron as eleccións pero a realidade asistencial en saúde mental en Galicia, da que este caso é un exemplo, sigue a ser a mesma que hai dous meses: deterioro, escasez de recursos, carencia de diálogo e de participación na xestión pública, ausencia de planificación, peor asistencia ós mais fráxiles. Esa realidade que viñemos denunciando reiteradamente nestes anos de recortes nos servizos públicos e nos dereitos das persoas, xa volveu a ser motivo de análisis, lamentablemente, en ámbitos profesionais internacionais, tal como se reflexou no recente Congreso Internacional de Psiquiatría Basada no Paciente (Madrid) no que se salientou que Galicia xunto con Ceuta son os territorios con peor saúde mental de España.

Pero eso non debe extrañar a ninguén cando as dotacións profesionais son como as que aquí se denuncian: mínimas. Literalmente.

Xornadas do MGSM do 10 de outubro: pobreza e saúde mental

A relación entre pobreza e enfermedade mental segue unha dinámica circular, e tal xeito que as condicións socieconómicas adversas incrementan o risco de padecer un trastorno mental, e á súa vez, a presencia de enfermedade mental implica un maior risco de exclusión social.

Dunha parte, existe un incremento notable nos últimos 10 anos na prevalencia de diferentes trastornos mentáis, especialmente depresión (un 19,4% de incremento), ansiedade (8,4%), somatizacións ou problemas de abuso de alcohol, cun risco 3 veces maior de presentar un cadro depresivo nas personas que sufriron desafiuzamentos, do máis de dobre entre quenes tiñan dificultades para pagar a hipoteca, e do 72% maior nos parados/as (informe SESPAS 2014).

No mundo desenvolvido, a perda de emprego e a pobreza asóciase con un maior risco de suicidio, incrementándose éste nunha proporción 2-3 veces maior. A desesperanza é unha experiencia emocional constantemente relacionada coa conducta suicida, e as experiencias de perdas que se producen co empobrecemento (perder o emprego, perder a posición social, o fogar, perder os amigos, perder os apoios emocionais, perder a saúde…) provocan sentimentos de indefensión.

Especialmente vunerable é o colectivo de persoas con trastorno mental grave, onde a relación entre enfermedade mental, discapacidade e pobreza é moi estreita.

As persoas con TMG con frecuencia son pobres:
· Porque son patoloxías que debutan na xuventude e imposibilitan o desempeño laboral.
· Pola baixa cuantía das pensións que dificultan unha vida independiente.
· Pola situación de dependencia ás familias.
· Por unha rede social restrinxida a familia e profesionais.
· Polo empobrecemento dos fogares.
· Polo risco de exclusión cando hai desexo de emanciparse.
· Pola marxinalidade.

Pero a pobreza tamén causa trastorno mental grave, e/ou empeora a evolución do TMG. É a “dobre desventaxa”: maior risco de desencadenamento de trastorno mental grave, e peores consecuencias socioeconómicas e psicosociais ó sufrilo.

Por outra banda, estamos asistindo a unha situación crecente de tensión e pérdida de cohesión social. Segundo o VII Informe Foessa de 2014, en Galicia hai cerca de medio millón de persoas en situación de exclusión social, das cales 132 mil persoas están en situación de exclusión social severa. Estase a producir a condición paradóxica de que ter un emprego remunerado non é garantía de integración social, e cerca do 25% de persoas con traballo están en situación de exclusión moderada.

Un indicador de exclusión é a exclusión da saúde, que padecen un 14,9% de galegos, cando pasan por situación nas que: non teñen cobertura sanitaria; pasaron fame nos últimos 10 anos; fogares no que todos os adultos teñen problemas graves de saúde; fogares con algún membro dependente e sen apoio; fogares con doentes que non utilizan os servizos sanitarios; ou fogares nos que deixan de comprar medicinas, seguir tratamentos ou dietas por problemas económicos.

Diversos organismos nacionais e internacionais levan anos advertindo que os países que non aposten decididamente por políticas sociais que amortiguen o impacto da crise económica nos cidadáns, sobre todo naqueles que partían xa de condicións de maior vulnerabilidade, ían producir unha situación de desigualdade social que se reproduciría nas vindeiras xeracións. Preto dun 30% de nenos e nenas viven en risco de pobreza, nunha situación de desigualdade de renda, pero tamén de desigualdade no acceso a oportunidades para avanzar no “ascensor social” que permitiría superar as condicións negativas de base.

A contestación da Valedora do pobo

O pasado 25 de marzo, a partir da difusión dunha información na Voz de Galicia na que se recollía a denuncia duns familiares que facían dese xeito pública a morte por atragoamento dunha enferma psiquiátrica nunha residencia de Mondoñedo para anciáns e discapacitados intelectuais, o MGSM fixo unha valoración pública e chamou a través da mesma a diferentes instancias a exercer accións no seu marco de competencias para esclarecer ese feito e evitar a sua repetición.

Estabamos de novo ante unha cuestión fundamental de vulneración de dereitos, de desprotección básica dos mesmos en persoas con enfermidade mental grave, frecuentemente tuteladas, e institucionalizadas en espazos residenciais inadecuados nos que, con non pouca frecuencia, reprodúcese o manicomio que queríamos e críamos xa superado. A “externalización” de residentes dos hospitais psiquiátricos derivou a miúdo en mera “transinstitucionalización” coa sua reubicación en novos espazos residenciais (inadecuados, mal dotados, mal supervisados, e sen a bagaxe formativa e de experiencia necesarias), coa participación (pasiva e activa) da Administración e de profesionais da rede asistencial de saúde mental.

Das institucións ás que recurrimos (Xunta, Parlamento, Valedora do Pobo) a Xunta non fixo constancia nin siquera de que recibira o escrito; no Parlamento a diputada do PSdeG-PSOE Carmen Acuña presentou diversas iniciativas orientadas tanto a coñecer a situación na que se atopan as persoas trasladadas ás residencias dende os Hospitais Psiquiátricos que se viñeron pechando nos últimos anos como a millorar a sua situación asistencial (foron apoiadas por tódolos grupos a excepción do grupo parlamentario do Partido Popular que as rexeitou coa sua maioría absoluta); e a Valedora do Pobo aceptou a trámite a denuncia recoñecendo que era un sector da sua preocupación prioritaria.

A valedora iniciou accións o 5 de abril ca seguinte comunicación:

valedora

Nese escrito solicita determiñada información á Xunta, pero non exerce a sua capacidade de investigación propia. As Consellerías aludidas non contestaron ata agora, e iso despois dun segundo requerimento da Valedora realizado o 12 de maio.

A contestación das Consellerías, que nos foi enviada o pasado dia 3, é satisfactoria para a Valedora (invitamos a comparar a contestación cas cuestións que lle requeriu ela mesma) e pon fin na sua opinión ao cumprimento da sua obriga institucional.
É a seguinte: RESPOSTA DAS CONSELLERÍAS Á VALEDORA

Nunha primeira valoración non podemos deixar de sinalar a tolerancia da Valedora coa abstracta resposta recibida e cos tempos que se tomaron as Consellerías para contestar ; nin tampouco deixar de ver a sua actuación diferente dependendo da Administración á que se dirixe (véxase a conducta agresiva e apremiante, mesmo con trascendencia nos medios de comunicación, que mantivo cos Gobernos dos Concellos de Santiago e A Coruña); nin podemos ignorar que non fai uso das suas competencias de investigación ante un caso que consideramos grave tanto en si mesmo, como porque é expoñente dunha realidade oculta que compre desvelar e que, por afectar a dereitos fundamentais de persoas que non os poden defender, implícanos a todos, dende á FUNGA, ata á fiscalía pasando polos profesionais da rede de saúde mental.

Vulneración de dereitos no Hospital de Calde

Nestes dias vén de facerse público que no Hospital de Calde (Lugo) prohibiuse a saída ó exterior de tódolos pacientes psiquiátricos ingresados debido a que apareceron con danos importantes coches aparcados nas proximidades, por causa de accións intencionais.

Os responsables sanitarios, sen identificar a quen causou os danos, estableceron que o culpable debía ser algún paciente residente no Hospital, e para evitar que se continuasen repetindo os feitos, adoptouse por quen ten poder para facelo (xestores e profesionais) a medida de prohibir a saída ó exterior de tódolos ingresados.

Se miramos o que se protexe (a propiedade dos coches) e o que se dana ca acción restritiva (a liberdade e a dignidade das persoas ingresadas), veremos que non hai comparación posible. Poderían e deberían terse adoptado outras medidas para protexer a propiedade, pero foi a restrición da actividade e da escasa libertade dos residentes a que se implantou. É unha decisión fácil e barata e, ademais, a capacidade de protesta dos afectados pola restrición dos seus dereitos é escasa ou casi nula.

Non consta que se abriran interrogantes nos responsables sanitarios sobre os motivos deses actos, o cal é sorprendente si é que foran protagonizados por pacientes psiquiátricos institucionalizados, xa que nese caso poderían ser signos de protesta contra algo ou alguén, de malestar, mesmo de descompensación ou agravamento do/s autor/es, ou de moi mal funcionamento da institución.

Aplicouse unha medida que só é, mire como se mire, un castigo colectivo, prohibido ata nos cárceres.

É así que a medida adoptada pasa a ser un síntoma da situación de abandono asistencial e marxinación na que se atopan os pacientes psiquiátricos residenciais, diante dos cales están incrementadas as obrigas públicas de coidado sanitario e de respecto aos seus dereitos (por xestores e profesionais) debido á sua indefensión. Sen embargo, os recursos para atendelos, coidalos e facilitar a sua recuperación en todo o posible, son moi escasos ou inadecuados; e a pesar da sua gravidade non son unha prioridade sanitaria senón todo o contrario.

Debe levantarse ese castigo colectivo de inmediato e non ha de repetirse. Urxentemente os responsables sanitarios de Lugo (Xerente e Xefe de Servizo de Psiquiatría) xunto cos representantes sindicais, e as asociacións de familiares e de profesionais, deben revisar dende unha perspectiva de dereitos humanos a situación na que se atopan os pacientes no Hospital de Calde, as dotacións profesionais do mesmo (cantidade, cualificación e formación),o seu réxime de funcionamento, e a existencia de plans terapeuticos e de coidado individualizados, xunto coas medidas para protexer da mellor forma os bens materiais.

Institucións coma o Hospital de Calde que, no seu funcionamento son capaces de adoptar medidas como a aquí denunciada e aplicalas como se foran normais, son institucións dañinas tanto para quen nelas residen como para quen nelas traballan.

Programa das Xornadas do 10 de outubro, día Mundial da Saúde Mental: pobreza e saúde mental

DIA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL
10 de outubro de 2016
Xornada organizada polo MGSM: pobreza e saúde mental
Aula Castelao da Facultade de Mediciña da USC (Santiago)

Horario:
17.00- Presentación.
Rosa Cerqueiro Landín. Psicóloga Clínica. Area Sanitaria de Ferrol.
Concepción Fernández Fernández. Concelleira responsable de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde do Concello de Santiago.

17.15- Mesa: A enfermidade mental e a pobreza.
Modera: Iria Veiga Ramos. Psiquiatra. USM-Barbanza. Área Sanitaria de Santiago.
Pobreza e trastorno mental grave. Ramón Ramos Ríos. Psiquiatra. Hospital Psiquiátrico de Conxo.
Empobrecemento e suicidio. Delia Guitián Rodríguez. Psicóloga Clínica. Hospital Universitario Lucus Augusti.
Un ollar xurídico ás sensacións do paciente: ¿teñen relevancia xurídica os factores emocionais?. Miguel Vieito Villar. Xurista especializado en Dereito á Saúde e vogal do Comité de Ética Asistencial do CHUS.

18.50- Descanso.

19.00-Conferencia-coloquio.
Presenta: Rocío Basanta Matos. Psicóloga Clínica. Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exclusión social en Galicia.Pedro Fuentes Rey. Sociólogo. Equipo de estudos de Cáritas Española.

20.15- Finalización.

Entrada de balde ata completar aforo