ALGÚNS DATOS DA PRECARIEDADE ASISTENCIAL DE SANTIAGO. OS FEITOS REPÍTENSE, AS XUSTIFICACIÓNS TAMÉN, E MENTRAS A REALIDADE DA ATENCIÓN Á SAÚDE MENTAL SIGUE A SER A MESMA. SÓ AS PERSOAS DANADAS SON NOVAS.

A Xerencia da Área Sanitaria de Santiago, ante a información difundida públicamente polo Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) sobre feitos coñecidos na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica (UHP) do Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo, afirma que esa Unidade de Santiago, non se viu afectada polos recortes e ten as dotacións de profesionais adecuadas.

Vexamos se é certo.

Tomaremos como fontes de referencia:

  1. Documento de bases para a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental. Comisión Asesora en Materia de Saúde Mental da Consellería de Sanidade e Seguridade Social . Xunta de Galicia. Santiago, 1987.

  1. Propostas de desenvolvemento da atención á saúde mental en Galicia. Comisión Asesora en Materia de Saúde Mental da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais. Xunta de Galicia. Santiago, 1997.

  1. Plan Estratéxico de Saúde Mental Galicia 2006-2011. Servizo Galego de Saúde. Xunta de Galicia. Santiago, 2007.

PREVISIÓNS SOBRE AS UHP CONTIDAS NESES DOCUMENTOS PLANIFICADORES

Cuestións xerais:

  • Son dispositivos terapéuticos.

  • Ubicación nos Hospitais Xerais.

  • Uso desa modalidade asistencial só cando sexa necesario e polo tempo imprescindible.

  • Manterase a continuidade terapétucia (coordinación e proxecto compartido cos servizos extrahospitalarios que proporcionan a atención ordinaria).

  • Dotadas de suficiente amplitude espacial, e no posible acceso a zonas de esparcimento.

  • 1 cama cada 10.000 habitantes.

Dotacións:

  • 1 psiquiatra por cada 7 camas ou fracción

  • 1 psicólogo clínico por cada 15 camas. Se a Unidade tivera 20 ou máis deberá dotarse de 2 psicólogos clínicos.

  • 1 membro de persoal de enfermería por cama.

  • 1 terapeuta ocupacional.

  • 1 traballador social.

  • 6 celadores.

Indícase: “ Deben potenciarse as formas de traballo en equipo nas UHP e sistemas organizativos que potencien a participación colectiva de todo o equipo asistencial na elaboración e desenvolvemento dos plans indivicuais de avaliación, tratamento e seguimento do paciente hospitalizado.” E tamén: “As UHP deben definir explicitamente os seus programas de traballo e potencia-la participación de todo o equipo asistencial na elaboración e execución dos mesmos.”

O ESTADO DA UHP DO HOSPITAL MÉDICO-CIRÚRXICO DE CONXO

Ten 29 camas.

Dotacións:

  • 4 psiquiatras.

  • 1 psicóloga clínica.

  • 7 Diplomados universitarios en Enfermería.

  • 16 TCAE-Auxiliares de Enfermería (de feito son 15 porque unha plaza corresponde a unha profesional xubilada e non se cubriu).

  • 6 celadores.

En relación ás orientacións de planificación da Consellería faltarían por dotar:

  • 1 psicóloga clínica.

  • 6 membros de personal de enfermería (DUEs e TCAEs).

  • 1 terapeuta ocupacional.

  • 1 traballador social.

A ORGANIZACIÓN DO PERSOAL E FUNCIONAMENTO NA UHP DO HOSPITAL MÉDICO-CIRÚRXICO DE CONXO

Tres turnos:

  • Mañán: 2 DUE+4 TCAE+1 celador.

  • Tarde: 1 DUE+4 TCAE+1 celador.

  • Noite: 1 DUE+2 TCAE+ 1 celador.

Nin esas dotacións mínimas se cumpren: dende a Dirección retíranse profesionais de enfermería e celadores para atender outros servizos do Hospital, chegando a quedar a UHP con só tres profesionais nalgunhas quendas.

Por outra banda, a cobertura de ausencias do persoal de enfermería (cando se cubre, pois o habitual é que non se faga…) realízase dende o bolsa de emprego, chegando a darse cambios diarios e sen ningunha garantía de experiencia dos profesionais.

O traballo dos facultativos (psiquiatras e psicóloga clínica realízase en turno de mañán, sendo os outros dous turnos cubertos por un psiquiatra de garda que debe atender tamén o Hospital Psiquiátrico situado a trescentos metros).

Non existen sistemas de coordinación entre os estamentos profesionais, permanecendo cortados entre si na súa actividade e impedíndose o desenvolvemento da comunicación, avaliación compartida dos pacientes e a elaboración dun plan terapéutico dos mesmos que non sexan tan só tratamentos psicofarmacolóxicos ou electroconvulsivos. Carecen, ó mesmo tempo, de protocolos definidos para actuacións en situacións particulares (como as de risco de suicidio).

A finalidade terapéutica do ingreso nesa UHP non se pode cumprir, e tan só se orienta á redución sintomática no máis breve prazo para dar a alta ó paciente. É así que, nos indicadores de avaliación da Xerencia, considérase a estadía media pero non o “Indice de reingresos/retornos” como se indica neses documentos planificadores.

Á sua vez, téñense denunciado en reiteradas ocasións agresións sufridas polo persoal de enfermería, relacionadas co escaso persoal dispoñible na UHP.

OUTRAS CUESTIÓNS

Dende a Dirección Xerencia da Área Santiago díxose, con motivo da denuncia pública recente do MGSM , que non se tiña producido “merma” nos recursos de saúde mental polos recortes e que “os medios asignados son os adecuados”. Citou como proba o incremento de dotacións e, en particular, a creación da Unidade de Hospitalización Psiquiátrica para Infancia e Adolescencia.

Pero non dixo que :

  • Esa Unidade de Hospitalización Psiquiátrica para Infancia e Adolescencia abriuse en xullo de 2012 coa metade (7) das camas previstas (15). E, a día de hoxe, aínda non está dotada con psicólogo clínico nin con traballador social, tal como prevía o Plan Estratéxico de Saúde Mental. Ó mesmo tempo, un Terapeuta Ocupacional doutro dispositivo asiste unha hora.

  • Dende 2012 ata agora fóronse pechando 3 Unidades Residenciais no Hospital Psiquiátrico de Conxo, o que conlevou a amortización ou reubicación noutros servizos sanitarios de 34 auxiliares e 4 DUE. A non reasignación destes profesionais para reforzar a outras Unidades de Atención á Saúde Mental supuxo a “merma” de feito (por utilizar os termos da Xerencia) de recursos de saúde mental, incumprindo o plantexamento de que os recursos que se liberaran durante a Reforma Psiquiátrica se reinvertirían no reforzo á atención ós pacientes nos demais dispositivos e dos plans de nova creación. Pero, en realidade, aproveitouse a reforma dos psiquiátricos para

reducir os recursos dispoñibles e necesarios para garantir o mellor coidado ós pacientes que foron “externalizados” (e que a día de hoxe a Consellería de Sanidade parece non saber onde se atopan, vista a ausencia de contestación a preguntas parlamentarias na anterior lexislatura ou á Valedora do Pobo).

  • Existen outras Unidades asistenciais cos equipos profesionais incompletos dende hai mais de seis anos (a Unidade de Saúde Mental de Barbanza ainda non dispón de DUE, e só dispón de psicólogo clínico dous dias á semana porque os outros días debe estar na USM de Lalín e, ademais, dótase cada seis meses esa praza cun novo profesional cos efectos facilmente imaxinables sobre a continuidade terapéutica).

  • Tamén debe salientarse o dato de que no último acoplamento de enfermería (concurso de traslados interno) de 7 DUE desa UHP pediron o seu traslado 5 (incluída a Supervisora) e, en dereito, lográrono. Este dato, cualitaitvo e poderosamente indicativo do clima laboral, é outro informador máis do grave estado no que se atopa ese dispositivo asistencial. É excusado dicir que os profesionais Auxiliares-TCAE están á espera da súa convocatoria de acoplamento para pedir traslado fóra de Unidade.

CONCLUSIÓN

A negación que fai a Xerencia da redución de recursos non é certa na sua propia literalidade.

E iso sen entrar en que, como consecuencia da redución dos orzamentos sanitarios, con efectos de evidente desinversión e detención dos plans de adecuación de recursos (en Saúde Mental algunhas medidas de desenvolvemento están pendentes dende hai 30 anos, e foron reiteradas de novo hai 20 e hai 10 anos por órganos da propia consellería de Sanidade), sostéñense situacións de grave precariedade asistencial que conlevan riscos para a seguridade dos pacientes e impiden a adecuada práctica profesional.

Á sua vez, froito tanto desa escasa dotación como do seu mal funcionamento, a finalidade terapéutica desa UHP non se pode cumprir, priorizando o control e a redución sintomática do paciente ingresado.

Compre recordar que si ben na atención sanitaria en xeral, e na atención á saúde mental en particular, non existe o control absoluto dos riscos, non é menos certo que a obriga da Administración e dos profesionais da sanidade pública é a de garantir os medios e recursos necesarios (xa sexa por demostrada eficacia ou por indicación das normas e plans) para reducir eses riscos ó mínimo inevitable. No caso que nos ocupa estase lonxe de ter cumplido con esa obriga de medios.

O DOLOROSO DANO DOS RECORTES NA HOSPITALIZACIÓN PSIQUIÁTRICA EN SANTIAGO

Hai tres anos que dende o Movemento Galego da Saúde Mental, na nosa primeira declaración, chamamos a atención sobre o deterioro progresivo no que se atopaba a atención á saúde mental en Galicia.

Sinalamos como causas máis destacadas dese deterioro os recortes sanitarios e as formas de xestión sen planificación e obstaculizadoras da participación dos profesionais da Sanidade Pública no facer cotián dos servizos e unidades asistenciais.

Tamén salientamos que como consecuencia diso se estaba a comprometer a calidade asistencial e a seguridade dos pacientes.

Recentes acontecementos na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo materializaron desgraciadamente estes pronósticos. O falecemento dunha paciente por suicidio e a denuncia, uns días antes, dunha agresión sexual por parte doutra paciente (ámbalas dúas ingresadas nesa Unidade) son cuestións de indudable gravidade que han de entenderse no marco do deterioro antes salientado.

Cómpre recordar que hai tempo que se vén denunciando publicamente dende diferentes instancias a escasa dotación desa Unidade, a frecuente retirada do persoal de Enfermería da mesma para cubrir necesidades doutros servizos do mesmo hospital (tamén debilitados polos recortes de persoal), a escasa actividade dos pacientes ingresados, a carencia de Terapeuta Ocupacional no equipo, a falta de medios para a coordinación e elaboración de plans terapéuticos nos que participen e se coordinen todos os profesionais, e a repetición de agresións ó persoal. Sen embargo, por quen ten a obriga de dirección e xestión, nada se fixo ante estas carencias e advertencias para corrixir o arriscado rumbo que se estaba a seguir.

Os acontecementos que hoxe motivan este comunicado público teñen unha dolorosa dimensión humana. Se se poden previr, non poden aceptarse silenciándoos ou permanecendo pasivos ante os mesmos, e menos aínda por profesionais da saúde mental. A sociedade ten dereito a saber o que ocorre nos servizos públicos que sustenta co seu esforzo. Feitos así deben ser coñecidos publicamente, e tamén han de ser tratados polos responsables do SERGAS como graves indicadores de que algo vai moi mal na atención á saúde mental.

A sua prevención futura esixe a adopción de inmediato das medidas oportunas, recollendo as aportacións dos profesionais, en particular de Enfermería, para a mellora da calidade da hospitalización psiquiátrica. E iso non se logrará con meras medidas de reforzamento do control dos pacientes ou de aumento da coerción sobre os mesmos. Polo contrario, esa prevención debe realizarse reforzando a finalidade terapéutica da hospitalización e o respecto aos dereitos fundamentais das persoas, dotando de profesionais suficientes e coa cualificación adecuada a esas Unidades (con especial urxencia debe dotarse a terapia ocupacional e profesionais de enfermería), implantando nelas formas de traballo participativas e coordinadas entre tódolos profesionais, definindo protocolos e instrucións de traballo claras ante os potenciais riscos, e rexistrando documentalmente de xeito sistemático a actividade desenvolvida por tódolos profesionais que prestan asistencia.

Diversos compoñentes da calidade asistencial na sanidade se viron afectados pola xestión que se fixo da crise económica. En concreto, nos casos que aquí denunciamos destacan as intolerables carencias na garantía de seguridade das persoas cando reciben atención sanitaria, a vulneración do seu dereito a tratamentos e coidados sanitarios acordes cos coñecementos actuais e en igualdade cos demais pacientes e usuarios, e o escaso respecto aos seus dereitos fundamentais e sanitarios.

Actividades de ASDAN

Aquí vos deixamos información sobre as actividades desenvolvidas pola Agrupación Sociodeportiva Alter-Nativa (Asdan), que forma parte do MGSM.

Podedes ver a nova de prensa facendo clic AQUÍ

Podedes descargar o tríptico coas súas actividades AQUÍ

Podedes ler a nota informativa sobre a Agrupación AQUÍ

Podedes ver os seus carteis AQUÍ  e AQUÍ