UNHA NOVA ESTAFA SANITARIA NO SUR DE GALICIA

Corría o ano 2010 cando, en referencia á Estratexia SERGAS 2014,  dicía a Conselleira de Sanidade Dna. Pilar Farjas: “Esta Estrategia recoge los objetivos que nos planteamos desde que asumimos la responsabilidad de gobierno y de gestión en la sanidad gallega, y nuestro compromiso con los ciudadanos, los profesionales y demás grupos sociales de interés, de trabajar para alcanzarlos.”

E Rocío Mosquera, daquela Xerente do SERGAS e pouco máis tarde Conselleira, engadía: “En este documento se recogen los 7 objetivos estratégicos priorizados y las 40 líneas de actuación que vamos a desarrollar para alcanzarlos.”

Aquela Estratexia, xa caducada (agora a Consellería ten outra, a Estratexia 2020) definía como obxectivo na súa terceira liña de actuación (pax.29):

Atención a la salud mental: Potenciar el desarrollo de la psiquiatría infanto-juvenil, con la creación de dispositivos de hospitalización psiquiátrica y de hospitales de día infanto juveniles.

No ano 2012 inaugurouse unha Unidade de Hospitalización en saúde mental para a infancia e adolescencia no Hospital Clínico de Santiago, coa metade das prazas previstas e co equipo asistencial incompleto. Aí sigue aínda igual de deficitaria a como se abriu.

En 2013 comprometeuse, por parte dos gobernantes, a creación da segunda Unidade de Hospitalización para a Área Sur de Galicia (Ourense e Pontevedra). Utilizouse o proxecto publicitariamente para a mellor rendibilidade política do Partido Popular e, despois, deixouse de lado.

En xullo de 2014 maniféstábase, polos xefes de servizo de Pediatría e Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Vigo (CHUVI), que faltaban detalles para crear esa Unidade e dicían que estaban pendentes de pechar moitos flocos (recoñecían que era unha vella aspiración do CHUVI que se fundamentaba na Estratexia SERGAS 2014, que sería referencia para o Sur de Galicia, que disporía de seis camas, que estaría nun espazo diferenciado, que quedaban “detalles” de dotación de persoal, que estaban moi ilusionados, que melloraría moito a atención, e afirmaban dispor do visto e prace do SERGAS mostrándose dipostos a traballar “duro para que saia adiante”).

En maio de 2016 o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) denunciaba a carencia desta Unidade no CHUVI e tamén que se estaban a vulnerar os dereitos da infancia ao ingresar menores nas Unidades de Hospitalización de Adultos, restrinxíndoselle a mobilidade ao seu cuarto, para que así non entraran en espazos de adultos e poder dese xeito o Hospital sortear a  vulneración directa da lei (que ordena o ingreso dos/as menores de idade en espazos específicos).

En xullo de 2016, en  información pública, os xefes de servizo de Pediatría e Psiquiatría continuaban a reclamar unha unidade específica e sinalaban necesidades de dotación de psicoloxía clínica e enfermería. Ao dia seguinte o  actual xerente do CHUVI, recoñecía que os menores da sua área eran derivados para ingreso á Unidade de Hospitalización do Hospital

Clínico de Santiago (afirmaba que a cantidade era “pequena”, en referencia a dez menores), que nas Unidades de Adultos ingresaran quince adolescentes e que o obxectivo de crear a Unidade de Hospitalización non era prioritario. Pechaba así este tema e deixaba atrás as promesas das dúas Conselleiras, os obxectivos incumpridos da Estratexia SERGAS 2014 e a súa propia  responsabilidade no seu incumprimento.

Entón os xefes de servizo comezaron a considerar solucións  simples, que pasaban en síntese por diferenciar a hospitalización de nenos/as e de adolescentes de tal xeito que a primeira aparecería ubicada en Pediatría e a segunda nun espazo reformado no lugar de hospitalización de adultos no que, illando un corredor,  habilitaríanse camas para adolescentes.

O MGSM denunciou inmediatamente  o abandono do proxecto de crear a Unidade sinalando que “non é aceptable ningunha solución que non sexa a de creación dunha Unidade de Hospitalización de Saúde Mental para a Infancia e Adolescencia da zona Sur de Galicia con recursos específicos de nova creación (proxecto e programas terapéuticos definidos, espazos, materiais  e dotacións profesionais).”

Dende entón todo seguiu igual ata que, hai uns días,  o Conselleiro de  Sanidade e o xefe de servizo de psiquiatría confirmaban o que se estaba a anunciar en xullo de hai dous anos: non se creará unha unidade específica, non se dotará con novos recursos, e reordenaranse espazos habilitando un corredor.

Desprézanse así tódalas recomendacións neste eido da atención sanitaria, incluídos os propios plans da Consellería de Sanidade.

Pero, por se fora pouca a estafa que se lle vai facer á poboación das provincias de Pontevedra e Ourense, aos profesionais e á poboación infantil e xuvenil necesitada de atención hospitalaria co abandono do proxecto de creación da unidade de Hospitalización, o Conselleiro despáchase afirmando que “con la unidad de Vigo tendremos ya ordenada la psiquiatría en este ámbito”.

Di iso cando en Galicia,e sirvan só como  algúns exemplos da nosa situación, non existe un só hospital de Día en Saúde Mental Infantil e da Adolescencia (recoñecida a súa necesidade na Estratexia SERGAS 2014) mentres en Cataluña teñen 31 prazas por cada 100.000 habitantes; ou cando estamos nun 40% por debaixo da media de dotación do Estado Español en psiquiatras e psicólogas/os clínicas/os para a atención a esta poboación; ou cando en prazas de hospitalización temos menos da metade das que ten Euskadi, Cataluña ou Castela-A Mancha.

Non se debe ignorar que a información feita pública sobre este tema, noutro mes de xullo máis, é unha manipulación propagandística da Consellería de Sanidade para intentar aparentar realizacións pola Xunta cando en realidade nisto non se fixo nada bo en anos, e xusto depois de que se veña de coñecer o informe do Mecanismo de Prevención da Tortura-Defensor del Pueblo sobre a gravedade do que ocorre no Hospital Psiquiátrico de Conxo, e  tamén a realidade dos ingresos de pacientes con procesos agudos en unidades psiquiátricas situadas fóra dos Hospitais Xerais (caso do Hospital de Calde en Lugo) contravindo a Lei Xeral de Sanidade.

Non é aceptable esta conduta nun Conselleiro. E menos aínda o é que xefes de servizo asistenciais proporcionen xustificacións argumentais para a súa propaganda a políticos e xerentes que coa súa actuación incumpren as súas propias promesas, directrices e obrigas sanitarias.

É inmoral utilizar así as necesidades das persoas e facer manipulación informativa cos seus  dereitos, mentres se agochan as propias responsabilidades incumpridas.

 

https://www.facebook.com/movementogalegodasaudememovementogalegodasaudemovementogalegodasaudememovementogalegodasaumovementogalegodasaudememovementogalegodasaudemovementogalegodasaudememovementogalegodas

RECORDO DE RAMÓN MUNTXARAZ

Cúmprense, o final do mes de xuño, dez anos da morte de Ramón Muntxaraz.

Medra a súa figura co tempo e van facéndose máis valiosas actitudes, feitos, compromisos.

Rendémoslle dende aquí un recordo sentido e destacamos del, neste espazo, para nós e para quen nos comprende, a súa crítica e tensión coas institucións psiquiátricas e a actitude combativa que sostivo contra a inxustiza.

Tamén salientamos dous feitos: a súa defensa da liberdade de expresión exercéndoa e asumindo os riscos e os custos de facelo, e a identificación que fixo con este país que adoptou como seu e que defendeu, entre outras accións, facendo súa a nosa lingua.

Agrándase nestes tempos máis aínda, cando no Día das Letras se ven de recoñecer o valor doutra muller que, sen ser nacida aquí, tamén fixo seu o galego e nolo devolveu máis rico e vivo, ou cando voltamos a ver que a crítica ás institucións psiquiátricas vai seguida de ameazas contra quen as fai.

Aprendemos de persoas coma el as actitudes necesarias ante a inxustiza e a impostura, e tamén os compromisos que merecen contraerse.

Carta de despedida ao Povo Galego (carta-testamento de Ramón Mutxaraz)

Sentenza do Tribunal Constitucional

Galicia Hoxe

El País

AGSM (px 233 e seguintes)

 

UNHA RESPOSTA VERGONZOSA

Hai uns días fíxose público o informe sobre o estado da atención ás persoas ingresadas no Hospital Psiquiátrico de Conxo, elaborado por unha Comisión Multidisciplinar do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura (MNP), exercido en España polo Defensor del Pueblo en cumprimento do previsto na Convención contra a tortura e outros tratos ou penas crueis, inhumanos ou degradantes, ratificada por España en 1987, e do Protocolo Facultativo dela derivado que tamén foi ratificado por España en 2006.

Nese informe deuse conta da grave situación na atención ás persoas atendidas nesa Institución dependente do Servizo Galego de Saúde, poñendo de manifesto cuestións como a insuficiencia xeral de recursos, a inexistencia de mecanismos de seguimento de pacientes, unha elevada taxa de incapacitacións e tutelas, a obsolescencia das instalacións, e casos de sobremedicación e uso de contención mecánica como castigo.

As resolucións e suxerencias reflectidas nel non foron respondidas ao MNP-Defensor del Pueblo según consta no citado informe.

Como consecuencia da súa difusión pública, a Xerencia (responsable directa do Hospital Psiquiátrico de Conxo) dirixiuse aos medios de comunicación que deron a noticia e cualificou de “incompleta” a información que sustenta o documento do Defensor del Pueblo.

O Movemento Galego da Saúde Mental, coñecedor da contestación por parte da Administración, valora e fai público o seguinte:

1- É inconcebible que a resposta a ese informe se produza por un órgano do nivel administrativo dunha Xerencia de área sanitaria ante os medios de comunicación e como reacción á súa difusión pública.

O MNP-Defensor del Pueblo dá conta da súa actividade ante as Cortes Xerais e ante o Subcomité da ONU para a Prevención da Tortura, e a súa misión inscríbese en obrigas legais contraídas polo Estado Español mediante unha Convención internacional.

A inexistencia dunha resposta dende o máximo nivel da Xunta de Galicia (a Presidencia ou , no seu defecto e no seu nome, a Consellería de Sanidade) é unha desconsideración inaceptable de compromisos de nivel internacional do Estado Español que supón un desprezo da cuestión que regulan eses compromisos (a prevención da tortura e dos tratos inhumanos e degradantes a persoas que se atopan internadas en institucións co conseguinte risco para o respecto aos seus dereitos).

2- Na constestación dada destacan vaguidades e respostas inconcretas que, máis que informar, parecen feitas para protexerse dunha posible esixencia de responsabilidades.

Así, resulta chamativo que se diga que o protocolo de contención se atopa en revisión, igual que o de prevención do suicidio, ou os sistemas de vixilancia, ou que as obras no centro son constantes. Desa maneira evítase calquera tipo de valoración pública ou información á cidadanía sobre a garantía para os dereitos dos pacientes en materia de gran relevancia. Tamén se evita responder á situación da tutela de dependencia pública que, se fose eficaz, sería un instrumento protector fundamental dos dereitos das persoas ingresadas.

3- Respóndense obviedades, como a de que as indicacións das medicacións dependen dos/as facultativos/as médicos/as cando non podería ser doutro xeito. Pero o que debe salientarse é que se recoñece a existencia da suxeición química e non se nega a inxustificable utilización (como castigo, según o informe), sen os controis e rexistros esixibles, da suxeición mecánica.

4- Fáltase á verdade cando se di que os recursos profesionais existentes son os adecuados e se corresponden co indicado en “estándares consensuados” (sic). Neste senso, nin sequera se fai explícito de que estándares consensuados se está a falar. Polo contrario, se tomamos como referencia os documentos producidos na Consellería de Sanidade ao longo da súa historia nos que se planifican os dispositivos asistenciais públicos para a atención á saúde mental en Galicia (*) constátase a chamativa carencia nas dotacións.

Para que o Hospital Psiquiátrico de Conxo poida cumprir na actualidade a súa misión rehabilitadora e non a predominantemente asilar que realiza e que é propia de épocas moi lonxanas (tempos sociais, políticos e sanitarios pre-reforma psiquiátrica) necesitaría, según as indicacións técnicas, aumentar as súas plantillas coas seguintes dotacións profesionais: 3 psiquiatras, 7 psicólogos/as clínicos/as, 23 enfermeiras/os , 8 TCAE, 4 terapeutas ocupacionais, e 2 traballadoras/es sociais.

A carencia de profesionais é manifesta. O Hospital Psiquiátrico de Conxo necesita ser reforzado profesionalmente e orientado con decisión cara á rehabilitación das persoas que atende, xunto cun firme compromiso nese sentido dos responsables da Consellería de Sanidade e da Xerencia de Xestión Integrada da área, e tendo como centro e guía dese proceso o respecto e defensa dos dereitos das persoas.

En síntese: os responsables do goberno autonómico desconsideraron á Institución interpelante e non trataron coa importancia que merece a cuestión que motivou a súa inspección. Deuse unha resposta aos medios de comunicación elusiva de responsabilidade, enmascaradora dos feitos máis graves, e falseando datos obxectivables. E, por se fora pouco, non se reflicte nesa contestación a intención de corrixir a grave situación dada a coñecer.

(*)

– Bases para a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental (1987). Consellería de Sanidade. Paxs. 19-20.

Plan Estratéxico de Saúde Mental Galicia 2006-2011. Consellería de Sanidade.Paxs. 60-64.

GRAVES SIGNOS DE DETERIORO NA ATENCIÓN Á SAÚDE MENTAL EN GALICIA

Hai uns días fíxose público o informe que, en exercicio das funcións do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, realizou o Defensor del Pueblo sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo.

O reflectido no documento confróntanos cun estado da atención ás persoas ingresadas nesa Institución moi grave e preocupante.

Constátase nese informe a vulneración de dereitos fundamentais dunhas persoas que, cómpre recordar, atópanse vivindo durante períodos moi prolongados nese espazo sanitario (é un Hospital) en condicións de internamento involuntario, o que incrementa a obriga de coidado e respecto por parte do sistema sanitario e dos seus profesionais.

Sinálase no documento a carencia xeral de recursos asistenciais para a sua adecuada atención, a súa insuficiente protección tutelar (en especial cando a devandita función corresponde á fundación pública), califícanse as instalacións de obsoletas, fanse patentes inadecuadas condicións residenciais, recórdase a infradotación de profesionais sanitarios básicos como son os/as psicólogos/as clínicos/as, e chámase a atención sobre o inadecuado rexistro e documentación das actuacións e funcionamento. Só obtén unha valoración positiva a actitude do persoal asistencial.

Tamén, dun xeito que debe ser salientado, faise referencia á utilización da contención mecánica (inmobilización de pacientes con sistemas de suxeición) como castigo e á probable utilización de psicofármacos como instrumentos de suxeición química (casos de sobremedicación).

Ante todo isto, os órganos competentes da Xunta de Galicia nin tan sequera responderon ao formulado polo Defensor del Pueblo. Sen embargo, á luz do informado sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo urxe revisar canto antes o estado das institucións de hospitalización psiquiátrica prolongada de Galicia (os hospitais psiquiátricos públicos que, con diferentes nomes, aínda existen no noso país) e, por suposto, é fundamental un plan con responsabilidade definida que corrixa o denunciado polo Defensor.

Coincidente no tempo, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) coñeceu que nalgunhas áreas sanitarias de Galicia o ingreso de persoas con trastornos psíquicos necesitados de asistencia en Unidades de Hospitalización Psiquiátrica para procesos agudos se estaba a producir con frecuencia fóra das Unidades existentes para tal fin nos Hospitais Xerais, derivándose o seu ingreso ás Unidades de Coidados Especiais (UCE) ubicadas nos chamados Hospitais de Rehabilitación Psiquiátrica (é así que, por exemplo, no caso de Lugo téñense producido nos meses de abril e maio deste ano, ata catorce ingresos na UCE ubicada no Hospital de Calde que, ademais, carece do equipo asistencial indicado no Plan Estratéxico de Saúde Mental suspendido polo goberno do Partido Popular dende o 2009). A causa inmediata destas actuacións é a carencia de camas por ocupación plena das Unidades de Hospitalización dos Hospitais Xerais, que é resultado á sua vez tanto da insuficiente dotación física e profesional das mesmas, como da incapacidade e infradotación dos dispositivos extrahospitalarios de saúde mental e dos recursos de apoio sociocomunitario, o que ocasiona agravamentos nos estados das persoas que acaban provocando a necesidade da súa hospitalización.

Esa actuación dos responsables asistenciais e xestores dos centros hospitalarios do SERGAS derivando a hospitalización psiquiátrica das persoas con estados/descompensacións psíquicas agudas fóra dos Hospitais Xerais discrimina inxustamente ás persoas con padecementos psíquicos, cáusalles un dano evitable, é estigmatizante, vulnera o dereito á igualdade das persoas e constitúe unha violación flagrante do ordenado na lexislación vixente (art. 20.2 da Ley General de Sanidad; art. 10.1 do Decreto polo que se regula a Saúde Mental en Galicia), ademais de ser unha utilización ineficiente dos recursos asistenciais.

Tanto o informe do Defensor del Pueblo como o que está a ocorrer coa hospitalización psiquiátrica, son signos da grave situación na que se atopa a atención á saúde mental en Galicia.

Estanse a ver os efectos da desplanificación realizada dende o 2009, do incalificable abandono no noso país dos plans de reforma iniciados en España xa hai máis de trinta anos nos que aquí se está a retroceder en compoñentes fundamentais , da infradotación persistente de recursos asistenciais en Atención Primaria e en Saúde Mental, dos recortes producidos nos eidos sanitario e social, do agravamento das condicións de vida daqueles sectores sociais que xa estaban en condicións de fraxilidade antes da crise, da pasividade responsable de xestores sanitarios e xefes asistenciais ante feitos como os aquí denunciados.

O MGSM valora esta situación como de especial gravidade, en particular para os máis vulnerables da sociedade, xa que segue un curso de deterioro progresivo, retrocede a situacións asistenciais pre-Reforma Psiquiátrica e non se adoptan decisións nin se poñen medios polo Goberno da Xunta de Galicia para cambiar esta evolución.

A cidadanía, as entidades asociativas, os partidos políticos, os Concellos, o Parlamento, a sociedade no seu conxunto debe atender a esta chamada de alarma e debe mobilizarse cos medios dos que dispoña polo ben e polo futuro de todas e todos nós.

UNHA MORTE INACEPTABLE

Hai poucos dias fíxose pública, a través da prensa, a morte dunha muller de 74 anos ingresada en Lugo no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) na planta de cirurxía vascular. Según declaracións do seu neto, el mesmo avisara 24 horas antes que a súa familiar lle comunicara a súa intención de morrer, o que finalmente se produciu por precipitación a un patio interior do Hospital. Tamén comentara cómo notaba animicamente á súa avoa, por mor da súa situación de saúde e outras circunstancias persoais.

O neto quéixase de falta de información e de explicación formal por parte dos responsables do Hospital, que non se lle deixou ver o corpo da falecida e valorando todo o ocorrido como efecto dunha neglixencia.

Na información que destaca a prensa recórdase que ocorreron anteriormente outros sucesos similares nese Hospital.

Lamentamos profundamente as circunstancias do falecemento.

Tal e como coñecemos por ocasións anteriores, cando hai unha queixa/denuncia sobre unha situación asistencial, a Institución Sanitaria mostrará as súas condolencias á familia e valorará os feitos ocorridos como inevitables (reforzando o mito da impredecibilidade xeneralizada do suicidio). Tamén realizarán unha louvanza dos profesionais, no seu enésimo intento de agochar detrás deles as insuficiencias de dotacións e funcionamento do Hospital.

E así está a ser: mal que ben, a situación asistencial e de trato aos pacientes non está peor porque os profesionais palían co seu esforzo e dispoñibilidade a carencia de recursos e a incapacidade de non poucos dos seus directivos (e, de novo, facémonos eco aquí do agradecemento expresado polo familiar da paciente falecida).

Pero debemos salientar que as plantillas profesionais son insuficientes e por debaixo dos estándares necesarios para garantir a adecuada calidade asistencial (da que a seguridade dos pacientes é unha das súas compoñentes): a atención psiquiátrica e psicolóxica especializada a pacientes hospitalizados/as no conxunto do HULA está por debaixo de mínimos, a dotación dos dispositivos de saúde mental da área é escasa e a cobertura de baixas e substitucións en diferentes servizos e especialidades non se está a realizar.

Tamén é destacable a carencia dun programa de prevención do suicidio no Hospital do que, a pesar da propaganda realizada pola Consellería de Sanidade e o SERGAS en relación a este tema, non se ten noticias nin tan sequera da súa elaboración. Non se aplican procedementos de actuación ante pacientes con risco de suicidio e os que existen só se empregan nas unidades de hospitalización psiquiátrica, cando sabemos que o suicidio non está restrinxido ás persoas diagnosticadas cunha enfermidade mental.

Pero o colmo acádase cando polos responsables xerenciais e asistenciais non se acolle aos familiares e achegados/as co coidado que necesitan, conforme ao indicado na atención en mortes por suicidio, para a posvención en superviventes (que comenza por informarlles adecuadamente e facilitarlles o contacto e coñecemento dos feitos acontecidos, recoñecéndose as insuficiencias asistenciais que poideran terse producido na prestación dun servizo público).

Todo esto explicita a falta de concreción do Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, aprobado, publicado e publicitado polo SERGAS en setembro de 2017, e que desenvolve as liñas estratéxicas en planificación, formación, detección, prevención, intervención e posvención.

Debe recoñecerse que o ocorrido constitúe en si mesmo o expoñente do fracaso na prevención do suicidio en tódalas suas fases, e cómpre xa:

  • Proporcionar a información e atención aos familiares, incluíndo as desculpas e reparacións oportunas.

  • Analizar o ocorrido, dende a súa consideración como evento centinela, para obter coñecemento que oriente as accións necesarias para evitar a súa repetición no futuro.

  • Dotar ao hospital dun programa de prevención no que se especifiquen actuacións para a humanización da institución e de coidado psicolóxico ás persoas ingresadas nos diferentes servizos, protocolos de actuación nos mesmos e accións de sensibilización, información e formación do persoal sanitario.

  • Dotar adecuadamente cos profesionais necesarios os dispositivos de atención psiquiátrica e de psicoloxía clínica do HULA para garantir as atencións especializadas ás que teñen dereito as persoas ingresadas en todos os servizos do Hospital.

  • Presentar polos servizos, e en especial polo responsable da atención á saúde mental, a estimación de dotacións adecuada para proporcionar unha atención sanitaria á súa poboación de referencia, que responda ás súas necesidades e sexa acorde cos coñecementos e capacitacións profesionais actuais.

A XERENCIA DO SERGAS EN LUGO ELUDE RESPONSABILIDADES EN SAÚDE MENTAL

A Xerencia do SERGAS en Lugo vén de acusar ao Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) de mentir e causar malestar nos profesionais por ter denunciado nunha declaración pública, no mes de novembro pasado a situación residencial na que se atopaban as persoas ingresadas no Centro Hospitalario de Rehabilitación Psiquiátrica de Calde.

En dúas ocasións, ata agora, o MGSM fixo denuncias públicas de cuestións importantes relacionadas con ese Centro do que é responsable esa Xerencia: nun caso por impedir a saída ao exterior da totalidade das persoas ingresadas para así evitar danos en coches aparcados diante do Centro (setembro de 2016) e noutro polos motivos citados máis arriba e que agora nos ocupan.

Nas dúas ocasións o MGSM recolleu o que xa eran denuncias públicas e publicadas, nun caso procedente de familiares de persoas ingresadas nese Centro e no outro de organizacións sindicais.

O MGSM valorou que os feitos dados a coñecer eran unha expresión intolerable da desconsideración que se sigue a producir nos dereitos das persoas con doenzas psiquiátricas e nos servizos sanitarios públicos que as atenden. En ámbolos dous casos a Xerencia acabou adoptando algunhas medidas para corrixir as situacións denunciadas dando así, de facto, a razón a quen fixera públicos eses feitos, e quedando demostrado unha vez máis a utilidade da acción de denuncia pública e de resistencia ante o dano que os actuais xestores están a producir á sanidade pública, aos seus usuarios e aos traballadores.

Se hoxe esa Xerencia di que eses feitos denunciados son falsos deberá explicar por qué adoptou algunhas medidas para corrixilos despois de ser denunciados, e tamén por qué non o fixo antes.

Di agora publicamente a Xerencia que o MGSM causa malestar nos profesionais “…ao cuestionar a súa profesionalidade” (sic) e louva a calidade do seu traballo. O que causa malestar nas/os profesionais é a desidia das equipas directivas. De novo usa o sucio truco do Conselleiro de descentrar o tema respondendo ao que non se lle plantexou, escondéndose así detrás dos profesionais para agochar a sua responsabilidade, cando estes non foron motivo da denuncia realizada polo MGSM, nin polas organizacións sindicais nin polos afectados. Intenta encirrar e así escapar do centro da crítica. Só busca salvar o seu interese aínda a costa de danar o clima laboral.

Pero non todo é negativo. Debemos felicitar á Xerencia pola autorización á avaliación externa dos servizos sanitarios baixo a súa responsabilidade por unha comisión profesional da Asociación Galega de Saúde Mental-Asociación Española de Neuropsiquiatría. Esperamos que

esta actuación se estenda ás demais áreas sanitarias e Xerencias nas que o MGSM ten realizado denuncias de feitos, cando menos, de gravidade comparable aos que aquí se consideran: contención mecánica na UHP de A Coruña, reingreso de pacientes “externalizados” en Conxo, suicidios en Unidades de Hospitalización Psiquiátrica sen protocolos vixentes de prevención.

Sen embargo o máis importante agora é que aquelas persoas coas que o SERGAS ten a obriga da atención sanitaria, e de defensa e promoción do exercicio dos seus dereitos (fundamentais e asistenciais), teñan mellorado as súas condicións de existencia grazas á vixilancia, compromiso e traballo das/os profesionais do sistema público e de quen defendemos a Sanidade Pública.

OUTRO SUICIDIO MÁIS NUNHA UNIDADE DE HOSPITALIZACIÓN PSIQUIÁTRICA. ¿COMO É QUE AÍNDA NON EXISTE UN PROTOCOLO DE PREVENCIÓN?

Hai uns días suicidouse unha paciente estando ingresada na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica (UHP) do Hospital Gil Casares, pertencente ao Complexo Hospitalario de Santiago.

Traxicamente a hospitalización realizada para previr o seu suicidio foi o marco no que este ocorreu, polo que na súa dimensión sanitaria cómpre o seu tratamento (investigación, comprensión e propostas de medidas a adoptar para prevención futura ) dende a consideración de incidente crítico.

O risco de suicidio de persoas ingresadas en Unidades de Hospitalización Psiquiátrica é unha das problemáticas máis importantes e frecuentes nestas Unidades. A súa prevención e a modificación dos factores que sustentan ese risco é unha das actuacións máis importantes neses espazos asistenciais.

Cúmprese agora un ano dende que denunciamos o falecemento, tamén por suicidio, doutra paciente ingresada na outra UHP do Complexo Hospitalario de Santiago, no Hospital Médico Cirúrxico de Conxo.

Xa daquela se contestou por aqueles que dirixen a atención sanitaria que se estaba a elaborar un protocolo que definira e orientara as actuacións preventivas para que feitos así non se produciran.

O certo é que a día de hoxe, un ano despois, o devandito protocolo aínda non se aplica na EOXI de Santiago, polo que cando menos estamos ante unha conduta dos responsables sanitarios calificable como neglixente na xestión da atención sanitaria prestada polo SERGAS, e que se inscribe no marco xeral de “deficiente funcionamento dos servizos públicos” recentemente sinalado polo Defensor del Pueblo.

Previr as mortes por esta causa en unidades hospitalarias esixe xa a adopción inmediata das medidas adecuadas, reforzando o carácter terapéutico desas unidades, dotándoas dos medios materiais, profesionais e de funcionamento necesarios e , entre eles, definindo e implantando mediante a participación dos profesionais os protocolos de prevención adecuados.

Pero debe chamarse a atención sobre o feito de que calquera plan preventivo ten que ser moito máis que un mero plan de control das persoas hospitalizadas. Polo contrario, ten que ser un conxunto de actuacións orientadas terapeuticamente e guiadas polo escrupuloso respeto aos dereitos fundamentais de tódalas persoas.

Urxe xa a revisión e implantación do protocolo de prevención, para mellorar a protección da saúde e da vida dos/as pacientes, e tamén para proporcionar orientacións claras ás actuacións profesionais que reduzan a súa indefensión.

A PESAR DO DENUNCIADO NON HAI NINGUNHA MELLORA NA UNIDADE DE HOSPITALIZACIÓN PSIQUIÁTRICA DA CORUÑA

Hai dez meses o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) denunciou publicamente o estado no que se atopaba a Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Complexo Hospitalario da Coruña.

Salientamos, naquel momento, as inaceptables e discriminatorias condicións físicas das habitacións (a metade dos pacientes debían usar baños colectivos), os déficits severos de funcionamento e de organización da actividade asistencial (carecíase de instrumentos para a participación e coordinación dos diferentes profesionais), a infradotación profesional según os estándares dos documentos planificadores da propia Consellería de Sanidade, os déficits de transparencia na xestión, e a incalificable aplicación da contención mecánica a pacientes (inmobilización das persoas mediante suxeición ás súas camas) que se estaba a realizar nunha habitación colectiva de tres camas, violentándose deste xeito os seus dereitos máis básicos.

En datas recentes o MGSM tivo coñecemento de que na devandita Unidade se sostivo no mesmo tempo en condicións de contención mecánica a seis persoas ingresadas, con ocupación plena do cuarto que dispón de tres camas para a suxeición sendo contidas nel simultaneamente tres persoas, e que un deses pacientes permaneceu nesa situación varios días (máis información AQUÍ)

Sóubose tamén que, a pesar da sua gravedade, ningunha das carencias denunciadas foi resolta neste tempo pola Xerencia da Área da Coruña.

O feito de que ata seis persoas se atoparan suxeitas en contención mecánica nunha Unidade de Hospitalización Psiquiátrica de 32 plazas, e que tres foran no mesmo cuarto, é incalificable. Constitúe un indicador moi preocupante do funcionamento desa Unidade, do grao de vulneración dos dereitos humanos que sofren os pacientes tratados dese xeito, e das penosas condicións nas que o persoal ten que desenvolver o seu traballo. Ponse así de manifesto a reiterada incapacidade dos xestores dese Hospital para cumprir coas obrigas propias do seu cargo.

Sempre se afirma, por quen dirixe os centros sanitarios e polos profesionais que neles traballan, que a contención mecánica é un medio indesexable, que só se xustifica como último recurso ante aqueles estados non previbles de alteración condutual das persoas ingresadas que poden crear riscos graves e cando esas alteracións non poideran modificarse por outros medios. Para seren cribles esas afirmacións, debera disporse dos medios (dotacións materiais e profesionais suficientes, espazos adecuados, actividades terapéuticas, formación dos profesionais e organización asistencial apropiada) para que a contención mecánica non chegue a ter lugar. O termo “último recurso” só ten sentido se antes os recursos necesarios están implantados e, neste caso, esa xustificación só son palabras baleiras.

A contención mecánica é unha actuación sobre a persoa que reduce a súa autonomía ao mínimo imaxinable (en rigor só ao espazo que fisicamente ocupa o seu corpo), que ten efectos daniños que potencialmente poden ser moi graves, que conmove, incomoda e dana con moita frecuencia a quen se lle encomenda realizala (persoal de enfermería), que está cuestionada por amplos sectores de pacientes e profesionais da saúde mental ao longo do mundo e dos tempos e ante a cal, explicitamente, se reclama dende diferentes instancias a súa abolición.

Debe impedirse que nesa Unidade se sosteña por máis tempo a situación denunciada. Cómpre definir polos profesionais os plans e os recursos necesarios para a prevención e superación da práctica da contención mecánica en tódolos espazos asistenciais psiquiátricos. A Consellería de Sanidade debe prever no futuro Plan Galego de Saúde Mental as accións necesarias para a súa erradicación e poñer os medios necesarios para que non chegue a ser xustificable o argumento de “último recurso”.

A sociedade e os seus representantes deben tomar esta cuestión nas súas mans definindo explicitamente que o obxectivo é a súa abolición, e vencellando o mesmo á mellora na atención á saúde mental da poboación e ao progreso na defensa da dignidade humana. Cómpre facelo porque afecta ós dereitos fundamentais das persoas, porque estamos moi atrasados nesta cuestión respecto a outros lugares do mundo, porque moitos dos afectados/as directamente por ela e amplos sectores profesionais véñeno reclamando hai tempo, porque a acumulación de información sobre os seus efectos debuxa unha realidade temible, porque existen experiencias exitosas de redución e superación da mesma, e porque é o mais antigo e máximo expoñente da violencia que aínda pervive na atención psiquiátrica, e que a pesar dos progresos, aínda hoxe en pleno século XXI, se resiste a desaparecer.

“OS DOENTES CON TRASTORNO MENTAL GRAVE E SEN RECURSOS, PEOR”

(da Declaración Fundacional do MGSM, 13 de febreiro de 2014)

Resulta tan doloroso como indignante constatar que o tempo da discriminación inxusta sigue detido para as persoas que necesitan coidado e tratamento en réxime residencial nas institucións hospitalarias psiquiátricas do SERGAS.

No Centro Hospitalario de Rehabilitación Psiquiátrica de Calde (Hospital de Calde), integrado no Complexo Hospitalario de Lugo, existen deficiencias (nos espazos nos que as persoas ingresadas desenvolven as súas vidas, nas dotacións de mobiliario, nos servizos de mantemento, nas axudas protésicas, nas comidas, nos espazos exteriores, nas dotacións profesionais, nas comunicacións coa cidade) de tal magnitude que ningún centro sanitario podería recibir autorización de apertura pola Consellería de Sanidade se na inspección previa preceptiva se observaran as que alí se observan.

Non é a primeira vez que é motivo de denuncia pública o que ocorre cos pacientes psiquiátricos no Hospital de Calde. Pero a pesar das mesmas, quen teñen a responsabilidade directa na súa dirección, negan feitos que xa nin sequera se poden esconder ou, no mellor dos casos, maquillan a Institución (é un exemplo disto o torpe pintado da fachada dianteira do Hospital ou dos espazos de acollida de visitantes mentras todo o demais se deixa como estaba, ou o agocho detrás dunha sorprendente acreditación de calidade -sic- para eludir a responsabilidade ante críticas á vulneración de dereitos das persoas).

O Hospital de Calde sofre un abandono intolerable só porque quen alí reciben atención son doentes psiquiátricos.

E mentres isto ocorre no Hospital de Calde, retornan ao Hospital Psiquiátrico de Conxo pacientes que foran “externalizados “ (en terminoloxía da época) entre os anos 2011-2013 e reubicados noutro centro psiquiátrico de titularidade privada no marco dun convenio asinado co SERGAS e dentro dun plan de redución da ocupación do Hospital Psiquiátrico público. Hoxe aqueles acordos económicos, aceptables para as dúas partes (centro privado e SERGAS) cando se intensificaba a crise financieira, xa non son rendibles. Entón, coma en calquera mercado inténtase fixar novo prezo. E non habendo acordo, devólvese aos “externalizados” á súa orixe.

Si falaramos de mercadorías case non teríamos nada que dicir. Pero falamos de persoas coas que se trasfega coma se foran cousas; persoas que tiveron que marchar primeiro dun entorno hospitalario coñecido (que era de feito a súa residencia, na cal estableceran relacións persoais e costumes) para ter que adaptarse a un novo espazo físico e social, do cal ao cabo duns anos (neste tempo presente) son de novo expulsados facéndolles retornar ao lugar de onde partiran.

Nos dous casos que aquí denunciamos estamos a falar de persoas de recoñecida vulnerabilidade, moitas delas tuteladas publicamente , institucionalizadas, e ante as que están incrementadas as obrigas de coidado e defensa activa dos seus dereitos tanto polos profesionais sanitarios como polas Institucións Públicas. O maltrato, activo e pasivo, que sofren vulnera gravemente os seus dereitos fundamentais e conleva o incumprimento polo SERGAS e a Xunta de Galicia das súas obrigas legais de protección dos mesmos.

O Movemento Galego da Saúde Mental xa fixo denuncia noutras ocasións de feitos similares e mesmo apelou, con decepcionantes resultados, á Institución da Valedora. Nesta ocasión, de novo iniciamos accións ante representantes e Institucións públicas.

Chamamos tamén a tódolos profesionais sanitarios, sociais e xurídicos con responsabilidade na atención a persoas en situación comparable a que, en exercicio do seu deber e en cumprimento do seu dereito e obriga á autonomía no exercicio da súa profesión, defendan activamente a dignidade das persoas, os seus dereitos humanos e asistenciais, e o acceso equitativo das mesmas aos recursos sanitarios e sociais.

Sentenza do TSX sobre o proceso selectivo de Xefe de Servizo de Psiquiatría do CHOP.

Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza  de Galicia na que desestima totalmente o Recurso que presentou o SERGAS contra a Sentenza do Tribunal Contencioso Administrativo Nº2 de Pontevedra.

Quedan definitivamente anuladas TODAS as resolucións da Comisión de Avaliación que actuou no proceso selectivo para cubrir a praza de Xefe de Servizo de Psiquiatría do CHOP.

Según esta sentenza, confirmatoria da primeira, a Comisión de Avaliación actuou con desvío de poder e falla de imparcialidade ao favorecer a un candidato (Isauro Gómez Tato) en perxuizo de outro (Victor Pedreira Crespo), e con flagrante conculcación dos principios que deben guiar os concurso públicos para a provisión de postos de traballo (igoaldade, mérito e capacidade).

A dirección do SERGAS ten que cesar agora, obligada por decisión xudicial, ao Dr. Gómez Tato como Xefe de Servizo e ten que nomear unha nova Comisión de Avaliación, que será xá a 4ª neste porceso, para voltar a avaliar aos dous candidatos, previa aprobación dun baremo razonado que mida os méritos de ámbolos dous concursantes e que, como debe ser, terá que facerse público antes de coñecer os currícula dos dous concursantes.

A sentencia é demoedora para o SERGAS, pero chega moi tarde. O proceso selectivo para cubrir a devandita praza comenzou en xaneiro de 2012, e resolveuse irregularmente (como agora se ratifica) en outubro de 2012  coa designación fraudulenta do Dr. Gómez Tato como Xefe de Servizo.

Esta sentencia, que chega 5 anos despois do nomemaneto irregular denunciado, obliga ao SERGAS a retrotraer todas as actuacións e a continuar co proceso selectivo que volve a estar aberto, debendo para elo nomear unha nova Comisión de Avaliación. Pero a dia de hoxe o Dr. Victor Pedreira Crespo xa está xubilado dende hai mais de 2 anos e medio.

Polo demais a sentenza é exemplar e merece a sua detida lectura. (AQUÍ)