Blog

BLINDAR OS SERVIZOS PÚBLICOS: A RESPOSTA MÁIS EFICAZ ANTE AS SITUACIÓNS DE CRISE. QUE NINGÚEN QUEDE ATRÁS, NIN AGORA NIN DESPOIS.

BLINDAR OS SERVIZOS PÚBLICOS: A RESPOSTA MÁIS EFICAZ ANTE AS SITUACIÓNS DE CRISE. QUE NINGÚEN QUEDE ATRÁS, NIN AGORA NIN DESPOIS.

Hai semanas que parecen anos, e a crise que estamos a vivir polo COVID-19 é un claro exemplo disto. E ao mesmo tempo, impresiona que estamos a pasar por todas as fases de dó dun xeito acelerado: negación- ira- negociación- depresión- aceptación.

A resposta colectiva, unha vez máis, é dunha grandeza indescritible: solidariedade, fortaleza, xenerosidade, creatividade, afectividade e humor, desenvolvidos dunha forma tan espontánea como intensa. Porque así somos as persoas nos momentos importantes. Convén recordalo, tanto no espazo da cidadanía como no espazo profesional: as persoas contamos con recursos propios suficientes para facer fronte a unha situación de crise, e estas capacidades agroman cando xorde o sentimento colectivo de pertenza, non frutifican no terreo estéril do individualismo. A cidadanía vai por diante dos xestores, cun profundo sentido da responsabilidade, tecendo redes de solidariedade anónima.

A tarefa da Administración, en materia de saúde mental, ha de ser a de organizar os procedementos e fluxos de traballo para garantir a accesibilidade á atención de quen o necesite (coas adaptacións técnicas que esta crise obriga a manter, para reducir o risco de contaxio) facilitando, en suma, que os profesionais realicen o traballo para o que están capacitados. Esta planificación xeral, que corresponde a consellería, xerencias de área e xefaturas de servizo de saúde mental, ha de realizarse de maneira que se poda dar unha resposta áxil e seguindo as directrices técnicas para este tipo de situacións. Non han de retrasarse máis. Especialmente urxente reforzar a atención das persoas ingresadas nos dispositivos psiquiátricos hospitalarios, tanto de hospitalización breve como en unidades residenciais, sen escatimar os medios necesarios, xa que tanto persoal como usuarios poden estar en situación de especial vulnerabilidade.

Os profesionais da saúde mental han de lembrar a competencia inherente das persoas para afrontar situacións adversas e saír adiante, á hora de deseñar as intervencións que se precisen, tanto de persoas afectadas polo coronavirus e/ou familiares como de profesionais sanitarios intervintes e outros colectivos profesionais que están en primeira liña e que tan necesarios son nestes momentos de restrición e confinamento.

Os profesionais da saúde mental han de estar preparados para intervir en caso necesario, mantendo a dispoñibilidade, atentos ás necesidades que os propios afectados poidan reclamar, sen retrasos dolosos, pero tampouco nun exceso de “furor curandis”.

Esta crise sanitaria pasará nos seus efectos máis devastadores na saúde. Con moitos damnificados. Con perdas significativas. Deixará de ser noticia minuto a minuto. E cando isto suceda, teremos que recordar que as persoas en situación de maior vulnerabilidade xa estaban sufrindo as consecuencias da crise económica (e o modelo austericida e neoliberal) dos últimos anos. “Os pobres son máis pobres”, repiten organismos oficiais e organizacións do terceiro sector.

As persoas en situación de vulnerabilidade e exclusión social están a padecer en toda a súa crudeza a crise sanitaria actual: confinarse na casa quen non ten casa? Confinarse nunha casa que non cumpre os mínimos de habitabilidade? Confinarse na casa con quen exerce violencia? Utilizar as novas tecnoloxías como modo de manterse conectado socialmente ou seguir o curso educativo quen está en exclusión dixital?

A abordaxe das Administracións central e autonómicas han de dirixirse de forma decidida a reducir unha fenda social que, se non se pon remedio, crecerá perigosamente. As decisións que se están a tomar nestas primeiras semanas para mitigar os efectos económicos que a crise sanitaria trae consigo (e que, por fortuna, fan ver que algo aprendemos da crise económica) han de manterse e reforzarse nos próximos anos.

E, por último, haberemos de recordar quen e como se esforzaron en dinamitar a sanidade, protección social e educación públicas, e non volver a cuestionar a absoluta e imprescindible necesidade de blindar os servizos públicos para estar preparados para as crises que poidan vir no futuro. Haberá que defender con máis forza se cabe os servizos públicos e non permitir que o esquezan quen teñen o privilexio de xestionar o que é de todos e todas.

Lembremos o que advertiu a OMS en 2011: as políticas que levaran a cabo os gobernos en materia de protección social e sanitaria ían ser decisivas para mitigar os efectos das crises económicas a nivel nacional, de tal xeito que os países cun sistema de protección social máis sólido, poderán mitigar moi significativamente o impacto da recesión económica na saúde mental.

Que ninguén quede no camiño.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*