Blog

AMPLIACIÓN DE ACTUACIÓN DO MECANISMO NACIONAL DE PREVENCIÓN DA TORTURA NO HOSPITAL PSIQUIÁTRICO DE CONXO. A XUNTA SEGUE SEN DAR SOLUCIÓN ÁS GRAVES CARENCIAS E Á VULNERACIÓN DE DEREITOS NA ATENCIÓN Á SAÚDE MENTAL

AMPLIACIÓN DE ACTUACIÓN DO MECANISMO NACIONAL DE PREVENCIÓN DA TORTURA  NO HOSPITAL PSIQUIÁTRICO DE CONXO. A XUNTA SEGUE SEN DAR SOLUCIÓN ÁS GRAVES CARENCIAS E Á VULNERACIÓN DE DEREITOS NA ATENCIÓN Á SAÚDE MENTAL

En escrito remitido en setembro de 2019 polo Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura-MNP (que en España exerce o Defensor del Pueblo no marco da Convención das Nacións Unidas contra a tortura e outros tratos ou penas crueis, inhumanos ou degradantes do ano 1984) a quen na Xunta de Galicia ten a responsabilidade sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo, infórmase da gravidade do estado da contención mecánica nese centro e indícanse as actuacións necesarias para controlar o que está a ocorrer con esa práctica.

Así mesmo, o MNP volve insistir na cuestión da protección da intimidade das persoas ingresadas e residentes nese Hospital Psiquiátrico (cuestión que, segundo a contestación que lle foi dada polos responsables do Hospital aos requirimentos do MNP, atoparíase en estudo no Comité de Ética Asistencial da Área Sanitaria de Santiago).

E para finalizar o escrito, o MNP dá un mes á Administración Autonómica para que se lle responda ás súas consideracións e recomendacións e recorda a lexislación que regula a Institución, a Ley Orgánica 3/1981, de 6 de abril, del Defensor del Pueblo.

https://www.defensordelpueblo.es/resoluciones/visita-al-hospital-psiquiatrico-de-conxo-en-santiago-de-compostela-a-coruna/

Esta resolución relaciónase cunha nova “Ficha de Seguimiento de la visita realizada por el MNP”.

https://www.defensordelpueblo.es/gestionDocumentalWS/rest/matrizSeguimientoMNP/17025032

É observable o que era esperable: o MNP nin podía nin ía deixar sen completar o traballo iniciado en 2017, que deu orixe ao informe sobre o estado do Hospital Psiquiátrico de Conxo no que se constataban actuacións coas persoas ingresadas que non son permisibles á luz dos Dereitos Humanos e segundo o previsto na Convención das Nacións Unidas antes citada.

https://drive.google.com/file/d/1Aq-vtUEx-o0IErdbQDG5gJUD1Ga3e2CW/view

Nunha primeira reacción os gobernantes da sanidade galega mesmo negaron a veracidade do informe do MNP (o Partido Popular chegou a facelo ante o Pleno do Parlamento de Galicia), e ao mesmo tempo os máximos responsables da Xunta evitaban dar a cara para así non verse salpicados polo estado de cousas denunciado, deixando de forma intolerable a responsabilidade da resposta ao MNP en cargos de baixo nivel administrativo.

Pero pouco a pouco tiveron que ir enviando contestacións ao MNP e xerando con elas (xa que algunhas delas eran meras evasións de resposta) novos requerimentos de ampliación da información e de realización de actuacións correctoras.

Nós xa anunciamos que ía ser así.

http://movementogalegosaudemental.gal/2019/02/26/todo-era-certo-agas-alguns-detalles/

E así está sendo tal como se reflicte na nova ficha de seguimento e na ampliación de actuación á que aquí nos referimos.

E deberá seguir así ata que se lle dea plena satisfacción ás indicacións do MNP e cumprimento á recomendación do Defensor del Pueblo sobre a transformación do Hospital Psiquiátrico de Conxo, que xa foi realizada en 2018.

https://www.defensordelpueblo.es/resoluciones/plan-integral-de-adaptacion-de-las-condiciones-estructurales-y-funcionales-del-hospital-psiquiatrico-de-conxo/

Non podemos deixar de salientar ao ir vendo a evolución desta cuestión o desleixo na dirección da administración sanitaria galega, a resistencia dos nosos gobernantes á cooperación institucional á que están obrigados e a súa insensibilidade ante os dereitos fundamentais de persoas que se atopan en particular situación de vulnerabilidade.

Pero dende a Consellería de Sanidade non van recoñecer en público ningún erro ou insuficiencia, e de seguro que contestarán a todo isto louvando aos profesionais, deixando nas súas mans a solución (e así de paso responsabilizándoos a eles/as), e anunciando que todo o van arranxar co Plan Galego de Saúde Mental que xa ían desenvolver entre o 2017-2020 (Conselleiro dixit ante o Parlamento).

https://drive.google.com/open?id=1zjN4i5LcotgckYbGnPigaBVN7tY75R29

O Movemento Galego da Saúde Mental denuncia a total falta de interese da Xunta de Galicia por adecuar as políticas de atención en saúde mental ás normativas de protección dos dereitos humanos ratificadas polo Estado español nos organismos internacionais dos que é membro, por garantir un enfoque baseado en dereitos e plena participación cidadá nas políticas sanitarias, e por resolver as carencias históricas en recursos e orzamentos necesarios para dar unha atención pública de calidade.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*