Blog

“SAÚDE MENTAL SEN ATADURAS. CONTENCIÓNS CERO” Día Mundial da Saúde Mental 2019

“SAÚDE MENTAL SEN ATADURAS. CONTENCIÓNS CERO”  Día Mundial da Saúde Mental 2019

A contención mecánica é a acción mediante a cal se inmobiliza con correas a unha persoa, fixándoa habitualmente a unha cama. Esta medida supón unha grave limitación da autonomía do individuo, reducíndoa á mínima expresión, ao lugar que ocupa o seu propio corpo.

A contención mecánica implica importantes riscos para a persoa sobre a que é exercida:

  • Crea un sufrimento innecesario, tendo un devastador potencial traumático a nivel psicolóxico.

  • Implica riscos físicos que poden derivar en lesións e incluso na morte.

  • Vulnera a dignidade e os dereitos fundamentais da persoa en contención.

  • E supón un sinalamento e un mantemento do estigma social cara os problemas de saúde mental.

Por outra parte non podemos obviar que a contención mecánica tamén ten efecto sobre aqueles profesionais encargados en último termo de levala a cabo. Prodúcese tamén nestes un sufrimento, resultado de levar a cabo estas accións, contrarias á función de coidado que lles é atribuída.

A pesares de que boa parte da poboación poida pensar que a contención, o uso de correas, son cousas do pasado… nada máis lonxe da realidade. Desgraciadamente segue á orde do día na maioría dos centros hospitalarios nos que se atende á saúde mental; tamén na nosa comunidade autónoma. E aínda que, debido á escasa transparencia que rodea a este tema, non é posible coñecer o número de contencións que se realizan no ámbito sanitario nin as condicións concretas nas que teñen lugar, sabemos que por poucas que fosen, de seguro son demasiadas.

Aínda que evidentemente o emprego desta práctica ten como obxectivo evitar un mal maior nun caso concreto e extremo, en ningún caso podemos considerala como unha medida terapéutica, senón máis ben unha medida de seguridade resultado do fracaso das terapéuticas e, en último extremo, do propio sistema psiquiátrico e sanitario. Porque a restrición non pode ser abordada nunca como parte dos coidados. Atar nunca é terapéutico, senón indigno, violento.

É por isto que dende o punto de vista dos dereitos humanos non existe outra opción que camiñar cara a redución das contencións, buscando finalmente a súa total abolición dentro do sistema sanitario e concretamente no eido da saúde mental. Cómpre para iso desenvolver e potenciar alternativas máis humanizadoras e que maximicen o respecto e a dignidade da persoa, especialmente na situación de vulnerabilidade na que se atopa durante un ingreso psiquiátrico. Deberá dotarse progresiva e suficientemente aos dispositivos e equipos de profesionais cos recursos precisos (a nivel de persoal, de formación, de medidas lexislativas,…) para ir construíndo unha nova realidade da práctica psiquiátrica, máis en sintonía co respecto dos dereitos fundamentais e da dignidade da persoa.

A primeira condición para deixar de conter é querer facelo. Por isto é inaprazable tomar a decisión de deixar de realizar xa contencións mecánicas. Calquera xustificación a nivel estrutural ou institucional que contribúa a manter este mecanismo denigrante debería ser entendida como unha negativa radical a un cambio indiscutible, perentorio e absolutamente necesario. E a oposición do Partido Popular en xaneiro deste ano a unha proposición non de lei presentada polo Bloque Nacionalista Galego e apoiada pola totalidade da oposición é o suficientemente clara.

Por todo isto, no Día Mundial da Saúde Mental esiximos ao Goberno de España, á Xunta de Galicia e ao Sergas:

  1. O cumprimento das normativas dos diferentes organismos e convencións internacionais dos que forma parte e que ten asinadas nos últimos anos en relación á promoción dun trato digno ás persoas con discapacidade e no eido da saúde mental, e que veñen vulnerando de xeito sistemático. E especificamente da Resolución do Consello de Dereitos Humanos da Organización de Nacións Unidas sobre Saúde Mental e Dereitos Humanos (2017), a Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade (2006) e as recomendacións realizadas polo Comité Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos Inhumanos ou Degradantes (2017).

  1. O desenvolvemento lexislativo da cuestión relativa aos ingresos psiquiátricos e concretamente á contención mecánica, recolléndose a mesma como unha medida de seguridade (non terapéutica) de carácter excepcional ante riscos inminentes non evitables con outras medidas de menor intensidade, e na cal toda actuación deberá ser guiada pola preservación da dignidade da persoa.

  1. A revisión de toda a acción e funcionamento da atención á saúde mental dende a perspectiva da súa adecuación ao respecto e protección dos Dereitos Humanos, promovendo a autonomía e a liberdade das persoas afectadas, así como o seu empoderamento, garantindo a súa participación efectiva na elaboración e avaliación de plans e normas e no funcionamento dos dispositivos asistenciais postos ao seu servizo.

Consideramos que a inclusión destes aspectos no Plan Galego de Saúde Mental que se está a elaborar nestes momentos é unha oportunidade que non se pode deixar pasar.

  1. A creación ou promoción dun sistema de recollida de información e rexistro de contencións de carácter obrigatorio que permita coñecer directamente a magnitude do problema e as variables que contribúen ao seu mantemento, así como a evolución da súa práctica, que debería tender a desaparecer.

  1. A dotación urxente dos recursos humanos mínimos necesarios para poder producir un cambio real neste tipo de prácticas e ofrecer unha atención pública digna á saúde mental na nosa comunidade.

Porque xa é hora de camiñar cara o obxectivo da contención cero.

Por unha atención digna á saúde mental. Por unha saúde mental sen ataduras.

One Comment - Leave a Comment

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*