Blog

PECHADO O CUARTO DE CONTENCIÓN

PECHADO O CUARTO DE CONTENCIÓN

Días antes de que no Obelisco da Coruña fixéramos a primeira representación pública da contención mecánica, acto que vimos repetindo tódolos sábados dende o 8 de decembro, aínda estaban ingresadas simultaneamente no cuarto de contención de tres camas da Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC) homes e mulleres.

Polo que fomos sabendo, cando saímos á rúa á Xerencia do CHUAC faltoulle tempo para ordenar á xefatura do Servizo a retirada da terceira cama. Nas semanas seguintes foi definindo a decisión á que estaba abocada: dotación de dous cuartos para ocupación individual, no suposto de uso de contención mecánica, con previsión de instalación de cámaras para a realización de “vixilancia intensiva”.

Parece que os xestores do CHUAC entenderon algo, pero non todo. Han de saber cales son os límites e o destino no que se move a contención mecánica (téñenos definidos, se os len, nas orientacións do Consello de Europa e na obriga de cumprimento da Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade). En particular que as cámaras non substitúen ao acompañamento; que deben crear un rexistro minucioso independente dese Servizo no que se fagan constar os episodios de contención; que deben facer un plan para a redución desta práctica e que hai que reformar e dotar material e profesionalmente dun xeito adecuado a esa Unidade, xa que as súas condicións son evidentes facilitadoras de tratamentos irrespetuosos coa igualdade de tódalas persoas atendidas no CHUAC e os dereitos humanos das persoas ingresadas.

A chamada “vixilanca intensiva” só é neolinguaxe para referirse ao de sempre na Psiquiatría (puro e duro control das persoas) se non é formulada como intensificación do coidado, que só comenza e é posible coa intensificación da protección dos dereitos das persoas necesitadas dese coidado.

Que doado era pechar ese cuarto! Por que tardaron tanto? Por que non fixeron nada dende que hai case tres anos comenzamos a denunciar esta situación, cando soubemos da morte dunha persoa en contención nese lugar?.

A realidade da existencia dese cuarto era inaceptable dende o respecto obrigado á dignidade humana, e máis aínda por funcionarios públicos. A mesma présa que se deron os xestores do CHUAC para modificala dende que o problema se puxo na rúa co acto do Obelisco, e se comenzou a difundir na sociedade, dinos ata que punto sabían que isto era intolerable. Pero non facían nada.

Pode que co tempo intenten negar mesmo que isto pasou, pero quedan as probas, as denuncias, as entrevistas en medios de comunicación nas que se chegou a defender a súa existencia por quen tiña a primeira responsabilidade de impedir a mesma, as preguntas parlamentarias, as respostas negadoras e evasivas dos gobernantes e do partido que o sostén no Parlamento de Galicia. Queda a acción do Obelisco nas redes e na memoria de quen a protagonizou.

Deixa tras de si tamén o beneficio de ter sacado á luz pública prácticas que ocorren nos nosos hospitais trasladando así á sociedade algo que necesita saber para que poida dicir o que quere que sexan as cousas da atención á súa saúde mental. Deixa tamén a presentación da iniciativa parlamentaria para avanzar cara a superación desta práctica co cumprimento inmediato das orientacións do Consello de Europa, a receptividade e previsión de acción do Defensor del Pueblo e a apertura de dilixencias de investigación penal pola Fiscalía Provincial da Coruña.

E doutra vez ponse diante de nós o valor da mobilización, de sair á rúa, de informar á sociedade, de non calar; e o efecto balsámico sobre persoas que sufriron esta práctica e que sentiron que alguén lles recoñeceu que foran inxustamente tratadas.

Pero inquietantes cuestións se nos formularon e quedan sen responder. Sendo que ese cuarto existía dende hai anos, ¿como pudo sosterse o silencio, convivindo coa súa realidade, por facultativos, anteriores xefes de servizo e profesionais diversos desa Unidade?, ¿como durou tanto o desleixo dos xestores do CHUAC, actuais e pasados?, ¿como foron tan pasivas as asociacións profesionais e de familiares ante estes feitos?, ¿como é que a fiscalía non tiña actuado para impedir a desprotección de persoas coa capacidade de autodefensa reducida?, ¿como a institución da Valedora nin considerou na súa actividade esta cuestión?.

Cremos que a pasividade e o silencio ante a vulneración dos dereitos das persoas é o que permite que esta se siga a producir, manténdonos no atraso. Esa pasividade fai que pervivan nas nosas institucións sanitarias prácticas que xa se denunciaban e enfrontaban no século XVIII, e que seguen a causar dano ás persoas, tanto ás que realizan esas accións como ás que as sofren, pero sobre todo a estas últimas.

Poñemos así fin á campaña que iniciamos para pechar o cuarto de contención no CHUAC. O cuarto pechouse.

Seguiremos atentamente a evolución do que queda en curso (actuación do Defensor del Pueblo, investigación da Fiscalía Provincial, tramitación e debate da Proposición non de Lei), e sobre todo a transformación desa Unidade de Hospitalización Psiquiátrica e a evolución da contención na mesma. E tamén seguiremos a traballar a prol da erradicación da contención e da violencia na asistencia ás persoas.

Realizaremos este sábado ás 13 horas, no Obelisco, a derradeira representación desta campaña. A ela vos convocamos.

2 Comments - Leave a Comment
  • Pingback: Pechado o cuarto de contención no CHUAC | A irmandade da costa

  • Eldonadeli -

    dos pacientes con problemas de saude mental, mostrandoos como persoas agresivas, que precisan deste tipo de atencions” e engade que “a realidade e que os pacientes que nalgun momento necesitan -pola sua seguridade e a de quen os atenden- de contencion son so casos moi excepcionais”. “Non se pode permitir que se mostre aos profesionais sanitarios (psiquiatras, enfermeria, etc..) dunha unidade de Saude Mental como persoas que non queren o mellor para a seguridade dos pacientes e dos propios profesionais”, engade o CHUAC.

  • Leave a comment

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    *