Blog

O PLAN DE SAÚDE MENTAL NON HA DE SER MANIPULACIÓN POLÍTICA

O PLAN DE SAÚDE MENTAL NON HA DE SER MANIPULACIÓN POLÍTICA

A chegada ao goberno da Xunta do Partido Popular en 2009 trouxo consigo no eido da saúde mental dúas grandes actuacións: a desplanificación activa neste eido da saúde paralizando sen explicación algunha o Plan Estratéxico de Saúde Mental e o control das estruturas directivas dos servizos de psiquiatría nomeando para as mesmas, sempre que lle foi administrativamente posible, a profesionais da súa confianza política.

Preparáronse así para o que ían facer: manter a atención á saúde mental nos mínimos posibles, paralizar os desenvolvementos que estaban en marcha e conter o malestar e as protestas que se ían producir. O de menos para quen nos gobernou dende o 2009 foi que se debilitaran as prestacións, que a desorganización asistencial se incrementara, que non existiran obxectivos de saúde definidos, que os indicadores de saúde empeoraran, que a carga sobre as familias aumentara ou que o índice de suicidios se elevara.

O gran obxectivo era político-xestor: reducir a atención á saúde mental , como parte da política xeral de recortes nos servizos públicos, ata o punto de tensión que a sociedade estivera disposta a soportar.

Así se explica que nas dúas primeiras lexislaturas de goberno do Partido Popular, utilizando mecanicamente a súa maioría absoluta no Parlamento de Galicia, se rexeitaran tódalas propostas unánimes da oposición de instar á Xunta para que elaborara os plans de saúde que son obrigados para calquera gobernante sanitario. Vimos así como negaron a importancia da realidade do suicidio en Galicia e como se opuxeron a elaborar o Plan de Prevención. Tamén como desconsideraron tódalas propostas respecto á necesidade de dotarse dun Plan en Saúde Mental.

Foi entón cando, xa levados os recortes ao punto de tensión máis duro posible e avanzados os plans de privatización que tiñan previstos,se produce o relevo na Consellería e o novo titular sen ningunha autocrítica expuxo que había que facer o Plan de Prevención do Suicidio e o Plan Galego de Saúde Mental, botándolle as culpas de non telo feito nin máis nin menos que ao Consejo Interterritorial del Sistema Nacional de Salud.

E deste xeito, no Pleno do Parlamento de Galicia do 21 de febreiro de 2017, o Conselleiro anunciou que ámbolos dous plans ían estar elaborados nuns meses, marcándolle ao Plan de Saúde Mental no seu propio nome un tempo de execución para o período 2017-2020.

Aínda estamos esperando por el…

Que ocorreu dende o anuncio do Conselleiro ao Parlamento hai máis de ano e medio?.

Vexamos:

  • Oito meses despois desa comparecencia, o 10 de outubro de 2017, ocupando publicitariamente o Día Mundial da Saúde Mental para dar apariencia de actividade, a Consellería anunciou a creación dun grupo de traballo para elaboralo.

  • Neste tempo ata hoxe diferentes comisións formadas principalmente por profesionais e nalgún caso tamén por algún membro da federación de asociacións de familiares, con escaso ritmo de traballo e con apariencia participativa, foron elaborando materiais e propostas.

  • Mentres tanto detrás do escenario consultores privados ían dando forma ao borrador do futuro plan, recollendo eles mesmos nalgunha das xuntanzas das comisións algunhas ideas.

E ao mesmo tempo todo seguiu indo a peor: publicouse o plan sobre o suicidio pero non se executou ningunha medida das propostas, continuou o deterioro asistencial, aumentou o ingreso de pacientes con procesos agudos fóra dos Hospitais Xerais renacendo as vellas estruturas de hospitalización psiquiátrica que críamos en superación, sostívose (cando non aumentou) a coerción e a violencia institucional no tratamento psiquiátrico, privouse activamente de atención psicolóxica a pacientes que a demandaban, ….

É o momento de fixar os mínimos tolerables.

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) fai a seguinte valoración de cales son os requisitos básicos imprescindibles (todos e cada un deles) para considerar a aceptación do Plan, deixando fixada a postura de que de non darse algún deles o Plan é inaceptable.

  • Só é aceptable un plan que recolla previa discusión e con publicidade as propostas de profesionais da saúde mental do sector público, por quen está afectado polo sufrimento psíquico e por quen ten a obriga legal da planificación sanitaria e a protección e promoción da saúde pública. A presenza de afectados en primeira persoa é unha condición ineludible, en cumprimento dos mandatos internacionais e en continuidade cos progresos xa producidos no ámbito de actuación en actividades similares no Ministerio de Sanidade e no de outras Comunidades Autónomas.

  • O Plan Estratéxico de Saúde Mental para Galicia debe situarse en continuidade coa planificación e a legalidade preexistente. Advertimos da intención de crear unha nova realidade técnica ao servizo da xustificación das accións privatizadoras e a mercantilización terapéutica que actualmente está en execución.

  • O modelo comunitario é a referencia básica na comprensión e resposta ás necesidades de saúde mental das poboacións, non só en España, onde mesmo ten soporte legal, senón en todo o mundo de xeito acorde coas orientacións da Organización Mundial da Saúde.

  • Os dereitos das persoas han de ser a referencia central das accións previstas no Plan. En particular a implantación do Consentimento Informado e a decisión sobre tratamentos debe contar cun desenvolvemento preciso.

  • A abolición da contención mecánica debe ser formulada explicitamente como obxectivo xunto coa previsión explícita de actuacións para chegar a facela efectiva.

  • O enfoque de xénero debe atravesar tódalas propostas, como corresponde ao coñecemento dispoñible , á sensibilidade social alcanzada, e á gravidade do sufrimento que produce a súa desconsideración.

  • A Atención Primaria de Saúde, dotada adecuadamente e reforzada profesionalmente, debe ser o centro de gravedade da futura resposta sanitaria ás necesidades da poboación en saúde mental.

  • A recuperación do equipo interdisciplinar en saúde mental, con igual consideración de tódalas disciplinas profesionais que o deben conformar, e en tódalas súas actuacións é unha proposta básica.

  • As previsións orzamentarias, a cuantificación das necesidades de dotacións materiais e profesionais axustando as previstas no Plan 2006-2011 á evolución sufrida nestes dez anos, a organización temporal da execución e a asignación de responsabilidade expresa ao órgano competente da Administración son unha esixencia básica. A diferencia entre un plan que só é propaganda progubernamental e a acción planificadora responsable á que a cidadanía ten dereito estriba en que o Plan conteña estes desenvolvementos.

Alertamos de que está en marcha una acción ó redor do Plan de saúde mental, que anuncia só propaganda electoral, e que está composta dos seguintes elementos principais: aparencia de participación ampla de profesionais e asociacións na elaboración dun texto xa previsto, utilización dos tempos para facer coincidir a presentación do Plan con acontecementos de interese político para o partido gobernante e principal responsable político de como están as cousas na saúde mental en Galicia, e utilización sistemática polo Conselleiro de Sanidade dos profesionais como argumento e parapeto para esconder as súas responsabilidades e xustificar as súas políticas.

Non debe ocorrer que dez anos de irresponsabilidade, danos e sufrimento queden impunes socialmente. Quen rexeitou as demandas de elaboración do Plan non pode hoxe acabar beneficiándose politicamente dun texto nun papel e quedar como se non tivera pasado nada, e por riba cambiar o modelo asistencial que tanto costou desenvolver.

O MGSM fai a seguinte proposta e chamamento ás entidades asociativas de profesionais e de familiares que participan na elaboración do Plan:

  • Non deben permitir o uso da súa sinatura e prestixio como aval dun texto se este non é compartido plenamente. Iso esixe que o proxecto de texto final do Plan lles sexa presentado antes da súa publicación e se lles dea o tempo necesario para a súa discusión entre os seus asociados e nos seus órganos de goberno.

  • Os profesionais deben reclamar colectivamente o coñecemento do proxecto de texto final, comprobar como foron recollidas as súas aportacións, solicitar as aclaracións oportunas (se xulgan que non foron incorporadas correctamente) e solicitar que se lles informe de quen decidiu sobre a súa non consideración. Estas actuacións deben realizarse preferentemente, como é normal, no marco das xuntazas das comisións de traballo.

  • As entidades asociativas deben reclamar, se así o consideraran, que se recollan os seus votos particulares e as súas propostas alternativas que non chegaran a alcanzar o acordo maioritario nas comisións de traballo como adendas ao texto final, en exercicio dunha práctica democrática elemental que ten precedentes ata na propia Consellería de Sanidade noutras épocas de goberno do Partido Popular (ver informe da Comisión Asesora de Saúde Mental de 1997).

Galicia quedou sen Plan de Saúde Mental hai case dez anos como consecuencia dunha decisión arbitraria do Partido Popular no Goberno da Xunta. Non ha de ser que quen fixo iso daquela e que continuou facendoo durante oito anos mais, faga agora, cando lle convén, o documento que lle interesa.

É responsabilidade de todas e todos nós impedilo, e é por iso que facemos un chamamento xeral á consideración das propostas que se conteñen nesta declaración, dende a convicción de que si se atenden e satisfán os requisitos que citamos avanzaremos cara o Plan que lle fai falla á nosa comunidade. E se iso non fora así, e como consecuencia nos opoñemos, evitaremos a manipulación política e deixaremos preservarda a nosa capacidade e o noso nome para cando, nun futuro, sexa posible facer deles o uso que merecen.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*