Blog

UNHA RESPOSTA VERGONZOSA

UNHA RESPOSTA VERGONZOSA

Hai uns días fíxose público o informe sobre o estado da atención ás persoas ingresadas no Hospital Psiquiátrico de Conxo, elaborado por unha Comisión Multidisciplinar do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura (MNP), exercido en España polo Defensor del Pueblo en cumprimento do previsto na Convención contra a tortura e outros tratos ou penas crueis, inhumanos ou degradantes, ratificada por España en 1987, e do Protocolo Facultativo dela derivado que tamén foi ratificado por España en 2006.

Nese informe deuse conta da grave situación na atención ás persoas atendidas nesa Institución dependente do Servizo Galego de Saúde, poñendo de manifesto cuestións como a insuficiencia xeral de recursos, a inexistencia de mecanismos de seguimento de pacientes, unha elevada taxa de incapacitacións e tutelas, a obsolescencia das instalacións, e casos de sobremedicación e uso de contención mecánica como castigo.

As resolucións e suxerencias reflectidas nel non foron respondidas ao MNP-Defensor del Pueblo según consta no citado informe.

Como consecuencia da súa difusión pública, a Xerencia (responsable directa do Hospital Psiquiátrico de Conxo) dirixiuse aos medios de comunicación que deron a noticia e cualificou de “incompleta” a información que sustenta o documento do Defensor del Pueblo.

O Movemento Galego da Saúde Mental, coñecedor da contestación por parte da Administración, valora e fai público o seguinte:

1- É inconcebible que a resposta a ese informe se produza por un órgano do nivel administrativo dunha Xerencia de área sanitaria ante os medios de comunicación e como reacción á súa difusión pública.

O MNP-Defensor del Pueblo dá conta da súa actividade ante as Cortes Xerais e ante o Subcomité da ONU para a Prevención da Tortura, e a súa misión inscríbese en obrigas legais contraídas polo Estado Español mediante unha Convención internacional.

A inexistencia dunha resposta dende o máximo nivel da Xunta de Galicia (a Presidencia ou , no seu defecto e no seu nome, a Consellería de Sanidade) é unha desconsideración inaceptable de compromisos de nivel internacional do Estado Español que supón un desprezo da cuestión que regulan eses compromisos (a prevención da tortura e dos tratos inhumanos e degradantes a persoas que se atopan internadas en institucións co conseguinte risco para o respecto aos seus dereitos).

2- Na constestación dada destacan vaguidades e respostas inconcretas que, máis que informar, parecen feitas para protexerse dunha posible esixencia de responsabilidades.

Así, resulta chamativo que se diga que o protocolo de contención se atopa en revisión, igual que o de prevención do suicidio, ou os sistemas de vixilancia, ou que as obras no centro son constantes. Desa maneira evítase calquera tipo de valoración pública ou información á cidadanía sobre a garantía para os dereitos dos pacientes en materia de gran relevancia. Tamén se evita responder á situación da tutela de dependencia pública que, se fose eficaz, sería un instrumento protector fundamental dos dereitos das persoas ingresadas.

3- Respóndense obviedades, como a de que as indicacións das medicacións dependen dos/as facultativos/as médicos/as cando non podería ser doutro xeito. Pero o que debe salientarse é que se recoñece a existencia da suxeición química e non se nega a inxustificable utilización (como castigo, según o informe), sen os controis e rexistros esixibles, da suxeición mecánica.

4- Fáltase á verdade cando se di que os recursos profesionais existentes son os adecuados e se corresponden co indicado en “estándares consensuados” (sic). Neste senso, nin sequera se fai explícito de que estándares consensuados se está a falar. Polo contrario, se tomamos como referencia os documentos producidos na Consellería de Sanidade ao longo da súa historia nos que se planifican os dispositivos asistenciais públicos para a atención á saúde mental en Galicia (*) constátase a chamativa carencia nas dotacións.

Para que o Hospital Psiquiátrico de Conxo poida cumprir na actualidade a súa misión rehabilitadora e non a predominantemente asilar que realiza e que é propia de épocas moi lonxanas (tempos sociais, políticos e sanitarios pre-reforma psiquiátrica) necesitaría, según as indicacións técnicas, aumentar as súas plantillas coas seguintes dotacións profesionais: 3 psiquiatras, 7 psicólogos/as clínicos/as, 23 enfermeiras/os , 8 TCAE, 4 terapeutas ocupacionais, e 2 traballadoras/es sociais.

A carencia de profesionais é manifesta. O Hospital Psiquiátrico de Conxo necesita ser reforzado profesionalmente e orientado con decisión cara á rehabilitación das persoas que atende, xunto cun firme compromiso nese sentido dos responsables da Consellería de Sanidade e da Xerencia de Xestión Integrada da área, e tendo como centro e guía dese proceso o respecto e defensa dos dereitos das persoas.

En síntese: os responsables do goberno autonómico desconsideraron á Institución interpelante e non trataron coa importancia que merece a cuestión que motivou a súa inspección. Deuse unha resposta aos medios de comunicación elusiva de responsabilidade, enmascaradora dos feitos máis graves, e falseando datos obxectivables. E, por se fora pouco, non se reflicte nesa contestación a intención de corrixir a grave situación dada a coñecer.

(*)

– Bases para a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental (1987). Consellería de Sanidade. Paxs. 19-20.

Plan Estratéxico de Saúde Mental Galicia 2006-2011. Consellería de Sanidade.Paxs. 60-64.