Blog

VALORACIÓN DO PLAN GALEGO DE PREVENCIÓN DO SUICIDIO

VALORACIÓN DO PLAN GALEGO DE PREVENCIÓN DO SUICIDIO

Xa se coñece o Plan Galego de Prevención do Suicidio elaborado pola Consellería de Sanidade. Por fin despois de máis dun ano dáse a luz ó documento.

Cómpre recordar que a oficina rexional europea da Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu en 2011 dos riscos que a crise económica en curso creaba para a saúde mental das poboacións e de incremento de suicidios. Nun documento específico propoñía, baseándose en datos, medidas que os Estados debían implementar para previr o que se anunciaba. En Galicia as principais medidas propostas non se adoptaron.

Á vez a 66ª Asemblea Mundial da Saúde aprobou en 2013 o plan de acción en saúde mental 2013-2020, no cal se asumiu polos estados membros o obxectivo de reducir en cada país a taxa de suicidios nun 10% para o 2020. A OMS elaborou e difundiu un documento específico para orientar ós paises nas accións a desenvolver e recomendou desenvolver estratexias nacionais. Catro anos despois temos só algunha concreción neste Plan que aquí valoramos.

Tamén na pasada lexislatura do Parlamento español, o Congreso e o Senado instaron, por unanimidade, ó Goberno de España a elaborar un plan de prevención do suicidio. Non se cumpriu ese mandato.

Á vez no Parlamento Galego, tamén na anterior lexislatura, a totalidade da oposición instou en catro ocasións á Xunta de Galicia a elaborar un plan galego de prevención. Os gobernantes minimizaron o problema e acusaron á oposición de instrumentalizalo politicamente, e a Consellería de Sanidade non fixo nada.

Ademais, no ano 2012, un grupo de traballo formado por profesionais de Galicia elaborou a “Guía de Practica Clínica de Prevención y Tratamiento de la Conducta Suicida”. Esa guía é a orientación de referencia para o Sistema Nacional de Salud Español. En Galicia, as medidas que propón non se incorporaron sistematicamente á práctica asistencial, descoñecéndose o seu grado de implantación debido á carencia de iniciativa, seguimento e avaliación no SERGAS.

E xa no ano 2016, o Movemento Galego da Saúde Mental levou ó espazo público a campaña Badaladas pola Prevención do Suicidio, reclamando o plan galego de prevención. Cando levábamos un mes e medio na rúa con accións de sensibilización, a mediados de xuño, a Consellería anunciou o comenzo da elaboración do plan.

Mentres pasaba todo isto, a Xunta desentendíase desta cuestión en plena crise económica e cada día morría por suicidio unha persoa en Galicia. Mortes inaceptables cando eran evitables, que xeneraron cifras únicas, tan só comparables se acaso coas mesmas do ano anterior ou de calquera outro ano de Galicia. Elevadas

sempre, máis aínda cando non se fixo nada por quen tiña a obriga de coidar a saúde e a vida da poboación.

En 2016, volveu a aumentar o número de mortes por suicidio en Galicia: según datos do IMELGA foron 25 persoas máis respecto a 2015 alcanzando a cantidade de 345 en toda Galicia (un 7,71% de incremento, e unha taxa de 12,69). Outro ano perdido para a prevención. É xa imposible acadar o obxectivo acordado e recordado por OMS para o 2020.

O Plan que coñecemos ten un valor principal: coa súa propia existencia recoñece a gravidade do problema. E, ademais, danos unha idea do que xa se debería estar a facer. Son as súas propostas coñecidas e difundidas dende hai anos: o documento OMS de 2013 (1) xa as recolle, e o proxecto EUREGENAS (UE) (2) no que participan outras comunidades autonómicas do Estado Español xa as difundiu hai tempo.

E, como non podía ser doutro xeito, o Plan Galego recólleas. Está ben que a Consellería comence a facerse cargo desta responsabilidade e poña nos seus papeis as recomendacións xerais nas que vimos insistindo.

Pero o documento do Plan Galego que coñecemos contén cuestións moi preocupantes, que compromenten a súa fundamentación e cuestionan a súa viabilidade:

  1. Non cumpre cun requisito básico definido pola OMS na elaboración dun plan así: asignar recursos (fondos, tempo, persoal) e, polo contrario, anuncia baixo o que chama “principio de eficiencia” que se utilizarán os recursos existentes (páx.5).

  1. Non establece responsables institucionais da súa implantación, execución e avaliación; máis alá de referirse á creación dunha Comisión Interdepartamental que non sitúa no organigrama da Xunta.

  1. Non fixa un cronograma para a súa implantación e primeira avaliación.

  1. Preténdese minimizar a relación entre crise económica e suicidio ignorando que ésta é unha cuestión amplamente estudada e coñecida a nivel mundial (aínda que xa sabemos que Galicia é sitio distinto). O esforzo por ignorar esta relación chega a excluír das referencias bibliográficas documentos fundamentais de OMS-Europa, expresamente elaborados para orientar ós gobernos no afrontamento dos riscos da crise nesta materia e sobre a saúde mental en xeral (3).

  1. Presenta os datos de prevalencia do suicidio desagregados por grupos de idade, de quince, de dez e de cinco anos, sen xustificación e carecendo de calquera utilidade informativa, explicativa ou preventiva. Pero acaban valendo para transmitir a imaxe de que a posición relativa de Galicia neste grave problema non é a peor no Estado Español (páx. 24 a 27). A esta forma de utilizar os datos chámaselle “cociñalos” e constitúe unha forma inaceptable de tratar cun problema tan grave para a comunidade e tan doloroso para as persoas.

  1. Non recoñece a calidade superior dos datos do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), que ano tras ano nos recorda a infraestimación de mortes que por esta causa fai o Instituto Nacional de Estadistica (INE). Polo contrario, o texto remítese con eufemismos á discrepancia entre ámbalas dúas fontes de datos. Parecería lexítimo se non fora porque o propio INE recoñece a súa infraestimación. OMS xa sinalou que unha das primeiras tarefas de prevención é mellorar a calidade dos datos.

  1. Vencella a conducta suicida á enfermidade mental trasladando así a principal acción preventiva ó sistema asistencial da saúde mental. Psiquiatriza dese xeito condutas suicidas e estados anímicos depresivos das persoas, provocados en non poucas ocasións por unhas condicións de existencia atravesadas por desigualdades inxustas, e pasa a atribuír a súa principal causa a trastornos psíquicos e a súa prevención á actuacións dos profesionais de saúde mental, eludindo así os nosos gobernantes calquera responsabilidade sobre esta cuestión.

Desconsidérase entón a trascendencia preventiva de accións realizables dende os diferentes niveis da Administración e Goberno da sociedade, que causan efectos relevantes sobre a vida e o benestar das persoas e as comunidades. Así debe destacarse a importancia na prevención do suicidio da existencia de adecuadas dotacións sanitarias e de accesibilidade ás mesmas (en particular na Atención Primaria de Saúde), da dispoñibilidade de emprego, de condicións laborais menos precarias e ameazantes, de acceso de todos/as á dispoñibilidade de vivenda, de protección da poboación frente ó endebedamento enganoso e de cargas económicas insoportables, da mellora da xustiza social e das condicións de cumprimento de penas, da acción contra a violencia de xénero, da protección da liberdade sexual, da educación menos competitiva e máis centrada na convivencia e nas necesidades de desenvolvemento afectivo-social da infancia e da adolescencia, de incremento da protección e integración social dos sectores empobrecidos e/ou marxinados, da potenciación do apoio e integración comunitaria, do acceso á cultura e potenciamento da creación cultural.

Cómpre atender na prevención ó potenciamento dos factores de protección coñecidos.

  1. Insiste na estigmatización do suicidio ó utilizar no documento o termo “comete” (páx.43) para referirse á realización do acto suicida. Débese insistir en que se cometen delitos ou pecados e que ese termo é un dos reflexos máis claros do estigma que persigue a este comportamento humano.

  1. Supón tamén un maior risco de estigmatización a creación dun código de identificación específico no sistema sanitario para as persoas en risco de realizar condutas suicidas. Ese código, orientado á identificación, control e seguimento da persoa á que está asociado (páx.45) é unha das escasas propostas “novedosas” do Plan Galego e vai máis alá da codificación de enfermidade por necesidades sanitarias.

  1. Toma partido por un modelo explicativo da conduta suicida que carece de consenso profesional, reducindo artificiosamente a complexidade e significado individual e único que en cada persoa ten esa conduta. Ese posicionamento é innecesario para a actuación preventiva, introduce dogmatismo no documento, alonxa a sectores profesionais da saúde mental da identificación co mesmo e sustenta a uniformización asistencial da resposta ás necesidades de atención, apoio e comprensión da persoa en risco de realización de suicidio(páx. 18).

  1. Propón unha resposta asistencial da rede de saúde mental (en tempos e priorizacións) que parece descoñecer que os dispositivos asistenciais están saturados, que nin sequera se están a garantir no día a día as prestacións sanitarias obrigatorias. Ese estado de cousas constitúe, en si mesmo, un dos factores de risco de suicidio en persoas que están a ser atendidas nese nivel . A mesma valoración merece a implicación que no texto se lle propón á Atención Primaria de Saúde que, se ben é correcta formalmente, é imposible pola súa limitación de recursos (carencia de profesionais e tempo dispoñible para a asistencia) (páx. 45).

  1. Non fai unha soa referencia á participación de persoas que tiveron experiencia de suicidio en primeira persoa na formación de profesionais para a prevención e intervención, e na realización de actividades de educación comunitaria.

  1. Utiliza unha linguaxe inaceptable para unha sociedade respectuosa coa autonomía e dereitos das persoas. Así propón “…instaurar programas de prevención sobre os propios pacientes..”(páx. 43), en vez de “cos pacientes”, ou “…as persoas con ideación, intención ou plans suicidas requiren ser sometidos a vixilancia…” (páx. 47), cando ás persoas non é lexítimo nin legal sometelas excepto cando se quere aplicar sobre elas un castigo ou pena.

  1. Propón, nun arrebato de furor intervencionista, a farmacoterapia e psicoterapia preventivas a aplicar con persoas “… que mostran alto risco de problemas de saúde mental…” (páx. 50). Sobra recordar que os tratamentos terapéuticos só están indicados para cando están realizados os diagnósticos de enfermidade ou trastorno. A psicoterapia é un ben escaso na atención que presta o SERGAS por falla de profesionais capacitados e de tempo para atender adecuadamente ás persoas, a pesar de constituír ese tratamento unha prestación básica do Sistema Nacional de Saúde e, polo tanto, un dereito asistencial dos/as usuarios/as. A psicofarmacoterapia non está prevista para a prevención do suicidio e o seu uso fóra de indicación só redundará en máis gasto farmacéutico, máis intoxicación da poboación, probablemente máis incremento do risco, máis invalidación da persoa e máis negocio para as multinacionais do fármaco.

  1. Sorprendentemente establece que o 061 “…supón a porta de entrada ó sistema,…” (páx. 39). Imaxinamos que, aínda que grave, é un descuido de redacción, porque é sabido que só merece esa consideración a Atención Primaria de Saúde, aínda que nunca se sabe en que poden acabar e ter detrás estes aparentes deslices. Como tamén debe ser outro descuido tratar como unha “media” o que é unha “taxa”: a de 7,76 suicidios cada 100.000 habitantes en España en 2015 (páx.5).

En síntese, reduce o suicidio á sua dimensión asistencial sanitaria e psiquiatriza a súa comprensión e atención ó mesmo, evita compromisos de dotación de medios e de asignación de responsabilidades, non prevé accións para mellorar as condicións de existencia das persoas, desconsidera o valor que o suicidio ten como indicador de malestar social e propón recomendacións que deberan estar en aplicación na actividade ordinaria da Xunta dende hai máis de catro anos.

Pero, a pesar de todo isto, congratulámonos de que a Xunta asuma por fin que algo se debera estar facendo ante un dos máis graves problemas de saúde pública que padece Galicia. É este un fito histórico.

Notas:

(1) http://www.who.int/mental_health/suicide-prevention/es/

(2)http://www.juntadeandalucia.es/servicioandaluzdesalud/principal/documentosacc.asp?pagina=gr_smental_23_prevencionsuicidio_2

(3) http://www.euro.who.int/__data/assets/pdf_file/0008/134999/e94837.pdf

One Comment - Leave a Comment

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*