Blog

10 de setembro, pola prevención do suicidio, polo Plan Galego de Prevención

10 de setembro, pola prevención do suicidio, polo Plan Galego de Prevención

Despois de máis de tres meses do comezo da campaña Badaladas pola prevención do suicidio, cando xa se estendeu o seu son ao longo de Galicia o pasado 30 de xuño, cando ao fin se recoñeceu pola Consellería de Sanidade a necesidade dun plan de prevención, e recollido xa nos programas de goberno das forzas políticas que han de ser a alternativa na Xunta o compromiso de elaborar e aplicar ese plan de prevención, o vindeiro 10 de setembro, no Dia Mundial para a Prevención do Suicidio, daremos a última badalada en Praterías.

Compre non esquecer que en Galicia morre por suicidio unha persoa cada día e que esa realidade se agravou desde o comezo da crise alcanzando no ano 2014 o seu teito con 394 mortes por esta causa.

As políticas desenvolvidas polo Goberno Central e a Xunta de Galicia fronte á crise desprotexeron a sectores sociais vulnerables incrementando o risco de suicidio na sociedade. Desas políticas cómpre destacar como especialmente importantes: a carencia de políticas activas de emprego e un elevadísimo paro prolongado, a redución da protección social, o deterioro da sanidade pública e en particular o debilitamento da Atención Primaria de Saúde, a tolerancia gubernamental coa banca e a súa agresividade respecto ao cobro dos préstamos hipotecarios coa conseguinte vaga de desafiuzamentos.

Pero Galicia padeceu dende sempre elevadas taxas de suicidio. Sofre un grave problema de saúde pública tal como o define a Organización Mundial da Saúde (OMS). Só agora, cando este estado de cousas se ve agravado pola crise, nos decatamos de que convivimos impasibles cunha realidade intolerable. Realidade diante da cal os gobernos non só non fixeron nada senón que mesmo negaron as cifras das propias institucións oficiais, chegando no caso da Xunta e do partido gobernante en Galicia a rexeitar no Parlamento Galego nesta lexislatura (ata en tres ocasións) iniciativas realizadas pola oposición propoñendo elaborar o plan de prevención.

As recomendación da OMS comezan por afirmar que o suicidio pode previrse eficazmente e rematan por presentar o obxectivo de reducir en cada país nun 10% para o ano 2020 o número de mortes por esta causa. Imperativamente chama aos Gobernos a liderar e a desenvolver Plans de Prevención do Suicidio.

Para acadar ese obxectivo é necesario o compromiso de todos, e moi en especial de quen ha de gobernar Galicia no inmediato futuro.

956 Comments - Leave a Comment
  • Pingback: social signals seo service

  • Leave a comment

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    *