VALORACIÓN DO ESTADO DAS UNIDADES DE HOSPITALIZACIÓN PSIQUIÁTRICA NO HOSPITAL ALVARO CUNQUEIRO (VIGO)

A creación das dúas Unidades de Hospitalización Psiquiátrica (UHP), integradas no hospital xeral, supón o cumprimento das indicacións que pretendían normalizar a ubicación da atención hospitalaria ás persoas con necesidades de atención psiquiátrica no mesmo lugar que tódolos demais pacientes afectados por outras enfermidades ou trastornos. Ese é o aspecto positivo. Como tamén o é o incremento de prazas de hospitalización.

Pero á parte disto pouco máis podemos dicir positivo da reubicación das dúas unidades preexistentes no hospital Meixoeiro e no Nicolás Peña.

Así:

PROCESO SEGUIDO

– no proceso de deseño e organización desas Unidades non se tivo en conta a participación dos profesionais desperdiciando deste xeito o caudal de coñecementos dos mesmos. Pero tampouco os servizos de planificación específicos da Consellería cumpriron coa súa obriga de organizar o desenvolvemento dos recursos (non hai constancia da participación da Consellería na definición das Unidades do Servizo de Saúde Mental , á que debería supoñérselle unha cualificación superior para propoñer unha estrutura das Unidades acorde coa sua función específica e ás características diferenciais dos pacientes ós que van dirixidas).

– a falla de participación impediu que o mesmo proceso de reubicación constituíra un avance no proceso de integración dos colectivos profesionais que han de traballar nas Unidades. Esa é unha perda maior nun proceso de creación dun novo hospital.

ESTRUTURA

A valoración da estrutura debe facerse atendendo á finalidade do espazo e ós medios materiais que dotan unha Unidade de Hospitalización Psiquiátrica (UHP).

A hospitalización é un episodio asistencial con finalidade terapéutica no curso da evolución de moitas persoas con trastornos mentais. A primeira característica física dunha UHP debe ser a de favorecer a creación dun clima terapéutico. O espazo, a súa organización, os medios materiais disponibles e o seu funcionsmento deben estar ó servizo do proxecto terapéutico.

As Unidades citadas teñen as seguintes caracterísitcas indesexables:

– carecen de acceso a espazos exteriores

– non protexen a privacidade e intimidade das persoas ingresadas

– carecen de espazos diferenciados e necesarios: sala de estar, sala de visita, sala de usos múltiples (conta cun comedor reducido e cunha sala mínima non utilizable para actividades grupais das persoas ingresadas na Unidade). A ausencia de espazo para actividades grupais dirixidas terapeuticamente e de recursos para o ocio provoca a deambulación polo pasillo (interior) da Unidade. O espazo de comedor tan limitado fai que se produza o amoreamento e quendas para comer.

– non prevén que os usuarios poidan regular a iluminación das habitacións restándolle un control mínimo innecesariamente, e as cortinas (estores) non son adecuadas porque transparentan cando a iluminación interior é superior á exterior (pola noite, por exemplo).

– afondan na estigmatización ó dotar os cuartos de baño de pezas sanitarias “antivandálicas” , que tamén presentan deficiencias en duchas e dispoñen de espellos distorsionadores da imaxe corporal.

-non garanten adecuadamente a seguridade dos pacientes: espazos non visibles, camas inapropiadas, materiais con potencial lesivo, porta de evacuación de seguridade clausurada, sistemas de apertura de portas que dificulta o seu control.

DOTACIÓN

– se ben cada Unidade é de trinta prazas e se presentan diferenciadas, esa diferenciación é só formal xa que están interconectadas fisicamente e comparten o persoal directivo, e polas mesmas rota periodicamente o colectivo profesional de enfermería. De facto atopámonos cunha Unidade de sesenta prazas que se alonxa radicalmente das orientacións planificadoras.

– as habitacións individuais conservan a posibilidade de duplicación de camas que anuncia incremento de usuarios no mesmo espazo (xa producido nalgunha ocasión).

– as dotacións de facultativos (psiquiatras e psicólogos clínicos) atópase por debaixo dos mínimos das recomendacións planificadoras (según criterios de planificación tanto do Documento de Bases para a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental como do Plan Estratéxico de Saúde Mental, fan falla 2-3 Psiquiatras mais e 3-4 Psicólogos Clínicos, 1 Terapeuta Ocupacional e 1 Traballadora Social).

– carecen de Terapeuta Ocupacional, o que compromete a actividade cotiá dos pacientes e limita as posibilidades terapéuticas das Unidades.

PROXECTO ASISTENCIAL

Condicionado pola estrutura e o proceso seguido ata agora. Sufrirá as limitacións de dotación profesional e espacial.

Debe destacarse tamén que ás xuntanzas para programación asistencial diaria (estadillos) non se contempla que asistan os profesionais de enfermería, impedindo a aportación de coñecemento dos que manteñen unha relación máis directa e prolongada cos pacientes. Comenza a expresarse un modelo de funcionamento que xa estaba en superación hai tempo.

A insistencia na redución da estadía media anuncia unha preocupante orientación cara a mera redución sintomática, a esa finalidade contribuirán uns espazos físicos como os valorados aquí.

Os obxectivos terapéuticos das UHP dependen dos equipos asistenciais, das dinámicas de funcionamento e dos ambientes e climas relacionais adecuados. No Hospital Álvaro Cunqueiro están claramente comprometidos.

¿QUE PASOU?

A perda de oportunidade faise evidente. O proceso de deseño desas unidades, dende a consideración das caracterísitcas específicas dos seus usuarios e das suas finalidades e a orientación dos profesionais da Área, era tanto un instrumento como un fin en si mesmo.

Tal parece que estas UHP estiveran determinadas pola ignorancia sobre os seus usuarios e sobre as características específicas desas Unidades, e tamén motivos estraños á sua finalidade sanitaria. Ese é o precio de non ter promovido a participación dos profesionais que traballan nelas, e a iso non é allea a privatización do proceso seguido (dende o proxecto arquitectónico ata a toma de decisión sobre os materiais a utilizar).

VALORACIÓN

– perda de oportunidade de mellora nos recursos sanitarios da Área

– perda de oportunidade para a maior implicación dos profesionais

– resultado que desconsidera as recomendacións da propia Consellería en planificación de recursos en saúde mental

– comprométese a posiblidade terapéutica futura desas Unidades

– persiste o estigma no lugar onde menos debera operar

– vulnéranse dereitos dos usuarios e pacientes

– creanse condicións insalubres para os profesionais

O QUE É MALO PARA O PACIENTE É MALO PARA O PROFESIONAL

Posted in Blog and tagged , , .

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*